Feijóo volve cargar contra a "falacia" da orixe social dos dirixentes de Podemos

Feijóo, durante a entrevista en TVE © RTVE

Feijóo volve cargar contra a suposta orixe social dos dirixentes e cargos públicos de Podemos. Se o pasado mes de novembro o presidente da Xunta aseguraba "ser máis de Podemos que os de Podemos" porque estes, segundo dicía, eran "burguesía" e el non; e se na campaña electoral de 2012 ridiculizaba a Xosé Manuel Beiras por "vivir nun pazo" e "tocar o piano", este luns teimou na súa crítica ao contexto socioeconómico dos fundadores da formación que lidera Pablo Iglesias.

"Os de Podemos veñen de clase media-alta e facerlle ver á xente que son de clase obreira é unha falacia", dixo Feijóo

Foi durante unha entrevista en Los Desayunos de TVE cando o xefe do Executivo galego aproveitou para cargar contra Podemos, "estes señores do 15M que agora foron evolucionando e que xa son un partido con deputados, nóminas, ingresos e asesores". "Querían advertirnos de que veñen de estratos sociais baixos e obreiros, algo que é perfectamente lexítimo, pero non; veñen de clase media-alta, e está moi ben que sexan fillos de avogados ou profesores, pero facerlle ver á xente que veñen de clase obreira, estratos sociais suburbanos ou clase económica baixa é unha primeira falacia porque non é verdade", asegurou ao ser preguntado pola formación.

Ademais, Núñez Feijóo asegurou que Podemos "acertou na linguaxe, na forma de expresarse e en dicir o que a xente quere oír", pero engadiu que non lle "parece ben" que este partido "empregue a soberbia e o desprezo cara ás institucións e cidadáns que votaron a outros partidos". "Non creo que sexan ningunha alternativa razoable no goberno, non sei se na oposición", insistiu o presidente da Xunta, que respecto das enquisas cre que o "relevante" é que reflicten que "a sociedade ve que os que poden ser unha alterantiva ao Goberno non están no Parlamento, polo que os cidadáns pensan que esta oposición non é a axeitada para poder gobernar". "Foron sobrepasados por estas prácticas e movementos", dixo.

Feijóo incúe "os nacionalistas independentistas" e a Podemos entre "aqueles que non están de acordo en respectarnos"

Sen facer referencia -nin case ser preguntado- pola realidade galega, Feijóo centrouse en analizar a política estatal e internacional e referiuse ás súas críticas ás supostas alternativas ao bipartidismo na mensaxe de fin de ano como "unha mensaxe xeral para todos aqueles que non están de acordo en respectarnos". E nese barco incluíu "os nacionalistas independentistas, os que non cumpren as leis, os que levan un pobo a unha desafección do conxunto da nación, os que teñen grandes proxectos e non os ensinan nin os plantexan ou os que teñen solucións para todo e non solucionan nada". "E tamén un movemento que a través da crise e da división está collendo realce mediático, pero desde a soberbia e a prepotencia e estas cousas sobran neste país", teimou.

Por outra banda, e preguntado pola gran manifestación en París para rexeitar o terrorismo á que acudiron varios líderes mundiais, Feijóo louvou a "enorme unidade internacional de Occidente e dos países democráticos" e animou a "acertar en distinguir entre eses 1.500 milóns de musulmáns e unha parte que utilizando o Corán comete asasinatos". Ademais, criticou a asistencia do presidente da Generalitat, Artur Mas, á marcha porque el, dixo, xa se sentiu "representado polo presidente e o Goberno do meu país". "Dáme a sensación de que hai unha hiperactuación neste asunto e noutros de carácter internacional e interno no que non se está acertando desde o Goberno catalán", engadiu.

O presidente da Xunta abre a porta a unha gran coalición: "O PSOE debe colaborar ante unha España sen maiorías aboslutas"

En canto ás enquisas, Feijóo cre que "o PP non pode dar nin todo por gañado nin todo por perdido" e criticou os que "falan sempre de coalicións electorais". "Hai máis incerteza electoral que económica e iso é moi bo porque significa que fixemos os deberes", manifestou, antes de lanzar a luva ao PSOE para unha gran coalición no caso de que o seu partido non acadase a maioría absoluta nuns futuros comicios xerais. "O PSOE é un partido que debe colaborar ante unha España nun escenario sen maiorías absolutas", advertiu, tras asegurar que os españois "terán a palabra" á hora de "decidir entre unha amalgama de partidos con plantexamentos descoñecidos e inéditos e un goberno para volver ao crecemento".

Feijóo, durante a entrevista en TVE © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.