O foco é a cuestión. Como na súa comparecencia parlamentaria do pasado mércores, o presidente da Xunta insistiu este xoves en compartir dalgún xeito coa oposición a súa relación con Marcial Dorado. Fíxoo despois da reunión semanal do Consello da Xunta, sesión que o Goberno ateigou de asuntos de trámite e de informes sen validez legal pero que tivo, novamente, unha quenda de preguntas capitalizada polo asunto do narcotraficante. Igual que no Parlamento, o presidente volveu procurar equiparar as súas fotografías no barco de Dorado coa concesión de "axudas e subvencións" dende a Administración autónomica en tempos da coalición de PSdeG e BNG. Non por unha cuestión de "legalidade", senón de "hipocrisía", razoa.
Cos tres grupos da oposición reclamando no propio Parlamento todos os documentos sobre posibles relacións económicas enre as empresas de Dorado e o Goberno, Feijóo comeza a destilar parte desa información para procalmar que "onde maiores axudas e subvencións" recibiron estas compañías foi "no período 2005-2009", isto é, durante o bipartito. Nomeadamente, "as empresas do señor Dorado" tiveron unha achega de "125.000 euros no período do bipartito" por "solidariedade" a causa "dos danos producidos en instalacións das súas empresas". Este podería ser o caso, por exemplo, das axudas de emerxencia que a Xunta habilitou en 2006 tras unhas importantes inundacións.
Na etapa do bipartito concedéronse axudas de emerxencia tras unha vaga de inundacións
Malia admitir que non é posible poñerlle "ningunha tacha de legalidade" á concesión destas axudas, Feijóo teima en preguntarse "como é posible" que as empresas as recibisen "sabendo" os gobernantes que Dorado "estaba na cadea" porque xa era "narcotraficante". "Se lle imputa a un presidente que non coñecese unha persoa que posteriormente tivo unha sentenza por narcotráfico", "non pode ser que os mesmos estean dando axudas e subvencións cando esa persoa está no cárcere, iso chámase hipocrisía política", insiste o presidente obviando, non obstante, que calquera empresa pode recibir axudas se é legal e cumpre os requisitos esixidos na convocatoria.
Contratos por 5.000 euros no seu primeiro mandato
As múltiples preguntas da prensa ao respecto -que, unha semana máis, incomodaron notablemente ao equipo do presidente- provocaron que Feijóo deixase caer unha pinga máis de información. Na súa primeira lexislatura como presidente "hai facturas, que non axudas", por "importe de 5.000 euros" en concepto de "efectos navais e outras cuestións nalgunhas instalacións" adquiridos a empresas vinculadas con Dorado. Así e todo, o que non revela polo momento é se houbo ou non contatos "no resto de lexislaturas, nas que estivo o presidente Fraga". Esas, di, "se remitirán ao Parlamento" como pide a oposición, cando rematen as consultas de diversos sistemas "informáticos" da Administración.
O presidente admite contratos coas empresas de Dorado durante o seu mandato e evita aclarar, polo momento, se os houbo na época de Fraga
Neste contexto o titular da Xunta non disimula a carraxe contra PSdeG, AGE e BNG, a cuxos voceiros, di, se lles "viron con claridade as entrañas" durante a súa comparecencia. A Pachi Vázquez, Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera non só os culpa de seren "hipócritas", senón tamén de "gañar a pulso" a "desafección que teñen os cidadáns sobre a política". "Menos mal que no Código Penal non está tipificado como delito a hipocrisía", acrecenta, nun ton por veces hostil cos informadores.
Mentres isto acontecía en San Caetano, no Parlamento socialistas e nacionalistas ofrecían senllas roldas de prensa nas que tanto Abel Losada como Francisco Jorquera non deron, nin moito menos, o asunto por pechado. Para Losada Feijóo "insultou" o conxunto do país na súa comparecencia, "fiel reflexo da súa catadura moral", na que quedou patente que "o que sente é a publicación das fotos" e non "as consecuencias do narcotráfico". "Antepón os seus intereses aos da cidadanía, e iso é o peor que pode facer un presidente".
Pola súa banda, Jorquera, que tamén pediu xa "unha relación detallada de todas as subvencións e todos os contratos" de empresas de Dorado coa Xunta, coida que o propio Goberno galego debería remitirlle tamén esta documentación á Fiscalía "se observa indicios de delito". Á marxe dos contratos, Jorquera rexeita a técnica "do ventilador" que, di, pon en marcha o presidente, e non dubida que tras o seu "comportamento vergoñento" e de "falta de respecto ao Parlamento" hai aínda "máis motivos para demandar a súa dimisión".