Ferrol denuncia "deslealdade institucional" de Xunta e Goberno central

Concello de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, denunciou este xoves a "deslealdade" e a "falla de respecto institucional" que -di- están a exercer a Xunta e o Goberno central con respecto ao Concello. "Ferrol vive unha situación de emerxencia social e fago un chamamento a Xunta e o Goberno do Estado a que respondan ao Goberno lexítimo desta cidade saído das urnas o pasado 24 de maio”, manifestou en rolda de prensa, na que salientou que "existe unha dilación intencionada para sacar réditos políticos e acurralar ao Concello nunha maniobra que perxudica a veciñanza”.

"Existe unha dilación intencionada para sacar réditos políticos e acurralar ao Concello nunha maniobra que perxudica a veciñanza”

O Goberno local da cidade naval sinala que o Executivo en funcións de Rajoy non responde a petición de entrevista co ADIF, realizada en febreiro, nin co Ministerio de Fomento (en marzo), e que a Xunta fai o mesmo ante as solicitadas a Augas de Galicia, Consellería do Mar e co propio Núñez Feijoo.

Con respecto á xuntanza solicitada co ADIF, o administrador das infraestruturas ferroviarias, o obxectivo é analizar o déficit ferrovario nas comunicacións entre Ferrol e A Coruña, "máis propias do XIX que do século XXI". E, con idéntico obxectivo, demandouse un encontro coa ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor. A este respecto, Suárez sinalou que Fomento "si vén de citar o alcalde de Ferrol a unha reunión no Ministerio a finais de abril logo de que a titular do departamento visitara, cando menos en dúas ocasións a cidade naval en datas recentes, nunha delas para anunciar a licitación -por parte dun Executivo en funcións- dun proxecto ferroviario de conexión co porto exterior de Ferrol polo trazado sur que conta cunha forte oposición social e que condiciona o futuro da ría".

“Esta ministra que ten tempo para pasear cun bastón por Ferrol pero que non comparece no Congreso por estar en funcións, sí é capaz de estar aquí para asinar un proxecto que prexudica gravemente a Ferrol e que ten a oposición de todos os partidos -agás o PP- e de todas as entidades ecoloxistas e veciñais agrupadas nunha plataforma”, denunciou.

Suárez debullou outras cuestións para as que o Goberno local solicitou encontros coa Xunta de Galicia ou con algún dos organismos dependentes do poder autonómico, e que tamén ficaron sen resposta. Por exemplo, a xuntanza demandada con Augas de Galicia para tratar a reparación da estación depuradora de Cabo Prioriño co obxectivo de levar a cabo o saneamento real e integral da ría. A reunión foi solicitada xa o 23 de febreiro e reiterada, nunha nova comunicación, o 10 de marzo. “Sempre nos diriximos con total educación e respecto na procura dunha solución a tres bandas entre Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica e o Concello. Mes e medio despois, coido que existe unha dilación debida e intencionada para sacar réditos políticos e acurralar ao Concello de Ferrol nunha manobra política que prexudica aos veciños”, sinalou Suárez.

"O Concello de Ferrol pide unha entrevista co presidente da Xunta para tratar directa e claramente con el os temas que preocupan a este municipio xa que os seus subordinados non están polo labor de traballar por unha cidade que forma parte de Galicia”

Finalmente, o Concello denuncia que tampouco obtivo resposta a solicitude remitida o pasado xoves, 31 de marzo, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para unha xuntanza co alcalde de Ferrol "no prazo mais breve posible". "Dada a situación, e logo de ver que Feijoo se paseaba esta semana por Aspanaes, o Concello de Ferrol pide que se lle dea unha resposta a esta cidade e á petición da entrevista co presidente da Xunta para tratar directa e claramente con el os temas que preocupan a este municipio xa que os seus subordinados non están polo labor de traballar por unha cidade que forma parte de Galicia”, concluíu Suárez.

Concello de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública
Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, no seu despacho CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.