Foro Galego aproba a súa liña política cara ao plenario de En Marea

Luís Villares pecha a xuntanza do Foro Galego © @denisfmendez

Foro Galego reuniuse este sábado na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela para aprobar unha resolución política cara ao plenario que En Marea convocará en xullo. O texto aposta pola "consolidación de En Marea como organización política galega de seu". "Defenderemos que En Marea afonde nunha proposta clara e ambiciosa no plano nacional que vaia alén das alusións rituais á plurinacionalidade, deixando claramente establecido que En Marea é un proxecto independente de calquera outro formulado no ámbito do Reino de España", sinala a seguir.

Foro Galego valora "positivamente" o "actual proceso de consolidación organizativa de En Marea" e sinala que "a elección democrática do Consello das Mareas e da Coordinadora de En Marea, sentan as bases para poder abordar con éxito as moitas tarefas que temos pendentes". "O liderado de Luís Villares, unipersoal ou dentro dunha portavocía plural, vémolo como un elemento moi ben aceptado socialmente e que claramente reforza En Marea", engaden.

A organización aposta pola expansión "sectorial e territorial" de En Marea e afirma que é "especialmente importante a creación de organizacións locais de En Marea en todos os concellos onde sexa posíbel, respectando e potenciando as mareas actualmente existentes". E os seus integrantes propoñen "a construción de En Marea como unha esquerda nacional galega ampla, plural e inclusiva, na que nós e outros nacionalistas galegos, convivamos con persoas de esquerdas que non se consideran nacionalistas mais que aceptan o principio de que os galegos debemos ter capacidade de decisión sobre o noso propio destino".

Na xornada deste sábado interviñeron persoas vinculadas a concellos como Lugo, Gondomar, Noia, Outes, Betanzos, Viveiro, Outes, Curtis, Sober, Poio... así como o alcalde de Salceda de Caselas. A proposta de resolución foi presentada pola deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo e Carlos Neira, de Lugonovo. Continuou a quenda de intervencións Xoán Hermida en representación de Marea Aberta. A quenda de intervencións libres pechouna Carlos Aymerich que afirmou que “para que un proxecto nacional en Galicia hai que convivir con xente plural de ideoloxía diversa”.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, achegouse para dar un saúdo aos asistentes no que remarcou que é “facil identificarse con En Marea porque a amalgama que une todo isto son os valores por enriba da organicidade”. Xosé Manuel Beiras enviou un saúdo, desculpando a súa asistencia mais dando a benvida a que o Foro leve a cabo “actividades de reactivación e rexeneración do nacionalismo progresista galego no seo da nosa sociedade”.

Luís Villares pecha a xuntanza do Foro Galego © @denisfmendez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.