Alberto Núñez Feijóo reitera dende hai anos que a súa chegada á presidencia do PP de Galicia hai unha década se produciu grazas a unhas eleccións primarias. "Son produto de primarias", asegurou o actual presidente da Xunta en diversas ocasións malia que, como é sabido, aquela elección se produciu a través dun congreso por delegación a cuxo plenario Feijóo chegou como único candidato. Dez anos despois da remuda de Fraga e en plena efervescencia pola investidura no Estado e a precampaña galega o titular da Xunta teima en que no seu partido "hai primarias" aínda que os estatutos que rexen o funcionamento da formación impiden que estas se celebren.
A afirmación de Feijóo chegou desta volta no congreso do PP de Lugo. No irado discurso no que, entre outros aspectos, proclamou que non vai "permitir" que Podemos declare "a independencia" de Galicia como antes xa llo impedira "ao BNG" e "a Beiras", o líder do partido ironizou con que "algúns tenten darnos clases de renovación e de primarias". "Onde hai renovación e primarias é no PP, e imos seguir así, porque pensamos que niso consiste un partido", asegurou.
"Onde hai renovación e primarias é no PP", proclamou Feijóo este domingo
Malia á vehemencia presidencial e aínda que el mesmo apostou en público en varias ocasións por este procedemento, o certo é que as primarias entendidas como a elección de cargos e candidaturas mediante sufraxio universal cando menos da militancia do partido son imposibles no PP agás nas presidencias locais. O artigo 31 dos estatutos vixentes, os aprobados no décimo sétimo congreso dos populares, indica que "todos os militantes (...) teñen dereito a elixir os presidentes" por "sufraxio universal libre, igual e secreto, de acordo co sistema que se especifica nestes Estatutos". E ese sistema é o voto por delegación.
Os estatutos vixentes fixan o voto por delegación a través de compromisarios como sistema para elixir liderados
Así, no punto 31.2 explícase que "a elección do presidente nacional e dos presidentes autonómicos, provinciais e insulares do PP levarase a cabo mediante compromisarios elixidos en listas abertas". Para acceder a esa precandidatura, especifica, cómpre recabar cando menos 100 avais entre a militancia. Acto seguido prodúcese a elección de compromisarios, e convértense en candidatas "ante o congreso" quen obteñen "o apoio, cando menos, do 20% dos compromisarios". Unha vez no congreso, as listas que concorran a el só poden estar encabezadas "por quen obtivesen (...) a condición de candidato ante o Congreso".
Aposta polo cambio de normas
Alén da contraposición das verbas do presidente cos estatutos do partido, a imposibilidade de celebrar primarias para elixir liderados e candidaturas estatais e autonómicas foi recoñecida recentemente polo propio PPdeG. O partido fíxoo, nomeadamente, no seu "relatorio político participativo", que o propio Feijóo presentou en outubro do ano pasado como unha mostra de "humildade e autocrítica" da formación en Galicia.
O PPdeG admite no seu relatorio político que as primarias non están permitidas e avoga por unha mudanza que as instaure
No punto 2.2 dese documento, dedicado ás "novas formas de participación", descríbense as normas para a celebración de congresos e ponse o acento en que as presidencias locais se designan "mediante elección directa dos afiliados". "Un procedemento semellante tamén se debería aplicar aos presidentes provinciais e autonómico de Galicia" cando "exista máis dun candidato para o cargo", sinala, antes de propoñer "que se introduza na normativa interna do PP as modificacións oportunas co obxecto de posibilitar a elección directa por parte dos militantes das persoas titulares das presidencias autonómica e provincial.
Así as cousas, cabe concluír que a actual dirección do PPdeG é partidaria das primarias e que así o fixo constar por escrito, oficialmente, ante o resto da organización. Pero, igualmente, cabe ratificar que a elección de cargos e candidaturas mediante primarias non está permitida pola normativa que rexe o funcionamento interno do partido.