Suso de Toro fai un chamamento a construír un proxecto nacional galego nun momento que cualifica de contituínte e "tan grave como aberto". Advirte de que "Galiza desaparecerá como ente político se non revalida a súa existencia".
Unha análise de como se desenvolveu a democracia española tras a morte de Franco fainos ver que o estado é incapaz de asumir a diversidade nacional interna e, xaora, de integrala. O nacionalismo español enchoupa todo o estado de arriba a abaixo, desde a Monarquía e o Tribunal Constitucional até o último policía nacional ou garda civil. Todos estes anos non serviron para cambiar en absoluto a ideoloxía do estado, para recoñecer ás outras linguas distintas do castelán unha existencia pública ou para recoñecer a evidencia de que hai comunidades con pasado e vontade nacional.
Todos estes anos non serviron para cambiar en absoluto a ideoloxía do estado, para recoñecer ás outras linguas distintas do castelán unha existencia pública ou para recoñecer a evidencia de que hai comunidades con pasado e vontade nacional
O españolismo excluínte é abafante e absoluto na vida pública e nas mentes da maioría dos españois, sexan de esquerdas ou de dereitas. E o peor de todo é que o ser españolista nin sequera é algo consciente senón que é vivido con naturalidade como o normal. O que se considera anormal son os nacionalismos dos outros, vascos, cataláns ou galegos. Así pois a cuestión nacional atravesa absolutamente a vida pública e é utilizada nun sentido ou noutro como un instrumento de litixio. Constatamos que, neste sentido, España non cambia e semella non ter amaño para quen non nos sentimos expresados na cultura nacional establecida, as persoas que dun xeito ou doutro, nun ou noutro momento témolo intentado fracasamos.
O dominio da dereita españolista sobre a política do estado unido ás tensións que desencadenou a crise económica abriu un novo periodo político en España que ten trazas de ser, outra volta como hai trinta e sete anos, constituinte
Sobre todo isto, o dominio da dereita españolista sobre a política do estado unido ás tensións que desencadenou a crise económica abriu un novo periodo político en España que ten trazas de ser, outra volta como hai trinta e sete anos, constituínte. A dereita cuestionou as bases sobre as que se levantou a democracia tras a morte de Franco, os dereitos sociais recollidos na Constitución e o recoñecemento das nacionalidades, e así tanto Catalunya como Euskadi abriron unha nova época e están a dar novos pasos para o seu autogoberno nacional. A política da dereita españolista obríganos a todos a considerar que tipo de sociedade baseada no clasismo e na exclusión social se está a crear e obriga concretamente aos galeguistas a revisaren urxentemente a situación histórica que vive o noso país.
Unha outra vez a Galiza mostra a súa debilidade e a súa falta de dirección política que a condena a que se agraven os seus problemas crónicos
Unha outra vez a Galiza mostra a súa debilidade e a súa falta de dirección política que a condena a que se agraven os seus problemas crónicos. O que caracteriza a nosa situación actual é o dominio dunha dereita máis submetida aos intereses centralistas e máis inimiga dos nosos intereses colectivos que nunca, nunca o Partido Popular ten sido tan antigalego en todos os planos da vida social como con Núñez Feijóo. O Partido Socialista na Galiza volve estar nunha crise aguda de dirección e de identidade. E o nacionalismo galego vive unha crise que se manifestou gravemente na recente división, non é unha crise conxuntural nin meramente partidaria senón máis profunda: é ideolóxica e estratéxica. Dunha banda, móstrase incapaz de comprender e aceptar o mundo no que vivimos e a súa cultura política teno de costas á sociedade e encerrado nun éter de ideoloxía. E, doutra banda, non sabe cara onde pode ir e como pode existir a nación galega.
A experiencia do autogoberno baseado na autonomía demostra que o que distingue e fai existir a unha nación non é meramente o ter un estatuto senón o ter ou non forzas políticas propias, iso foi o que fixo que Euskadi e Catalunya existisen nacionalmente estas décadas aínda que fose con limitacións. Polo contrario, a nosa debilidade social e a incapacidade do nacionalismo galego fixo que entregásemos o noso goberno á dereita española e desaproveitasemos esta oportunidade histórica.
