Feijóo teima en que a oposición se sume á súa visión de Galicia

Vista da tribuna de convidados durante o debate CC-BY-NC-SA PSdeG

"O Estado son eu". A frase historicamente atribuída a Luís XVI de Francia, o Rei Sol, pairou simbolicamente este martes sobre o hemiciclo do Parlamento de Galicia, ante o que o presidente da Xunta se presentou para dar conta da situación política do país. Na sesión da mañá Alberto Núñez Feijóo pronunciou un discurso menos xerencial e máis político que noutras ocasións, con menos promesas pirotécnicas e máis anuncios de pequena dimensión e, polo tanto, máis realizables. Os ideólogos políticos do Goberno galego quixeron colocar nos titulares unha medida e unha idea: a rebaixa do IRPF que, segundo as primeiras estimacións, roldará os 80 euros anuais e a necesidade de que a oposición se sume ao diagnóstico que o presidente ten de Galicia.

Nunha estratexia dialéctica que, nunha primeira impresión, ben puidera ser interpretada como de modestia Feijóo presenta unha folla de servizos con "avances innegables" que, asegura, non son cousa súa, senón da cidadanía de Galicia. O PP "interpreta" o que "o pobo quere" e "tradúceo en accións" de Goberno, polo tanto, "negar a efectividade" da acción do Executivo é tanto como "negar inxustamente os méritos das galegas e dos galegos". Neste escenario, construído no medio da treboada económica, o país precisa políticos responsables, e "estar á altura da responsabilidade significa", por exemplo, "aceptar que Galicia está mellor que o resto de comunidades a pesar da nosa crítica situación". E, unha vez aceptada esta premisa, "deixar de pelexar" entre grupos políticos.

Os feitos emanados da Xunta son de todos e PSdeG, AGE e BNG "queren facerlle oposición ao Goberno" pero "ás veces fanlle oposición ao país", porque "non é razoable negar o que conseguimos entre todos". Mentres os teclados dos ordenadores e as pantallas dos teléfonos móbiles de varios deputados populares fervían con duras críticas contra a oposición a través de Twitter Feijóo insistía: os demais grupos "teñen que elixir se queren discutir permanentemente ou contribuír a algo" e facelo dende a convicción de que "o pobo maioritariamente nos vota, a xente maioritariamente quere que goberne o PP".

A resposta á oposición

Feijóo lanzaba estes convites a un diálogo e consenso que bosquexa como practicamente inevitable despois de dúas intervencións salferidas de imprecisións, como a aseveración de que en Europa "non hai" ningún banco público ou que as taxas "son impostos que discriminan perfectamente as rendas altas". Estas dúas afirmacións lanzounas para responder, respectivamente, ao voceiro do PSdeG, primeiro destinatario das ofertas de pacto, e ao voceiro do BNG, a quen recriminou, como adoito, as relacións da formación frontista con Bildu ou Esquerra Republicana. 

O BNG insta a Feijóo a "abandonar a arrogancia", o PSdeG a preguntarse "se a xente vive mellor que hai cinco anos"

"A súa verdadeira vocación é exercer de oposición da oposición", recriminoulle Jorquera, quen responde á insistencia no pacto sinalando que "para dialogar hai que escoitar" e "abandonar a arrogancia". Tamén Méndez Romeu se declara disposto a pactar, a comezar pola permanencia de Novagalicia Banco vinculada ao país e un plan de emprego, pero o presidente, di o socialista, debe comezar por abandonar a intención de impoñer a súa visión do país e preguntarse se "a xente vive mellor que hai cinco anos ou non", con independencia de que o seu Goberno estea "lexitimado polas urnas".

Beiras: "O respecto, como a credibilidade, hai que gañalo"

O retruque de Feijóo á oposición tivo un punto e aparte con AGE, aínda que sen chegar a polarizar o debate tanto como noutras ocasións. Con alusións, de novo, á suposta extracción acaudalada de Xosé Manuel Beiras o presidente conclúe que o líder de Alternativa vería o país coma el se tivese "as mesmas orixes", nesas nas que comprobou o "problema" do paro, asegura. "Saíu para me provocar pero non vou entrar, só me deixo provocar cando quero e me interesa", advertiu Beiras, estrela nas achegas dos deputados conservadores ás redes sociais. "O respecto, como a credibilidade, hai que gañalo", subliñou o histórico nacionalista, para quen o "nivel de incultura" do líder conservador fai "imposible que se poida dialogar" con el.

Feijóo, no seu escano © Parlamento de Galicia
Romeu diríxese ao presidente © Parlamento de Galicia
Beiras, durante unha das súas intervencións © Parlamento de Galicia
Jorquera, durante o pleno © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.