Feijóo presume de política social no centro relixioso que di "salvar" mulleres con discapacidade

Feijóo, durante a visita no centro de Crecente © Conchi Paz

A Congregación de Esclavas de la Virgen Dolorosa, orde relixiosa nada en Madrid nos anos 30 do século pasado, ten dous establecementos en Galicia: o centro ocupacional Nuestra Señora de la Esperanza, en Mos, e a residencia Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey, en Crecente. Ambos centros reciben dende hai anos fondos públicos da Xunta: na etapa do bipartito, por exemplo, lograron 20.000 euros dunha convocatoria aberta de subvencións para realizar reformas en Mos. Tras o retorno do PP ao Goberno a residencia de Crecente recibiu máis de 3 millóns de euros de fondos públicos por diferentes vías de adxudicación directa aínda que nos principios da orde figuran intencións como "salvar" mulleres discapacitadas ou "rehabilitar" nais solteiras. Este centro foi o escenario elixido polo presidente da Xunta para presumir de investimentos sociais.

Acompañado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, Alberto Núñez Feijóo realizou unha visita polo establecemento ubicado en Crecente -Creciente, segundo a orde-, o mesmo que en maio de 2013 recibiu unha achega de 250.000 euros malia incumprir ata catro normativas oficiais, tal e como admitiu a propia entidade relixiosa-. Tras saudar a monxas e residentes Feijóo subliñou o "compromiso da Xunta coa atención á discapacidade", materializado, di, en 94 millóns de euros "dedicados exclusivamente" nos Orzamentos de 2016. É, asegura, "un 45%" máis que en 2009.

O presidente presenta o financiamento deste centro como mostra do "compromiso da Xunta coa atención á discapacidade"

A Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2016 ou a Rede Galega de Atención Temperá foron algúns dos fitos sinalados por Feijóo nunha intervención na que, salienta a Xunta, o presidente "reivindicou o labor das mulleres e homes que colaboran dende a sociedade civil na atención á discapacidade". Salientou, nomeadamente, ao "traballo, esforzo e dedicación" das Esclavas de la Virgen Dolorosa, en cuxo centro a Xunta "está a financiar 60 prazas de discapacidade".

A orde afirma que nos seus cometidos está "salvar" mulleres con discapacidade, así como "rehabilitar" nais solteiras

Estas prazas, que en abril de 2014 a desaparecida Consellería de Traballo e Benestar definiu como "públicas", son enmarcadas por esta orde relixiosa na súa aposta por "acoller mozas adultas en calidade de internados" nas "casas" da entidade. Alí, explica a súa web realizan "acollida, axuda e atención" a cada residente, ás que se refiren como "nenas" malia tratarse de adultas, e "para salvalas non se escatima medio ningún". A intención, afirman, é "ofrecerlles unha vida digna" dentro "das súas marcadas limitacións, como persoas humanas e especialmente amadas por Deus". Estes labores, detallan, desenvolven a "misión específica e preferencial" da congregación", na que se inclúe a "dedicación ás mozas incapacitadas intelectualmente a fin de preservalas de posibles perigos" ou, noutros centros, o "servizo de atención e rehabilitación de nais solteiras".

A xustificación das achegas económicas

Tras asinar varios convenios a Xunta realizou un contrato negociado sen publicidade coa orde ao que prevé achegar ata 8 millóns

O financiamento directo da Xunta a esta entidade malia profesar este tipo de intencións foi xa reprochado en varias ocasións pola oposición parlamentaria, especialmente despois de que a Administración autonómica pasase de asinar convenios puntuais coas Esclavas a adxudicarlles un contrato negociado sen publicidade por exclusividade por 1,08 millóns de euros para o que a Xunta preveu sucesivas prórrogas ata chegar aos 8,04 millóns. Este é, precisamente, o financiamento ao que Feijóo se refería este martes.

A Consellería xustificou o contrato alegando que só a congregación relixiosa ofrece na zona a atención a persoas con discapacidade intelectual

O uso desta modalidade contractual, prevista pola lei para casos nos que a empresa ou entidade adxudicataria é a única que ofrece o servizo demandado, foi tamén obxecto de petición de explicacións no Parlamento, nomeadamente por parte da deputada do BNG Carme Adán, que en 2014 cuestionaba que esta orde relixiosa sexa a única opción para contratar un servizo de "atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual" nesa área de Galicia. A xuízo de Adán, non é procedente "deixar en mans relixiosas" que proclaman o modelo do "apóstolo supremo" o que "debería ser un dereito das persoas con discapacidade".

O departamento daquela dirixido por Beatriz Mato aseguraba na súa resposta que a residencia das Esclavas de la Virgen Dolorosa "é a única que conta cun número de prazas autorizadas e dispoñibles, da tipoloxía citada e na área de referencia". Ademais, xustificaba, os incumprimentos legais que cometeran mentres seguían recibindo fondos públicos xa foran subsanados en 2013 mediante "as reformas oportunas" e, adicionalmente, "contan con permiso de inicio da actividade", polo que "están en condicións de xestionar este servizo".

Emblema da orde relixiosa © Esclavas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.