Ferreiro aposta pola mobilidade sostible e a xustiza social no cumio das cidades do Arco Atlántico

Xulio Ferreiro, durante a súa exposición © Concello da Coruña

A Coruña acolle esta fin de semana a Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. A xornada desenvolvida este venres, tal e como destaca o Concello, serviu para presentar as bases da Declaración da Coruña, "o documento que marcará as liñas de cooperación dos municipios atlánticos" e que se asinará o sábado no Pazo de María Pita.

A Coruña acolle a Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

"No contexto no que estamos a analizar as consecuencias do Brexit, e no que a UE vira cada vez máis cara ao leste, as localidades do arco atlántico debemos poñer en valor as potencialidades da parte máis occidental de Europa e os intereses comúns que temos", expuxo o alcalde Xulio Ferreiro, que lembrou que o obxectivo destes días será tamén "preparar a Asamblea Xeral da Conferencia", que terá lugar nas próximas semanas, e onde tanto o seu presidente coma o goberno local procurarán "que se relance" para que o Arco Atlántico "se transforme nun actor principal dentro da política europea", dixo. 

"As cidades do arco atlántico debemos poñer en valor as potencialidades da parte máis occidental de Europa e os intereses comúns"

Xa á tarde, Ferreiro participou na xornada sobre Desafíos das cidades atlánticas na véspera do Brexit, cunha intervención titulada Dereito á cidade, na que apostou pola participación e a transparencia, as políticas para unha mobilidade sostible e unha mellor accesibilidade do espazo público, a xustiza social, así como por un modelo económico “xusto, redistributivo e con grandes parcelas para a innovación”. Ao tempo, apostou por unha Coruña por “cercana que aspira a constituír moi pronto a cidade grande do futuro a través da área metropolitana”.

Ferreiro aposta pola área metropolitana, a mobilidade sostible e un modelo económico “xusto, redistributivo e con grandes parcelas para a innovación”

O alcalde coruñés insistiu no dereito "a reconstruír e recrear a cidade como unha comunidade distinta, mellor, que erradique a pobreza e a desigualdade social crecente, e que enfronte as feridas da desastrosa degradación medioambiental ao tempo que asegura o futuro”. “Para que iso suceda é necesario substituír as formas destrutivas de urbanización, para poñer no seu lugar un modelo de desenvolvemento sostible e compatible coa vida e co planeta”, dixo durante a súa intervención, que tivo lugar durante o bloque dedicado á Gobernanza multinivel e o dereito á cidade, no que compartiu mesa coa vicepresidenta de La Rochelle Agglomération e alcaldesa de Clavette, Sylvie Guerry-Gazeau, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e a rexedora de Avilés, Mariví Monteserín.

Xulio Ferreiro, durante a súa exposición © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.