Ferrol en Común manterá o pacto co PSOE, pero fixará "liñas vermellas"

Un momento da asemblea celebrada este venres pola tarde Dominio Público Praza Pública

A asemblea de Ferrol en Común decidiu, por unanimidade, manter o pacto de Goberno co PSdeG-PSOE. Na xuntanza, de algo máis de dúas horas de duración, participaron ao redor de 150 persoas, que debateron e refrendaron a proposta de continuar co acordo pero fixando unha serie de "liñas vermellas", esixindo que se cumpra o programa político acordado cos socialistas hai 11 meses e que non se cedan competencias.

Ferrol en Común esixe dotar de máis competencias á Xunta de Goberno, sobre todo en materia de contratación, de xeito que sexa o órgano central de goberno e impida "actuacións individualizadas"

Ferrol en Común denuncia que o actual reparto de áreas de goberno non se axusta ao resultado electoral do 24 de maio, xestionando o PSdeG-PSOE unha parte proporcional de áreas e responsabilidades superior á que lle correspondería. Así mesmo, sinala que non se conseguiu o obxectivo de conformar un "goberno cohesionado", no que a xestión das áreas fose compartidas por ambas as dúas organizacións, derivando pola contra as concellarías en "compartimentos estancos". Acusan, ademais, aos socialistas de "falta de lealdade" en moitas actuacións, facendo públicos asuntos que non foran acordados ou consensuados polas dúas forzas. Sinalan que estas "trabas constantes" colocaron o Goberno "nunha situación de falta de credibilidade".

A formación fai tamén autocrítica e sinala que "a falta dun modelo organizativo compacto", así coma a insuficiente convocatoria de xuntanzas e asembleas "minaron a nosa forza". Neste senso, fixou como "reto" para os vindeiros meses "consolidar Ferrol en Común", cun "modelo de base participada" no que os cargos electos "sexan mandatados dunha organización de unidade popular" na que as decisións se tomen "en base aos intereses e necesidades reais da xente". "Precisamos dun goberno compacto, que poida traballar nun ecosistema de respecto, lealdade, traballo en equipo e cumprimento dos obxectivos programáticos", conclúe.

Esíxese "a resolución inmediata e consensuada dos contratos de servizos: electricidade, lixo e auga" e acúsase ao PSdeG-PSOE de ser o responsable desta "parálise"

A asemblea debateu as dúas opcións (manter o pacto ou gobernar en solitario), sinalando as dificultades de manter un Goberno apoiado unicamente polos seis concelleiros de Ferrol en Común, "que necesitaría dun respaldo social sólido". Finalmente, despois de dúas horas de intervencións e debate, aprobouse por unanimidade manter o actual acordo co PSdeG-PSOE, pero fixando unha serie de condicións e liñas vermellas que aseguren o cumprimento dos acordos iniciais aos que se chegara hai 11 meses.

En primeiro lugar Ferrol en Común esixe dotar de máis competencias á Xunta de Goberno, sobre todo en materia de contratación, de xeito que sexa o órgano central de goberno e impida actuacións individualizadas. Tamén se pide a creación dunha comisión de seguimento do pacto entre FeC e PSOE que sirva como órgano resolución de conflitos e con xuntanzas periódicas. En terceiro lugar, abrirase unha posible renegociación das áreas, sinalando o xa referido "desequilibrio do pacto" e subliñando que Ferrol en Común non pode perder máis competencias en favor dos socialistas (por exemplo, Facenda, reclamada polo PSdeG-PSOE).

A formación fai tamén autocrítica e sinala que "a falta dun modelo organizativo compacto", así coma a insuficiente convocatoria de asembleas "minaron a nosa forza"

Finalmente, esíxese "a resolución inmediata e consensuada dos contratos de servizos: electricidade, lixo e auga", xa que "a parálise está a producir un desgaste evidente, ademais de poñer en risco os recursos municipais". Dende Ferrol en Común acúsase á parte socialista do Goberno de ter bloqueada dende hai meses a solución destes asuntos.

Un momento da asemblea celebrada este venres pola tarde Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.