Feijóo, reelixido "presidente de la Junta de Galicia"

Treito do BOE do 28 de abril de 1981, no que se publicou o Estatuto © Goberno de España

O pasado 29 de novembro o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicaba o Real Decreto que facía oficial o nomeamento de Alberto Núñez Feijóo como xefe do Goberno galego. O documento, sancionado polo rei e coa sinatura de Mariano Rajoy, reflicte que o líder dos populares galegos foi elixido polo Parlamento galego "presidente de la Junta de Galicia". Esta publicación no BOE estendeuse notablemente polas redes sociais e non faltaron as voces que viron por tras da castelanización do nome do Goberno galego unha falta de respecto máis á lingua propia de Galicia, neste caso perpetrada polo Goberno central. Pero iso non é exactamente así.

Abonda botar un chisco a vista atrás para observar que non é, nin moito menos, a primeira vez que o BOE se refire á Xunta como Junta de Galicia, tamén para oficializar os nomeamentos dos sucesivos presidentes. Así, por exemplo, isto tamén aconteceu en abril de 2009, tras a primeira elección de Feijóo. O mesmo sucedeu en xullo de 2005, cando José Luis Rodríguez Zapatero asinou senllos decretos para establecer o cesamento de Manuel Fraga e o nomeamento de Emilio Pérez Touriño. En ningún dos casos se estaba cometendo un erro legal. Ben ao contrario, seguiuse ao pé da letra o Estatuto de Autonomía de Galicia ou, máis concretamente, a lei orgánica a través da cal se aprobou nas Cortes españolas.

A lei orgánica do Estatuto de Autonomía refírese á Xunta como 'Junta de Galicia'

Volvendo de novo ao BOE, neste caso ao do 18 de abril de 1981, é posible atopar o texto íntegro da Ley Orgánica 1/1981, de 5 de abril, de Estatuto de Autonomía para Galicia. Redactada en castelán, a norma fundamental da autonomía galega refírese ás institucións de Goberno que se ían crear, una pirámide de poder autonómico que ten na súa cúspide, precisamente, á Junta de Galicia. Cuestión distinta é que na tradución ao galego do texto estatutario se fixese o propio co nome da institución, que xa dende os tempos da preautonomía empregou o seu habitual -e lóxico- nome: Xunta de Galicia.

Así as cousas, o Real Decreto que nomea a Feijóo presidente por segunda vez axústase literalmente ao articulado do Estatuto de Autonomía. Polo tanto, para que esta disfunción deixe de existir cumpriría unha reforma estatutaria, aínda que só fose para que a Xunta fose Xunta na norma que lle dá sustento legal.

Nomeamentos de Feijóo e Touriño e cesamento de Fraga, no BOE © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.