Ferrol pediralle á Fiscalía que investigue se a depuradora incumpriu a lei

Beatriz Sestayo, tenente de Alcalde do Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

A tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo, confirmou a intención do Concello de remitir á Fiscalía as "irregularidades" da estación depuradora de augas. O anuncio aínda non é oficial e está pendente da presentación dos resultados da auditoría encargada polo Goberno municipal, que se fará pública en breve, sinalou tamén Sestayo, que non quixo afondar nos detalles desta investigación, á espera de que o faga o concelleiro de Servizos, Bruno Díaz.

O obxectivo é que a xustiza investigue o posible incumprimento da lei por parte da Estación Depuradora de Cabo Prioriño, xestionada pola parte privada da empresa mixta Emafesa (Socamex-Urbaser, filial do Grupo ACS). Tamén se sinala a responsabilidade das administracións que entregaron e recepcionaron a infraestrutura, nomeadamente Augas de Galicia e a propia Xunta, tendo en conta que as instalacións -a pesar do importante investimento de cartos públicos- non estaban en condicións de operar, como constataron os técnicos de AEOPAS na visita que realizaron en setembro.

"Existen responsabilidades legais e irregularidades na depuradora que é preciso comunicar á Fiscalía. E en breve estaremos en condicións de comunicar esas actuacións"

Sestayo sinalou que o informe da auditoría obrigará á convocatoria dunha xuntanza do consello de Emafesa (no que están representados o Concello e a empresa Socamex-Urbaser), "que terá que dar pasos importantes". E, ademais, permitirá acudir "á vía xudicial". "Existen responsabilidades legais e irregularidades na depuradora que é preciso comunicar á Fiscalía. E en breve estaremos en condicións de comunicar esas actuacións", concluíu.

Nos últimos meses o Concello puxo en marcha tres investigacións distintas para esclarecer distintos aspectos relacionados coa adxudicación, construción e funcionamento da depuradora e a rede de saneamento. A consultora especializada PW Advisory & Capital Service levou a cabo unha análise do proceso de posta en marcha da depuradora para saber en que estado estaba a planta cando o Ministerio lla entregou á Xunta, o Goberno galego ao Concello e este a Emafesa. Tamén se investiga a legalidade do cobro da taxa de saneamento cando nunca se chegou a emprestar este servizo. Así mesmo, Indra afonda nas causas dos danos existentes na depuradora e quen ten a responsabilidade de reparalos. Por último, o Grupo de Enxeñería da Agua e do Medio Ambiente da UDC realizou un estudo sobre o ciclo da auga na cidade, dende a súa captación e transporte ata a súa depuración.

Beatriz Sestayo, tenente de Alcalde do Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.