Feijóo reivindica ser "máis de Podemos que os de Podemos", que son "burguesía"

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Ana Varela

No último treito da campaña electoral de 2012 a carreira cara ás urnas polarizouse: dunha banda, o PP e doutra, AGE, a coalición fiada apenas un mes entre Anova, EU, Equo e os Ecosocialistas que tiña a Xosé Manuel Beiras como cabeza visible. Alternativa medraba nas enquisas e reivindicábase como a forza que defendía a "xente do común". Foi neste punto cando o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, comezou a atacar a Beiras pola súa extracción social ou os seus estudos. O líder popular contrapuña unha orixe humilde, a súa, coa do histórico nacionalista, a quen acusaba de vivir "nun pazo" e ridiculizaba por "tocar o piano". Dende aquela campaña o líder da dereita recuperou o argumentario nalgúns dos seus momentos máis comprometidos: "Eu son un rapaz de aldea que non ten piano nin estudou na Sorbona", espetoulle a Beiras en pleno escándalo polas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado. Agora, o presidente recíclao de novo para facerlle fronte á emerxencia electoral de Podemos que vaticinan os estudos demoscópicos.

Como era de agardar, tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta Feijóo foi cuestionado a respecto da formación de Pablo Iglesias e se, como o seu homólogo estremeño, José Antonio Monago, chegaría a contemplar un pacto con eles. O titular da Xunta comezou por apelar á necesidade de "valorar seriamente" o estudo "aínda sendo consciente de que as enquisas, enquisas son", pero que supón unha "chamada de atención grandísima para os partidos que queren ser alternativa de Goberno".

"A min me gustaría que na miña familia houbese profesores universitarios, pero lamentablemente non tiven ningún"

Neste contexto, e apoiándose nas verbas de Monago, Feijóo explicouse ante a prensa: "A min me gustaría que na miña familia houbese profesores universitarios" pero "lamentablemente, non tiven ningún". "Nin os meus pais nin os meus tíos eran profesores universitarios" ou "persoas de clase social media ou burguesa". Máis aínda, "de 23 netos", só "tres fomos á universidade". Polo tanto, "se alguén quere plantexar a orixe social ou, entre aspas, a casta, eu son máis de Podemos que os de Podemos".

Feijóo acusa os "líderes" de Podemos de ser "claros descendentes da burguesía española", mentres que a súa familia non vén "da burguesía galega"

Pero a reflexión presidencial non ficou aí. Despois de comentar que ningún dos grandes partidos debe aspirar a "ser vicepresidentes de Podemos", senón a "presidir as institucións", foi cuestionado por se, como outros dirixentes do seu partido, considera esta formación como un perigo, no caso de chegar a gobernar. E aquí atopou oco oco para unha nova disertación "sobre a casta". "Eu, dende logo, non pertenzo a ningunha casta". Mentres, asegura, "hai líderes dese movemento" que "son claros descendentes da burguesía española e eu non teño nada en contra diso". Non se trata de que esta circunstancia sexa "mellor nin peor" pero, no seu caso, a súa familia non "pertence á burguesía galega". Asemade, o presidente aproveita a presunta para advertir de que "outros países" fixeron "esta introdución en determinados réximes" que "producen moita dor, moita incerteza e moita pobreza".

A evocación da súa etapa infantil nos Peares chega nun contexto no que, admite, o CIS reflicte unha "enorme desconfianza na política" e, por iso, "non creo que ninguén se poida sentir satisfeito". Así, promete un paquete de medidas anticorrupción que impulsará, afirma, só ou en compaña doutros grupos políticos. "Hai que seguir esforzándose con maior intensidade, hai que recuperar a confianza dos cidadáns" porque "o máis preocupante" da enquisa é "a inestabilidade política que reflicte".

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.