Feijóo promete un barco militar para Ferrol por segunda vez en quince días

Responsables institucionais na inauguración do auditorio de Ferrol © Xunta

En Ferrol só teñen traballo tres de cada dez persoas. Así o acreditan os últimos datos dispoñibles da Enquisa de Poboación Activa (EPA), a mesma que amosa que a taxa de desemprego entre a poboación ferrolá xa supera a de ocupación apenas cinco anos despois de que ambos indicadores estivesen separados por máis de 30 puntos. O paro galopante é o principal síntoma dos males dunha cidade que ten o maior índice de envellecemento de Galicia e encabeza os rexistros de idade media e taxa de mortalidade do país mentres o seu número de habitantes xa non chega non aos 100.000 nin sequera contando a poboación flotante. Neste contexto, o único que lle chove a Ferrol son as promesas, especialmente para o sector naval.

Menos dun mes despois de que unhas dez mil persoas anegasen as rúas ferrolás para denunciar a "dramática" situación da comarca e declararse fartas de "falsas promesas" de "gobernos xordos e cegos" o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou este mércores a sesión de control no Parlamento, con claro ton de balance da súa media década no poder, para afirmar por segunda vez en quince días que os estaleiros de Navantia, os mesmos que desesperan agardando por un dique flotante salferido de medias verdades, poderían construír un novo barco militar.

En Ferrol só teñen traballo tres de cada dez persoas e a taxa de paro xa supera a de ocupación

Igual que hai dúas semanas Feijóo agardou para realizar o seu anuncio á pregunta da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, contra quen o presidente desprega unha especial dureza dialéctica. Dada a querencia presidencial por aludir á situación de Andalucía Díaz convidouno a abordar o panorama "dunha comarca en Galicia que supera as cifras de paro andaluzas, chámase Ferrolterra". "Que medidas vai tomar aparte de cargarse o Servizo Público de Emprego?", preguntou. 

Feijóo asegura que a Mariña Española lle fará un encargo a Navantia, pero non concreta prazos nin orzamento

O xefe do Executivo, despois de censurarlle a Díaz que fale de Ferrol como "a miña cidade" -"non estamos de acordo niso de que Ferrol é súa", dixo-, asegurou que mentres a parlamentaria de Alternativa "vive a conta da cidade" el está a "traballar" por ela. E dado que AGE fala "das gradas baleiras do naval" Feijóo dille a Díaz que así foi como "as deixaron vostedes". Agora, di, "hai un flotel e haberá un buque gris", en referencia a "un barco da Mariña Española" sobre o que non concreta prazos ou contías orzamentarias e que tamén foi suxerido hai poucas datas polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro.

Multiplicación de conselleiros na cidade

A enésima de promesa de carga de traballo para o naval ferrolán en plena época preelectoral chega nun contexto no que a Xunta procura contrarrestar os malos datos económicos cunha multiplicación de presenzas de conselleiros e outros cargos do Goberno galego na zona. Así, por exemplo, o propio Feijóo acudiu o pasado febreiro a recibir os directivos de Pemex na casa consistorial ferrolá. Nun acto que non lle foi anunciado á oposición municipal o presidente augurou que "quedan poucos meses para que en Ferrol poidamos empezar a construír buques civís e empecemos tamén unha nova época que acredite que este estaleiro é quen de conseguir pedidos para as próximas décadas".

O acto festivo das Pepitas converteuse nun aluvión de discursos gabando o compromiso das institucións gobernadas polo PP

Na mesma liña, a mediados de marzo o acto de inauguración do novo auditorio da cidade, que as autoridades fixeron cadrar coa festa das Pepitas, converteuse nun verdadeiro aluvión de discursos de responsables do partido do Goberno, a comezar polo alcalde da cidade, José Manuel Rey, e a sua "chamada á esperanza": "Levamos trescentos anos construíndo barcos e queremos seguir facéndoos", proclamou. En ausencia de Feijóo, de viaxe en México, o vicepresidente, Alfonso Rueda, e o conselleiro Agustín Hernández aproveitaron o acto festivo para glosar asuntos tan pouco lúdicos como o saneamento da ría, o consabido flotel de Pemex, a posibilidade de futuros contratos para Navantia ou mesmo gabanzas á estabilidade do goberno local e aos investimentos da propia Xunta.

Xuntanza con responsables de Pemex no Concello de Ferrol © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.