Fernando Blanco pide "reflexión" sobre o uso político da xustiza tras sete anos de imputación

Fernando Blanco, no Parlamento cando era conselleiro de Industria © BNG

Sete anos despois da súa imputación, a Audiencia Provincial de Lugo comunicou ao ex-conselleiro Fernando Blanco o arquivo da causa que contra el mantiña aberta a xuíza Pilar de Lara. O que fora deputado do BNG pasou a ser investigado polas acusacións do empresario condenado, Jorge Dorribo, líder dunha trama acusada de fraude en subvencións públicas e tráfico de influencias. Tanto tempo despois, chegou o sobresemento. "Tarde", aclarou este martes en rolda de prensa o que era candidato ao Senado polo Bloque no momento no que decidiu dimitir. 

Fíxoo "absolutamente convencido", segundo dixo, e para non prexudicar o partido. Contaba con que o asunto se resolvería axiña e sería arquivado en tan só uns meses. Pero non foi así. O desprestixio "persoal, político e social", como denunciaron os seus avogados, chegou malia que finalmente ningunha das acusacións de Dorribo puido ser comprobada nin corroborada, tal e como indica agora a Audiencia Provincial de Lugo. Sete anos máis tarde. 

Blanco pide unha "reflexión" sobre a esixencia de dimisión por parte dos partidos a cargos públicos imputados

A súa situación, e a de  outros políticos en causas eternamente adiadas como moitas das que leva a xuíza Pilar De Lara, convidou a Blanco a facer unha "reflexión" que vai máis aló do seu caso e mesmo do que afectou a súa formación. Tanto o BNG como outros moitos partidos situaron a imputación --antigo termo que agora se resume en investigación-- como condición para esixir a dimisión dos cargos públicos. Dos propios e dos alleos. 

Como no caso de Blanco, son moitos os políticos que son exculpados e cuxa causa é arquivada moito tempo despois. Segundo el mesmo di, a súa situación fixo reflexionar sobre esas esixencias. Pide unha "reflexión" a todos os partidos sobre como "se pode usar a xustiza como arma política", por exemplo, naqueles aos que "non lles gusten os resultados" electorais. 

"Non é unha loita limpa, hai que facer unha reflexión. Eu, en termos políticos, estiven inhabilitado oito anos e isto non é razoable", dixo. Ao tempo, a voceira do BNG, Ana Pontón, pedía ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se "retractase" das acusacións que lanzara sobre o ex-conselleiro de Industria. Noutro caso, o ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, dimitiu tras ser imputado na operación Pokémon; a acusación foi arquivada seis anos despois logo de que o que era rexedor caese ante a esixencia de varios partidos. 

Advertiuno tamén un dos seus avogados, Evaristo Nogueira, que cre que "non se pode xudicializar a política para forzar dimisións". O caso é que Blanco xa non se ve na política --"todo na vida ten unha época", di-- e advertiu das "políticas de confrontación" actuais que, ao seu ver, é algo aínda máis grave que o tema das imputacións. 

Fernando Blanco, cos seus avogados, nunha foto de arquivo / CC-BY-SA Praza Pública

"Reformas" ante o "deficiente funcionamento da xustiza"

Fernando Blanco segue a preguntarse "por que tarda tanto" a resolución xudicial do seu caso cando nin el nin os seus avogados "comenaron nada nunca, nin positiva nin negativamente" pero si facilitaron "toda a información" sen intentar "nunca tratar de atrasar o proceso". Así, alerta do "deficiente funcionamento da xustiza" e pide reformas que a fagan máis áxil. "Alégrome de que rematase, a única dúbida que tiña era é en que tempo, desde logo errei no tempo en que ía ser resolta", dixo quen tamén lamentou que nalgún momento sentiu que "había xornalistas que xogaban a ser xuíces e xuíces que eran xornalistas".

Ademais, aumentou as súas críticas cando puxo en dúbida o "secreto de sumario". "Todo o mundo sabe que se vendía por cachos a tres euros", alertou tras agradecer o apoio á súa familia, aos seus amigos e ao BNG. 

"Hai xuíces de instrución que priorizan a investigación fronte aos dereitos dos investigados", di un dos seus avogados

Un dos seus avogados, Xoán Antón Pérez-Lema, criticou que haxa xuíces de instrución que "prioricen a investigación fronte aos dereitos dos investigados" e destacou que "desde o principio" se achegaron "probas" documentais da compra dun vehículo e a lotaría, cuestións polas que fora investigado. Segundo el, en marzo de 2014 xa se podía ter pechado a causa e apuntou a Fiscalía, que non se pronunciou nese sentido, o que atrasou o sobresemento. 

Evaristo Nogueira, ademais, considera a Blanco o "paradigma desa pena que non está recollida no Código Penal" porque "hai unhas consecuencias irreparables, políticas, persoais, que non teñen volta atrás"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.