Na campaña previa ás eleccións municipais de 2007 Alberto Núñez Feijóo percorreu practicamente toda Galicia. El non era candidato a nada, pero aquela primeira carreira electoral serviulle a xeito de xira de presentación entre o seu electorado e tamén entre a propia militancia e líderes locais do PPdeG, para quen o oco deixado por Manuel Fraga aínda estaba por encher. Unha década despois, o actual presidente da Xunta volve á estrada cun novo roteiro que o está a levar por un bo número de agrupacións da formación conservadora co obxectivo de tensar a estrutura da formación cara ás eleccións galegas. Este martes a parada foi en Celanova, onde Feijóo proclamou, xunto a Jose Manuel Baltar, que só o PP "merece" ostentar o Goberno galego.
O motivo oficial destes encontros é a presentación da candidatura de Feijóo á reelección como líder do PPdeG, posto ao que non opta ninguén máis e no que recuncará formalmente no congreso que partido celebra o 7 de 8 de maio en Ourense. A medio camiño entre o mitin e a asemblea, os populares convocan á prensa unicamente para tomar imaxes ao inicio da exposición do presidente, que despois fala ante cargos e militancia a porta pechada, respondendo tamén preguntas dos presentes.
Nos seus encontros coa militancia Feijóo gábase de non ser "un produto das redes sociais" ou "un showman"
O guión do discurso presidencial é recorrente. Galicia corre o risco de ser gobernada pola "multimarca de Podemos" co consentimento do PSdeG e só unha maioría absoluta do PP pode frealos. E para iso, advirte, cómpre evitar fugas de votos cara a Ciudadanos, partido ao que chegou a definir como "aliado de Beiras", segundo informa este mércores Faro de Vigo. O PP, abonda, é garantía de "control das contas", de "estabilidade", e ten á fronte un líder que non é "un produto de laboratorio", "das redes sociais", ou "da televisión". Nin "ningún showman" que emprega Twitter. Ademais, "ninguén quere máis a Galicia ca nós" e "ninguén" ten "un proxecto" para o país que non sexa o PP.
O presidente da Xunta chama á mobilización do seu partido para evitar un goberno da "multimarca de Podemos" co PSdeG
Estas mesmas advertencias para a "mobilización" lanzounas Feijóo ante a plana maior do PP de Ourense, cuxo aparello se presenta como fundamental nos comicios galegos, máis aínda nun contexto no que Democracia Ourensana ou Ciudadanos optan a captar sufraxios tradicionalmente populares. "Non é fácil a tarefa -di Feijóo-; agora hai que gañar ás Mareas, a Podemos, a Ciudadanos, ao PSOE e ao BNG". Todos eles, sinala, son "unha alternativa que non merece gobernar Galicia, porque non ten propostas, só liortas internas".
Baltar insta a Feijóo a manter o seu "compromiso con Ourense"
Feijóo pide apoios para "chegar ata o 2020 á fronte do Goberno galego" e José Manuel Baltar garante o seu apoio. Dende o atril o barón ourensán chamou a valorar o "esforzo" de Feijóo "nestes sete anos, e a súa achega para facer un verdadeiro Partido Popular de Galicia. El, só lle pide unha cousa: que "non perda o seu compromiso con Ourense". Deste xeito, o PP na provincia seguirá amosándose "orgulloso de que un ourensán sexa o referente en Galicia e en España nun momento no que neceitamos liderados coma o do noso presidente".