Feijóo ve "un engano" a reforma legal para as preferentes que o PPdeG aceptou

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Conchi Paz

Si, non, si e, de novo, non. É a sucesión de posturas adoptadas polo PP a respecto das posibles solucións para as persoas enganadas coas participacións preferentes e outros produtos financeiros semellantes. Despois de que, o pasado martes, os conservadores aceptasen no Parlamento de Galicia a proposición de lei coa que o BNG pretendía evitar a quita á que están sometidos estes aforradores e, acto seguido, a rexeitasen no Congreso dos deputados, o Grupo Popular en Galicia aceptou o mércores unha iniciativa semellante introducida polo PSdeG a través dunha emenda. Este xoves o presidente da Xunta e xefe de filas do partido da dereita en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reduce o votado á categoría de "engano".

A preguntas da prensa tras a reunión semanal do Consello da Xunta Feijóo rexeitou que o seu grupo ou el mesmo incorra en contradición ningunha. Simplemente, di, "defendemos a única forma legal aceptada por Bruxelas" para que quen foron estafados e estafadas "recuperen os cartos". "Xa tiveron un engano cando lles colocaron as preferentes como para agora enganalos con propostas que non caben na lei", subliña. "Malia ás críticas que recibimos da oposición nós apostamos dende o primeiro momento pola arbitraxe", afirma, e "grazas a non cambiar o rumbo hai 18.000 familias que teñen autorizada a arbitraxe [por Novagalicia Banco] das cales 17.000 xa recuperaron" os cartos atrapados.

As arbitraxes aceptadas por Novagalicia son menos do 30% de todas as solicitadas, segundo datos do propio banco

Neste contexto, di, é no que chegou o seu anuncio de que "as persoas que, con carácer xeral, teñan aforros" en preferentes "por un importe igual ou inferior a 10.000 euros poderán ver recuperada a totalidade dos seus cartos", información que, di, lle facilitou o ministro de Economía, Luis de Guindos, nunha reunión recente mantida en Madrid. "Isto afecta a algo máis de 20.000 familias en Galicia", que "sumadas" ás que dispoñen da arbitraxe, supón que "o 60% de todas as persoas que pediron arbitraxe xa teñen unha solución satisfactoria". Nesta sucesión de datos o presidente obvia, non obstante, que as arbitraxes aceptadas -son, concretamente, 18.773, segundo datos de Novagalicia- supoñen o 29,94% de todas as solicitudes presentadas. Isto supón que sete de cada dez solicitantes de arbitraxe non tiveron, cando menos polo momento, unha resposta positiva. É o que lles acontece a 43.916 persoas.

Jorquera censura que o presidente venda "fume" para "xustificar o seu dobre xogo"

Mentres o presidente conclúe que "só hai dúas vías, a arbitraxe e a vía xudicial" e asegura que, "chegado o caso", a Xunta "tamén" pode "apoiar a vía xudicial para as persoas que non poidan ter o 100% dos seus aforros, dende o grupo que propiciou as idas e vidas dos populares, o BNG, o seu voceiro, Francisco Jorquera, censura o "dobre xogo" do PP e as "irrespetuosas" palabras de Feijóo, que ao seu xuízo supoñen unha "burla" para as persoas estafadas e, ao tempo, un "desprezo polo Parlamento" xa que, ao contrario do manifestado polo xefe do Executivo, o lexislativo galego si ten competencias para aprobar propostas de reforma legal que sexan enviadas ao Congreso dos Deputados.

Para Jorquera Feijóo teima na súa aposta por "vender fume" aos pequenos aforradores para "xustificar a súa traizón", agora "anunciando que nas próximas semanas" quen tivese atrapados menos de 10.000 euros poderán recuperar os cartos. Isto, di o nacionalista, é tanto como "zanxar en falso un problema que afecta a moitas máis persoas" que foron "enganadas e estafadas". "Feijóo pretende xustificar o inxustificable e crear falsas expectativas ao conxunto dos estafados", afirma o parlamentario do Bloque, quen subliña que a arbitraxe apenas resolveu "o 18% do volume total de preferentistas" en Galicia.

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Conchi Paz
Jorquera valora a actitude do PP, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.