Finaliza sen acordos a xuntanza entre Iniciativa pola Unión e o Encontro por unha Marea Galega

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

A xuntanza que este sábado mantiveron en Compostela Iniciativa pola Unión e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega finalizou sen acordos para confluír nunha única candidatura para as eleccións xerais do 20 de decembro. No encontro, que durou máis de catro horas, participaron ademais das dúas plataformas, BNG, Anova, Foga, PCPG, Compromiso por Galicia, Equo, Cerna e o Partido Galeguista.

Representantes de ambas as dúas plataformas manifestaron ao remate que seguen existindo numerosas discrepancias que fan imposible o acordo, cando quedan sete semanas para as eleccións. Así pois, todo indica que nos comicios do 20 de decembro concorrerá por un lado unha candidatura apoiada polas mareas municipalistas, Podemos e as forzas que compoñen AGE (Anova, Esquerda Unida, Espazo e Equo -que participa en Encontro e o decidirá entre o 2 e o 4 de novembro-). E polo outro Nós-Candidatura Galega, impulsada por Iniciativa pola Unión e apoiada polo BNG. Nesta candidatura xa se comezaron a coñecer, onte e hoxe, as primeiras persoas que concorren ás primarias: Carlos Callón (pola Coruña) e Carme Adán (por Pontevedra).

O BNG afirmou a través dun comunicado que "a única opción para a candidatura galega é a impulsada por IxU". Xavier Vence manifestou en twitter que "máis non se pode: nin mesmo ofrecendo poñer a cero pra candidatura de unidade e grupo soberano. Os que non querían seguen sen querer. Forza IpU".

Mentres, Xoán Bascuas -secretario xeral de CxG- cualificou a xuntanza de "bochornoso espectáculo que “non serviu absolutamente para nada máis que, para que cadaquén se reafirmase na súa individualidade”. Rafael Cuíña, alcalde de Lalín, afirmou -a través da súa conta de twitter- que do "fracaso definitivo hoxe da posibilidade de candidatura de unión" a "culpa é de todos". Cuíña reiterou o seu apoio a Iniciativa pola Unión, a pesar de que Compromiso por Galicia aprobou non participar en ningunha candidatura se non se lograba unha lista conxunta, dando liberdade aos seus militantes e cargos.

Pola súa banda, Cerna sinalou a través dun comunicado de prensa que "fronte a quen se apresure a dar por fracasada" a negociación, "aínda estamos a tempo" pois "as coincidencias manifestadas permiten un entedemento para a candidatura galega". Cerna salienta que todos os participantes concordaron "na necesidade dunha candidatura que faga posíbel un grupo parlamentar galego sobre a base dunha coalición feita en Galiza con personalidade xurídica propia", en que "o grupo parlamentar que se logre defenda os dereitos nacionais de Galiza e bote abaixo as reformas ultraliberais do PP e PSOE" e en que "a candidatura sexa de base cidadá".

Acto organizado por Marea.gal CC-BY-SA Marea.gal
Acto de Iniciativa pola Unión en Compostela CC-BY-SA Quino Vilas / Pola Unión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.