"E por que non a República de Galiza?". Baixo este título o dirixente nacionalista e ata hai poucas datas secretario xeral da Unión do Povo Galego (UPG), Francisco Rodríguez, pronunciou este xoves unha conferencia na Coruña. Enmarcada nos actos do BNG cara ao 25 de xullo, durante a súa exposición Rodríguez amosouse convencido de que un réxime republicano galego "serviría para combater os males da globalización non con máis globalización", senón "reectificando as causas desta e optando por un internacionalismo que respecte a soberanía, a democracia, o pacifismo, o antimilitarismo e o antiimperialismo".
Con estas proposicións de base o tamén membro do Consello Nacional do Bloque diferenciou varios tipos de república, como a "idealista", que "se vende como laicismo, igualdade, transparencia, democracia e anticorrupción", a "centralista e burguesa" ou a "plurinacional de nacións Estado confederados e de carácter revolucionario". Tamén, advertiu, existen repúblicas "parafascistas e autoritarias", "confesionais" ou "presidencialistas". Neste contexto, ao seu xuízo o "cambio fundamental viría dado coa instauración dunha República galega, dun Estado galego que optase por un réxime de confederacións".
Francisco Rodríguez enmarca esta reflexión nun ámbito no que "a cuestión da soberanía é fundamental" para o BNG. Así, remítese ao precedente republicano máis próximo, o da II República española, e as "diferenzas radicais" que neses anos se produciron entre Galicia e Catalunya. "Mentres Catalunya contaba cun presidente electo que proclamou un Estado catalán, Galiza careceu desa inicaitiva e viu como se boicoteaba o seu Estatuto". Por iso, coida, cómpre "non repetir a historia e ter claro que a República galega ten que conlevar que o pobo galego decida por si mesmo sen dominios" e, do mesmo xeito, que a lingua galega estea igualmente "normalizada sen dominios". Nese proceso faríase necesaria ademais "capacidade produtiva" e "ferramentas de autoorganización política, sindical e mediática". "Xa o advertira Castelao, para sentar a república hai que respectar os dereitos dos pobos, a iniciativa e a decisión".
Tamén en referencia á II República Rodríguez manifestouse contrario á utilización da súa bandeira como un símbolo galego. Ao seu xuízo a bandeira "vermella, amarela e morada é española e non representa a Galiza nin os galego se galegas". "Esta bandeira é monárquica porque recolle as cores rojigualda de 1843 e española porque incorpora a cor morada do pendón de Castela", di.