Fexuga: de Vilagarcía a Cabanas e todo queda na casa

Captura de pantalla da web de Acción Social Dominio Público Praza Pública

O ex-concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Francisco González Mariño, presentou a súa dimisión en agosto ante as continuas denuncias do PSdeG-PSOE, que o acusaba de non ser quen de explicar a súa relación con Fexuga (Federación de asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude de Galicia), a actividade da súa asociación Dobre Espacio (que recibiu 150 mil euros en subvencións en oito anos) e, máis en concreto, por non ser quen de xustificar a organización dun Feirón Solidario en xullo de 2011, que contara cunha subvención da Xunta de cinco mil euros. Despois de ofrecer versións contraditorias sobre o evento, o edil presentou a súa dimisión e comprometeuse a devolver os cartos, paralizando así unha investigación do Goberno galego.

Francisco González xustificou parte do custe do evento cunha factura a nome da empresa Rgm Producciones, responsabilidade da irmá do edil dimitido e co mesmo domicilio fiscal (a residencia dos pais de ambos os dous) que a sede social da asociación Dobre Espacio

Porén, outros detalles sobre a realización deste Feirón xeran máis preguntas que respostas sobre a actividade de Dobre Espacio e outras das asociacións que compoñen Fexuga. Francisco González xustificou parte do custe do evento cunha factura a nome da empresa Rgm Producciones, responsabilidade da irmá do edil dimitido e co mesmo domicilio fiscal (a residencia dos pais de ambos os dous) que a sede social da asociación Dobre Espacio.

Ademais, o enderezo de correo electrónico da empresa coincide co e-mail doutra das asociacións que forman parte de Fexuga. Trátase de Acción Social, con sede en Cabanas. Esta asociación non figura no rexistro xeral de asociacións do Concello de Cabanas e recibiu da Dirección Xeral de Xuventude subvencións por un importe total de 8.205 euros para, entre outras cousas, a organización de dúas edicións das Xornadas ecolóxicas do Eume, para as que en 2011 percibiron 3.588 euros. Dende a agrupación local dos socialistas en Cabanas sinálase que non se ten constancia destes eventos, dos que tampouco se atopan referencias en internet.

A forma de operar destas dúas asociacións coincide coa de moitas das entidades que compoñen Fexuga

A forma de operar destas dúas asociacións coincide coa de moitas das entidades que compoñen Fexuga: colectivos xuvenís con nula ou escasa activividade, pero perceptores dunha parte importante das axudas públicas destinadas a este tipo de organización (85 mil euros entre 2011 e 2012, a terceira parte do total entregados a asociacións xuvenís). Ademais, na súa maior parte estas entidades teñen unha vinculación directa ou indirecta co Partido Popular, o que fai agromar as sospeitas de que detrás delas haxa máis casos de fraude no cobro de subvencións para o financiamento de Nuevas Generaciones. O PSdeG xa investiga en varias comarcas as entidades e asociacións que compoñen Fexuga, revisando os expedientes e as súas memorias de actividade para decubrir ilegalidades coma as demostradas en Vilagarcía.

 

Vinculación co Partido Popular

Revisando as 32 entidades que compoñen Fexuga atopamos con facilidade relacións directas ou indirectas co Partido Popular e Nuevas Generaciones. O presidente da asociación A Crega, de Barro, é David Landín Roig, fillo do Alcalde popular de Barro, José Antonio Landín; o responsable de Eira Vella, de Ribadumia, é  o técnico de Cultura do mesmo concello, gobernado polo PP; e o mesmo sucede con Arrecó, de Ribeira, onde a meirande parte dos seus integrantes forman parte de Nuevas Generaciones e o seu presidente é técnico de Xuventude do concello. Atopamos tamén que a presidenta da Asociación Cultural O Vinculeiro C.D.SAR é Elena Romero Fabeiro, concelleira popular en Padrón; a presidenta de Dagda é María González Gómez, concelleira do PP en Ames (agora no grupo mixto); o presidente de Dumbría Xoven é Manuel Louro Díaz, número 2 do PP en Dumbria; o presidente de Observatorio do Tambre é Alexander Doval responsable de Novas Xeracións en Oroso; o presidente de Raiña Lupa é Pascual Villaverde, da Novas Xeracións de Boqueixón; o presidente de Axuma é Pablo Novas Caballero, concelleiro do PP en Marin; a máxima responsable de Cruce de Camiños é Rocío Blanco Mosquera, presidenta de NNXX na Estrada. E o mesmo tipo de coincidencias atopámolas en Xoecer (Lalín), As Minas (A Pontenova), O Castelo (Alfoz), Ama Galicia ou Cultura e Deporte (Ourense).

 

Captura de pantalla da web de Acción Social Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.