Feijóo reúne o Consello da Xunta para comunicar a data das eleccións

Reunión do Consello da Xunta © Xoán Crespo

Galicia saberá este luns cando vota. O guión electoral do PPdeG leva meses sinalando outubro como marco para as eleccións galegas. Durante meses sinalouse os días 16 ou o 23 como datas máis probables e contra finais de agosto na contorna dos conservadores dábase case por seguro que a decisión presidencial caería finalmente no día 2 de outubro. No entanto, o lehendakari, Íñigo Urkullu, decidía a pasada semana adiantar as eleccións vascas ao 25 de setembro e marcaba así o guión das galegas, xa sexa para que Alberto Núñez Feijóo determine a coincidencia de ambas convocatorias ou ben para que teña que retornar ao roteiro orixinal de finais de outubro.

O xefe do Goberno galego reúne o Consello da Xunta ás cinco desta tarde para comunicar a súa decisión. Non en van, se a data elixida é o 25-S, este martes expiraría o prazo para que o Diario Oficial de Galicia publicase o decreto de disolución do Parlamento e para ditalo é preceptivo que o xefe do Executivo reúna o Consello para darlle conta da súa decisión.

Para convocar as eleccións Feijóo ten que reunir o Consello e ditar o decreto de disolución da Cámara, que o DOG debería publicar este martes

Como vén acontecendo con outras decisións determinantes no país, o que suceda finalmente non depende de máis factores alén da vontade de Alberto Núñez Feijóo, quen ademais conta neste caso co aval da lei que lle confire ao presidente a competencia exclusiva da convocatoria electoral. Na mañá deste luns, a preguntas da prensa, limitouse a indicar que sería pola tarde cando comunicaría o decidido.

Se o presidente decide separar a convocatoria da de Euskadi, o horizonte sería finais de outubro

Tras a reunión do Consello, Feijóo anunciará en rolda de prensa a data elixida. Se é o 25 de setembro comezarán a correr uns prazos que suporían o peche formal das candidaturas electorais dos partidos contra o 22 de agosto e o inicio da campaña o 9 de setembro. Se, pola contra, Feijóo opta por separar desta volta as eleccións galegas das vascas todo semella indicar que o horizonte sería o de finais de outubro, o 23 ou mesmo o 30 dese mes. Neste caso, a convocatoria dos comicios non chegaría ata, como moi cedo, a contorna do 29 de agosto e a campaña electoral iniciaríase nos primeiros días do mes de outono. A resposta, en todo caso, este luns.

Feijóo, nunha sesión de control © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.