Feijóo teima en que "Galicia ten menos débeda" aínda que a duplicou dende 2009

Feijóo, con cargos do PP no mitin de Carballo © PPdeG

"Que a realidade non che estropee un bo titular". Esta máxima que resume o que nunca debera acontecer en xornalismo pode ser tamén aplicada a algunhas proclamas de campaña electoral, período no que algunhas das frases lanzadas en mitins e encontros con simpatizantes baten á hora seren confrontados coa realidade, especialmente se son inseridas -conscientemente ou non- entre datos fidedignos. Algo así é o que lle vén acontecendo ao actual presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, dende a propia pegada de carteis. Nomeadamente, a respecto dos cartos que debe o Goberno galego a respecto do resto do Estado e tamén a respecto do que os conservadores atoparon cando comezaron a gobernar.

"Galicia ten menos débeda", clamou Feijóo no hotel compostelán no que iniciou a campaña. "Galicia ten menos débeda", reiterou vinte e catro horas máis tarde nun mitin en Carballo. "Galicia fixo os deberes e agora temos menos déficir, menos débeda e menos paro que en España", abondou, para explicar que el e mais os seus conselleiros "fixemos un gran esforzo nos últimos anos para ser a comunidade autónoma máis estable e solvente de España, unha situación que nos facilite dedicar recursos a resolver os problemas dos cidadáns". Pero, Galicia ten menos débeda? En sentido estrito, non.

Se ben é certo que a administración pública galega foi a que mellor controlou o déficit público en 2011, non o é menos que a débeda pública, isto é, os cartos que a Xunta pide prestados, subiu exponencialmente dende 2009. Isto é o que reflicten os datos oficiais do Banco de España, dos que é posible tirar que este indicador practicamente foi duplicado en tres anos e medio, pasando dos 3.863 millóns de euros do inicio da lexislatura aos 7.627 que reflectían as táboas oficiais a finais de setembro. Isto significa un incremento do 97% e un récord na historia autonómica.

Malia non salientalos nos mitins electorais, os populares si veñen argumentando dende hai meses sobre os porqués deste incremento. Hai tempo que a Xunta, a comezar polo propio Feijóo, insta a non fixar atención nas cifras absolutas de débeda, senón no seu peso no Produto Interior Bruto (PIB) do país. Neste caso, Galicia mantense por baixo do 14,2% no que se sitúa a media estatal, pero a porcentaxe aumenta sistematicamente nos últimos anos. En 2009 este indicador estaba no 8,8% e, no segundo trimestre de 2012, acadou o 13,3%.

Feijóo, con simpatizantes nun mitin de Carballo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.