A Xunta volve ao rego de Galicia Bilingüe. O colectivo contrario á normalización da lingua galega vén de anunciar que o Tribunal Supremo admitiu a trámite o seu recurso contra a sentenza do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo, unha máis das que invalidan o cerne da política lingüística do Executivo galego, ao tempo que a Consellería de Educación anuncia tamén que ten pensado acudir á Xustiza.
Feijóo e a Xunta volven situarse ao carón de Galicia Bilingüe, que marca o camiño da súa política lingüística
Malia que a oposición, CIG-Ensino ou A Mesa pola Normalización Lingüística amosaron o seu rexeitamento frontal á intención da Xunta de recorrer as sentenzas do TSXG, e a pesar da posición contraria da Real Academia Galega, o Consello Consultivo ou a comunidade educativa ao decreto do plurilingüismo, Feijóo e o PP volven situarse ao carón de Galicia Bilingüe, a mesma organización coa que varios dos seus principais dirixentes se manifestaron en Compostela pouco antes das eleccións autonómicas de 2009. E faino tan só días despois dunha masiva marcha na capital galega contra a súa política lingüística.
Galicia Bilingüe pide a Feijóo que acuda ao Supremo e que non pacte "cos que non se sentirán satisfeitos até ter laminado calquera espazo de liberdade"
O Goberno galego, tal e como asegurou nun polémico comunicado, xa anunciou o pasado mércores que realizou os trámites necesarios para recorrer as sentenzas que eliminan as bases da política lingüística. Non lle fixo falta atender ás peticións de Galicia Bilingüe, que vén de lanzar unha campaña a través de internet para solicitarlle ao presidente Feijóo que leve as sentenzas ao Supremo, aquelas que invalidan aspectos clave que este colectivo defende, e logo de instalo a que "defenda os seus principios e non pacte cos que non se sentirán satisfeitos até ter laminado calquera espazo de liberdade".
"Feijóo ofrece un pacto a quen non ten un concepto democrático do que implica a cooficialidade dos idiomas"
Galicia Bilingüe asegura que recorre as sentenzas para "reclamar o dereito a recibir o ensino na lingua mantera até os 8 anos" e para "lograr que a Administración educativa respecte o uso de ambas as súas linguas oficiais". "A admisión a trámite coincide coa reiteración da oferta de pacto realizada por Núñez Feijóo aos grupos de ideoloxía nacionalista", lembran desde o colectivo, que critica a Feijóo por ofrecer un acordo "a quen non ten un concepto democrático do que implica a cooficialidade dos idiomas e a persoas que antepoñen os seus intereses á mellor educación dos nosos nenos e mozos".
"O decreto recolle soamente dúas das súas promesas: a liberdade dos alumnos para expresarse na lingua elixida oralmente ou por escrito en clase e mais nos exames. Agora tamén ese dereito corre o risco de desaparecer do decreto por mor dunhas sentenzas do TSJG (sic)", di o colectivo contrario á normalización, que recorda a Feijóo que "os sectores pro-imposición lle chaman lingüicida". "Señor Presidente, os principios non se negocian. Se se teñen deféndense; recorra vostede as sentenzas", reclaman.