Ferreiro chama desde Berlín a estender as 'cidades rebeldes' por Europa

Xulio Ferreiro fala con Ianis Varoufakis, en Berlín © Marea Atlántica

Xulio Ferreiro, en representación da Marea Atlántica, foi unha das voces galegas que este martes interveu na presentación do Movemento pola Democracia en Europa (DiEM25), impulsado polo ex ministro grego de Economía, Ianis Varoufakis. Precisamente en Berlín, e no inicio dunha plataforma de esquerdas contra as políticas de austeridade, o alcalde da Coruña defendeu a cooperación da rede de cidades rebeldes, tal e como se lle deu en chamar á colaboración entre os gobernos locais de cambio no Estado español, e apostou por apostar por ela "en contraposición á competitividade territorial como correlato da globalización e o capitalismo financeiro", segundo asegura a marea coruñesa nun comunicado. 

Ferreiro avoga por estender a rede de 'cidades rebeldes' para “crear unha Europa federal desde abaixo”

O alcalde da Coruña, que interveu nun dos varios debates que se desenvolveron no acto de apertura de DiEM25, avogou por estender esta rede de cidades rebledes a nivel europea para “crear unha Europa federal desde abaixo”, logo de que Varoufakis puxera a súa experiencia como exemplo. Na súa intevención en inglés, Ferreiro chamou a “saír do ghetto e dirixirse ás maiorías” e defendeu tamén a creación dun movemento de ámbito europeo “plural e de base cidadá”. O rexedor explicou o proceso de formación e consolidación da Marea Atlántica e advertiu do moito que pode achegar o municipalismo a DiEM25, tanto na práctica insitucional como no proxecto político. 

Na mesa de debate onde participou, sobre políticas económicas, interviron tamén o filósofo italiano Toni Negri ou o primeiro tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello, asíc como outras voces críticas de Europa. A repolitización, democratización do diñeiro, a estabilización da economía da Zona Euro ou a composición dunha visión de prosperidade compartida foron algúns dos asuntos tratados. Tamén, a proposta de europeización dos catros ámbitos onde se libra a crise: a débeda, o baixo investimento, a banca e a pobreza -en formas que aumenten a soberanía dos parlamentos estatais e rexionais e dos concellos- ou a necesidade de tratados comerciais (tanto dentro da UE como entre esta e outros bloques) que "potencien o control democrático das economías sociais de Europa, en lugar de restrinxilo, así como os mecanismos para desenvolver unha campaña europea contra a pobreza ou os marcos normativos para acadar estes obxectivos".

"Outra Europa é posible, ten que selo", dixo o alcalde da Coruña no acto inaugural de DiEM25

Tras os debates, o DiEM25 levou a cabo a súa presentación pública, que abreiu Varoufakis e na que tamén particiou Ferreiro. Alí, defendeu que “outra Europa é posible, ten que selo”, nun acto que foi seguido por milleiros de persoas a través da retrasmisión en directo por internet.

No seu manifesto, DiEM25 define o seu obxectivo en catro frases para acabar, antes de 2025, conseguindo "unha Europa funcional e plenamente democrática". Así, a curto prazo, aposta pola "transparencia absoluta na toma de decisións na UE" e, no prazo dun ano, abordar a crise económica en curso "utilizando" polo momento "as institucións existentes e no marco dos Tratados en vigor da UE".

Ademais, en dous anos, pretende convocar unha asemblea constituínte do movemento formada por "representantes elixidos en listas transnacionais" e cunhas eleccións que requirirán listas con candidatos de "polo menos quince países europeos". Esta asemblea constitucional resultante sería a  que tería o poder de decidir sobre esa desexada constitución democráctia "que substituirá todos os Tratados existentes". Unha verdadeira democracia continental, unha meta utópica pero que marcan como obxectivo un goberno para o pobo.

Intervención de Ferreiro no debate no DiEM25 © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.