Todo Goberno ten as súas promesas estrela, proxectos que pretenden converterse en fitos políticos e emblemas de xestión. Na lexislatura na que o Goberno bipartito estivo á fronte da Xunta varios deses plans destacados tiñan que ver co autogoberno. Nun tempo en que moitas autonomías puñan ao día as súas ferramentas e con dúas forzas políticas, a priori, máis predispostas a afondar neste ámbito, o gabinete de PSdeG e BNG propúñase sacar adiante ambiciosos obxectivos como reformar o Estatuto, pero tamén outros de realización máis doada, como a Axencia Tributaria Galega, unha modificación que non requería maioría reforzada ningunha no Parlamento e que, polo tanto, só dependía da vontade do propio Executivo. En torno á metade do mandato o daquela presidente, Emilio Pérez Touriño, explicaba que o obxectivo da nova Axencia sería "gañar en eficacia na xestión tributaria propia", que Galicia xestionase os seus propios impostos.
Pero, igual que acontecía con outros proxectos, o tempo ía pasando e a Axencia non daba chegado, o que provocaba que subise o ton da férrea oposición do PP. O actual director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, exercía o seu labor de marcaxe ao Goberno instándoo, en abril de 2008, a "facer público o cronograma que manexa, se é que realmente dispón del, sobre a hipotética posta en marcha dunha Axencia Tributaria Galega". "O presidente da Xunta tense referido a esta cuestión en diferentes ocasións nos dous últimos anos pero, ante a falta de concreción dos seus anuncios" cumprían novas explicacións. "O feito de que transcorridos máis de dous anos desde o primeiro anuncio efectuado por Touriño aínda non se teñan producido avances significativos" era, para os conservadores, mostra de que o que "realmente pretendía" o socialista era "lanzar sinais de fume para evitar afondar noutras cuestións", como a "reactivación da economía".
En 2008 o PP vía a tardanza da Axencia como un síntoma de que o bipartito só lanzaba "sinais de fume"; o Goberno actual xa case acumula o mesmo atraso
Como é sabido, o Goberno cambiou e co cambio ficaron no caixón boa parte dos proxectos do bipartito. Pero, tras un ano gardado, o plan da Axencia Tributaria propia rexurdía a finais de 2010. Na presentación dos Orzamentos Xerais para 2011 o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba o organismo como "unha aposta firme contra a fraude" e como mostra de que o seu Executivo "cumpre a palabra dada" de "profundizar no autogoberno constitucional responsable" sen "incrementar os custos". Ese nulo impacto no gasto viría dado en boa medida porque, a efectos prácticos, a operación supuña suprimir a Dirección Xeral de Tributos e "volcar os seus efectivos na Axencia". Polo tanto, trataríase máis dunha decisión técnica que dun plan para incrementar a decisión do Goberno galego en materia de impostos.
No debate parlamentario deses orzamentos, a finais do propio 2010, o presidente e a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, púñanlle data á promesa: "a Xunta creará en 2011 unha Axencia Tributaria galega para perseguir a fraude fiscal". Pero pasou 2011 e ninguén tivo máis noticias do asunto ata o presente mes de marzo, cando, no marco do debate de política xeral, Feijóo recuperaba a promesa e fixaba unha nova data: abril do propio 2012. Pero a concreción presidencial virou de novo en indefinición este martes. Na inauguración dunhas xornadas empresariais sobre reformas fiscais a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, botaba man do mesmo anuncio pero explicaba que a Axencia Tributaria "se porá en funcionamento nos vindeiros meses". Como o xefe do Goberno galego, Muños explica que a súa finalidade será "potenciar a eficiencia na aplicación dos tributos", a "loita contra a fraude fiscal" e "mellorar os mecanismos de información ao contribuínte". O reloxo segue a correr.