Fin de festa antes das municipais das incógnitas

Actos do derradeiro día da campaña CC-BY-SA Praza Pública

Partiu. Ás vinte e tres horas e cincuenta e nove minutos deste venres deixa de ser legal pedir o voto e comeza a cada vez máis anacrónica xornada de reflexión. As forzas políticas pecharon este venres unha campaña electoral que é pórtico dunhas eleccións municipais que traen consigo unha expectativa de panorama aberto e de continuación da incerteza inaugurada hai xusto un ano, cando os comicios europeos moveron o taboleiro e xeraron un bo número de incógnitas sobre o sistema político, o modelo de partidos e mesmo os efectos electorais da crise económica que aínda están por despexar.

En Galicia os comicios do 24-M son moito máis que unha renovación das corporacións municipais. Son, por exemplo, un test á fortaleza e á hexemonía do PP de Alberto Núñez Feijóo e tamén das posibilidades do presidente da Xunta para promocionar internamente no seu partido. O presidente da Xunta e do PPdeG protagonizou unha campaña intensísima, case tanto como se fose el o candidato. Nesta liña, Feijóo rematou a carreira electoral percorrendo as sete cidades, que o 24-M serán un dos principais termómetros da xornada.

Un almorzo en Ferrol, senllos paseos e fotos en Ourense e Lugo, unha xuntanza en Pontevedra e tres mitins en Vigo, A Coruña e Santiago formaron parte dunha acelerada axenda de visitas nas que Feijóo fixo fincapé nos principais argumentos que despregou ao longo de toda a campaña. O presidente clama por maiorías absolutas do PP que, asegura, son as únicas que garanten bo goberno, "estabilidade" e mesmo "seguridade". Se isto non acontece, alerta, os concellos caerán nas mans de gobernos controlados por minorías "radicais" e "nacionalistas" que, coa colaboración do PSOE, implantarán políticas propias "de Venezuela".

Do éxito que teñan ou non os candidatos de Feijóo dependerá tamén a avaliación que se poida facer das municipais no cuartel xeral do PSdeG, que por primeira vez se enfronta a un proceso local cos candidatos elixidos, como normal xeral, en eleccións primarias. O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, pasou durante a derradeira xornada pola Coruña, Vigo, Ferrol, As Pontes e A Estrada. Nos actos coruñés e vigués, ademais de polos respectivos candidatos á alcaldía estivo acompañado polo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. Ambos instaron a confiar nas candidaturas socialistas o domingo como vía para un "cambio para todos", que "sume" e teña en conta a "maioría". Nesta liña, Besteiro diríxese ao electorado "progresista" e de esquerdas, pero tamén ás persoas que, "de boa fe", votaron polo PP hai catro anos.

Pola banda do BNG o seu portavoz nacional, Xavier Vence, dedicou a mañá a realizar un percorrido electoral na cidade que ao longo de toda a campaña foi a referencia da formación, Pontevedra, xunto ao alcalde e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores. Nas últimas horas da campaña o líder do Bloque reiterou a necesidade de apoiar as candidatas e candidatos da formación frontista como "única opción de país que planta cara ao PP" en toda Galicia, "palmo a palmo". O nacionalista diríxese, asemade, ás persoas indecisas que viñeron reflectindo as enquisas: cómpre ir votar o 24 para non "arrepentirse" o 25, resalta.

Fin de campaña das 'mareas'

Tamén as diversas candidaturas municipais apuraron as últimas horas da campaña. Na Coruña o candidato á alcaldía da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, realizou o que a candidatura denominou o #HaiMareaTour, un percorrido por 15 barrios da cidade no que mantivo diversos encontros coa veciñanza, informou sobre a candidatura e repartiu información coas súas propostas. O percorrido de campaña da Marea remata na Ribeira do Cómaro, onde se celebrou o primeiro acto público da plataforma e onde Xulio Ferreiro estivo acompañado, ademais de por membros da candidatura, polo escritor Manuel Rivas.

En Santiago Compostela Aberta desenvolveu, asemade, unha ampla axenda na última xornada da carreira electoral. Martiño Noriega reuniu os membros da candidatura no Paseo da Ferradura para, co Pazo de Raxoi e a Catedral de fondo, realizar un chamamento "á maioría social" para que o domingo "envíe unha mensaxe de cambio". "Faremos historia neste Concello", augura o candidato, que lle pon fin á campaña con dous encontros en senllos barrios e a "festa da alegría" no local social da formación.

Mentres, en Lugo, o candidato de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, e membros da súa candidatura fixeron públicas as contas da campaña e pechan a campaña cun concerto d'O Leo i Arremecághona. Ourense en Común, pola súa banda, pechou a carreira electoral cun "concerto de cumbia rock municipalista" e a Marea de Vigo, cunha festa de fin de campaña nas proximidades do Concello.

Feijóo, no seu paseo por Pontevedra CC-BY-SA PPdeG
Sánchez e Besteiro, con Mar Barcón na Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG
Lores e Vence, durante o reparto en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG
Xulio Ferreiro, con veciñas no parque de Vioño CC-BY-SA Marea Atlántica
Noriega e membros da candidatura, na Ferradura CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.