A folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia supera xa o mes e unha semana e suma o seu 27º día efectivo de paro coas posturas afastadas e unha nova xuntanza previda para o vindeiro luns 19 de marzo ás 11 horas. Logo de que os represetantantes dos traballadores rexeitasen a última oferta da Xunta e de que o Goberno tardase días en poñer nova data, tanto o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, como o presidente Feijóo manteñen as súas críticas á actitude dos sindicatos.
Feijóo, hai xusto un mes, xa lanzara a poboación parada e mileurista contra os traballadores de Xustiza
Desta vez foi Feijóo, que na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves repetiu a táctica empregada hai xusto un mes. Daquela, e cunha semana de folga, lanzara a poboación parada e mileurista contra o persoal de Xustiza que mantiña o paro. Cuestionara os sindicatos ao lembrarlles que hai galegos que non cobran 1.000 euros mensuais e que a estes, e máis aos parados, non lles deben parecer ben as súas reivindicacións. "Hai moitos galegos que non cobran mil euros ao mes; para eses galegos suporía cobrar un mes máis", dixera respecto ás reivindicacións do funcionariado, provocando a súa indignación e malestar.
Desta vez, e ante as mobilizacións da poboación xubilada que se están a dar en Galicia e no Estado, decidiu lanzar os pensionistas contra os traballadores de Xustiza en folga. "Hai miles de familias que están pedindo a actualización da súa pensión ao IPC, e hai un conxunto de sindicatos aos que lles parece que un incremento do 13% das súas retribucións é insuficiente", asegurou.
O presidente da Xunta lanza agora os pensionistas contra o funcionariado en folga
Feijóo, segundo el mesmo dixo, non é quen de "explicar a un pensionista galego" que non hai "diñeiro para incrementar as súas pensións segundo o IPC, un 1,4% ou un 1,5%" mentres o persoal de Xustiza leva a cabo as súas reclamacións. "Cando un pensionista escoita este tipo de reivindicacións salariais, non pode estar de acordo", insistiu.
"Miles de familias piden a actualización da súa pensión ao IPC, e hai sindicatos aos que lles parece que un incremento do 13% é insuficiente"
Ademais, o presidente da Xunta asegura que xa lle "queda claro" que o conflito na Xustiza "é retributivo" e que "hai partidos moi satisfeitos con este conflito". "Lamento que se utilicen os cidadáns desde as formacións políticas para sseguir prolongando un desacordo que é un desacordo salarial", isnistiu Feijóo, limitando as peticións dos traballadores en folga á suba salarial malia que nas súas reclamacións inclúense ata cinco puntos que afectan tamén aos recursos, os descontos nas baixas ou as amortizacións de prazas.
Por outra banda, os sindicatos volveron cifrar o seguimento da folga en arredor do 80%, mentres que a Xunta reduciuno ao 36%, aínda que recoñece que 984 persoas volveron secundar o paro e 775 participaron nos servizos mínimos dun total dun persoal duns 2.700 funcionarios.