Feijóo vólvese presentar ás municipais

Feijóo, cos seus candidatos ás cidades en 2011 (en branco e negro, quen non recuncan) CC-BY-SA PPdeG/Praza Pública

A comezos de 2011 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero atravesaba o seu peor momento mentres, en Galicia, Alberto Núñez Feijóo estaba aínda en todo o alto da onda da súa, en xeral, inesperada vitoria de 2009. Neste contexto o PP formulou a súa campaña electoral en Galicia nuns termos simples: quen se enfrontaban nas urnas eran "315 Feijóos fronte a 315 Zapateros", tantos como municipios hai no país. Catro anos despois Zapatero xa é historia, algúns daqueles Feijóos xa caeron en desgraza electoral ou xudicial e o panorama electoral preséntase para o PP notablemente máis convulso. Así e todo, os conservadores optan de novo por asociar a imaxe dos seus candidatos ás alcaldías á do presidente da Xunta, moi especialmente nas cidades.

Durante a pasada fin de semana Feijóo os seus candidatos como "garantía" de "vitoria" e "estabilidade" fronte ás forzas da esquerda e, moi especialmente, fronte ás mareas cidadás. Os alcaldables da dereita "representan un rumbo fixo e seguro, fronte aos que propoñen ir zigzagueando ata marearse", ilustrou, nunha nova metáfora sobre estas candidaturas. Alén dos ataques ás mareas, a Podemos, ao "independentismo" do BNG ou ás "loitas internas" que "desangran" o PSOE, as alocucións de Feijóo nos últimos días gardan notables semellanzas ás que lles dirixía aos seus cabezas de cartel urbanos nun contexto tan diferente como ao de hai catro anos.

Feijóo proclama que os candidatos do PP son "garantía de estabilidade" fronte "aos que propoñen ir zigzagueando ata marearse"

Aínda que protagonizara varios actos con eles, o que o PP máis resaltou naquela carreira electoral foi o celebrado na terraza do compostelán do Hostal dos Reis Católicos, onde os candidatos conservadores emularon a sinatura do Contrato con Galicia do seu xefe de filas. O documento que rubricaron coa bolígrafo Montblanc de Telmo Martín titulábase Manifesto pola cooperación e incluía sete compromisos como "superar os localismos para traballar por unha Galicia única", "facer máis con menos", poñer en marcha "gobernos austeros" , "ser transparentes" e non estar "atados ás minorías", en referencia aos gobernos de coalición de PSdeG e BNG.

Daqueles sete asinantes do manifesto só tres figuran na foto de familia que Feijóo vén de protagonizar coas súas apostas para as cidades en 2015. Unicamente dous deles, o coruñés Carlos Negreira e o ferrolán José Manuel Rey, recuncan tras facérense co bastón de mando grazas a cadansúas maiorías absolutas. Tamén repite en Lugo Jaime Castiñeira, quen vén de prometer acabar con "16 anos de corrupción" na cidade da Muralla nunha carreira electoral na que parte lastrado polo incumprimento do propio presidente a respecto da dotación de servizos ao Hospital Lucus Augusti, que segue a xerar un profundo malestar social e que será un dos principais condicionantes da campaña.

As substitucións

Tres dos outros catro protagonistas daquela instantánea continuaron na política institucional durante estes anos, aínda que só un no concello no que se presentou. O baltarista Rosendo Fernández, que ficou ás portas da alcaldía ourensá, exerceu a oposición aos dous alcaldes do PSdeG durante o mandato, responsabilidade que combinou coa vicepresidencia da Deputación provincial e mais coa secretaría xeral do partido na provincia. Así e todo, esta acumulación de cargos non impediu a súa substitución por quen foi conselleiro de Educación durante a última media década, Jesús Vázquez, mentres a lupa da xuíza De Lara se achega un pouco máis ás contas dos populares ourensáns.

Pola súa banda, Corina Porro apenas estivo un mes na corporación viguesa, que abandonou con rumbo á presidencia do Consello Económico e Social, un cargo de escasa relevancia política á que Feijóo a enviou para deixar o PP vigués nas mans de José Manuel Figueroa, eterno aspirante á candidatura municipal que pilotou a oposición nestes anos, pero cuxo acceso ao cartel electoral lle foi bloqueado pola colocación nel da xa ex conselleira de Facenda Elena Muñoz. No caso de Telmo Martín o seu aguante na corporación de Pontevedra tras fracasar no segundo intento de desbancar o nacionalista Fernández Lores foi inferior a un ano. Dende ese momento o tamén empresario da construción permaneceu no seu escano do Congreso dos Deputados, dende onde vén de ser recuperado para tentar regresar á alcaldía de Sanxenxo, que xa ocupou entre 1999 e 2006.

A saída de Conde Roa foi o primeiro dos innumerables capítulos xudiciais do goberno de Compostela, que segundo Feijóo virou en "capital do esforzo, seriedade e sentido común"

Quen, si logrou a vitoria en 2011 pero está, agora si, absolutamente fóra da política institucional e partidaria é o compostelán Gerardo Conde Roa, quen apenas durou nove meses na Alcaldía de Santiago tras a súa ansiadísima vitoria. A súa dimisión tras saltar á luz a fraude fiscal da súa construtora foi só o primeiro dos innumerables capítulos xudiciais vividos no goberno da cidade durante estes anos. O estourido da operación Pokémon implicou a Conde Roa e tamén a quen impuxo como substituto, Ángel Currás, quen á súa vez foi reemprazado polo conselleiro Agustín Hernández tras a condena por prevaricación de máis da metade do seu equipo de edís. Segundo proclamou Feijóo este domingo antes da nova foto de familia, tras todos estes avatares "a capital de Galicia converteuse en capital do esforzo, seriedade e sentido común".

Feijóo, cos seus candidatos e candidata CC-BY-SA PPdeG
CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.