Entre os e as cronistas da política galega con máis veteranía aínda se lembran, pola súa intensidade, as roldas de prensa posteriores aos Consellos da Xunta presididos por Manuel Fraga. O patrón daba conta dunha inmensidade de asuntos e, na quenda de preguntas, podía dar lugar aos titulares máis lapidarios, moitos deles sen relación ningunha coa actividade do seu Executivo nin con Galicia. Coa súa marcha da Xunta este tipo de escenas deixáronse de producir e a presenza de medios de comunicación estatais na sede do Goberno galego reduciuse notablemente. Dende 2009 o papel de Alberto Núñez Feijóo como o barón máis destacado do PP que aínda vagaba pola oposición en Madrid devolveu, en parte, os asuntos da actualidade estatal ás comparecencias de San Caetano. Este xoves volveu acontecer. Feijóo foi cuestionado pola masiva manifestación independentista da Diada Nacional de Catalunya e, tras cerciorarse de que a pregunta viña dun medio con sede alén do Padornelo, lanzouse á procura do titular: Catalunya é España dende hai 500 anos, veu dicir.
"O BNG mira cunha certa envexa a manifestación de Catalunya pero a maioría dos galegos non sente ningunha envexa", di Feijóo
Segundo Feijóo, con independencia de que se "respecte" a "opinión" dos "cidadáns que foron a esa manifestación", "un non pode declararse independente da realidade". E, sempre segundo a visión do titular da Xunta e candidato á reelección polo PP, "a realidade é que Catalunya, Galicia, o País Vasco, Andalucía... o conxunto das comunidades autónomas, todas somos España dende hai 500 anos". Esta circunstancia, razoa, converte a marcha do 11 de setembro nunha "manifestación contra a realidade contundente de cinco séculos continuados da nación española" e por iso el "non a comparte".
Non a comparte el e, asegura, tampouco o fai a "maioría dos galegos, que nos sentimos españois". Despois de que o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, vise na mobilización catalá unha vía para aguilloar a Galicia á procura da "soberanía" Feijóo interpreta que o Bloque "mira cunha certa envexa a manifestación de Catalunya" pero "a inmensa maioría dos galegos non sente ningunha envexa por este tipo de manifestacións". "Galicia é unha comunidade libre, bilingüe, na que nos sentimos profundamente galegos" por ser esta "a nosa forma de ser españois". Ademais, engade, Galicia "asume as súas responsabilidades constitucionais e estatutarias e atende os seus compromisos financeiros e de servizos públicos".
Aínda que sen mencionalo Feijóo non esquivou a oportunidade de enviarlle un recado ao presidente catalán, Artur Mas. "Os gobernantes teñen que gañar o respecto cumprindo o seu deber" e os presidentes autonómicos, evidencia, "somos os representantes ordinarios do Estado" nos diversos territorios. Ao prometer ou xurar o cargo, abonda, "prometemos cumprir e facer cumprir a Constitución" e, nesta lóxica, conclúe, cómpre pedir "respecto polos cidadáns" e "lembrar que os gobernantes temos deberes".