As experiencias políticas galegas do momento vivido ao redor da fin do franquismo mostran que o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) e a Xunta Democrática de Galicia (XDG) puideron integrar forzas galegas e estatais partillando un proxecto para o país
Termos organizacións soberanas galegas que sexan capaces a asumir a súa responsabilidade é o único que garante o autogoberno, esa é a condición inexcusábel. Mais calquera proxecto nacional democrático ten que ser integrador e, no caso galego, debe incorporar a el as forzas políticas de obediencia estatal que recoñezan a Galiza como suxeito político a todos os efectos. As experiencias políticas galegas do momento vivido ao redor da fin do franquismo mostran que o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) e a Xunta Democrática de Galicia (XDG) puideron integrar forzas galegas e estatais partillando un proxecto para o país. Arestora tanto EU como o PSdeG deberan formar parte dun xeito ou doutro dun proxecto común para a sociedade galega. O PP de Galicia é inimaxinábel que poida confluír en cousa común ningunha dada a súa política antisocial e antigalega, mesmo fai case imposíbel o diálogo pois está a traizoar a mesma autonomía e a provocar división social.
Porén, a evidencia de que os partidos tradicionais ficaron por detrás da cidadanía encerrados nas súas leas e nos seus propios intereses ensina que un proxecto que queira ser colectivo ten que abrirse á sociedade por outras vías que non sexan meramente as dos partidos. A sociedade estase a reordenar de xeitos novos e a política democrática ten que estar aberta a eses cambios e a novas formas de participación, ou non será democrática e ademais será inoperante. Porque cando falamos de nación xa non falamos dos estados nación existentes hai cen ou cincuenta anos senón de países con conciencia de si e capacidade para tomar decisións, mais sociedades abertas e diversas. As nacións hoxe están interrelacionadas necesariamente e as nacións democráticas son solidarias e implicadas coas outras comunidades.
A Galiza non é destino no universal ningún como cre para España o integrismo españolista, existe e existirá na medida en que o queiran as xeracións de persoas que habitamos o país
Un proxecto nacional común debe partir tanto da memoria das xeracións existentes como do coñecemento e asunción da nosa historia. A Galiza non é destino no universal ningún como cre para España o integrismo españolista, existe e existirá na medida en que o queiran as xeracións de persoas que habitamos o país. Mais existiu con rupturas e tamén con continuidade histórica desde o medieval Reino da Galiza, que se sufincou no Reino Suevo, e que conquistado, submetido e relegado desde fins do século XV conservou existenza xurídica até o ano 1833 no que é desmembrado nas catro provincias actualmente existentes. Cousa que orixinou o carácter galeguista da Revolución de 1846 nacida da alianza entre os militares liberais, nomeadamente o coronel Solís, e os revolucionarios galeguistas, Pío Rodríguez Terrazo e Antolín Faraldo.
Tras esa explosión política nace o Rexurdimento, conducido por Murguía, e logo o republicanismo galeguista coas Irmandades da Fala no 1916. O Congreso das Nacionalidades Europeas no ano 1933 en Berna recoñece a Galiza como nación e o Partido Galeguista emprende e dinamiza a loita democrática por un estatuto de autonomía, empresa compartida por todos os republicanos galegos. Tras o golpe de estado dos militares nacionalistas españois a Galiza existe políticamente na guerrilla antifranquista, no Consello da Galiza presidido por Castelao no exilio arxentino e na resistencia no interior, primeiro cultural e máis tarde política na clandestinidade. Tras a morte de Franco os galeguistas conseguen o recoñecemento como nacionalidade na nova Constitución e as mobilizacións sociais o estatuto de autonomía, que é a nosa carta de existencia política actual.
Galiza desaparecerá como ente político se non revalida a súa existencia e para iso o nacionalismo galego debe deixar de banda inmediatamente os rencores e a confusión nacida das rupturas recentes e reconfigurarse nun movemento amplo a prol da actualización do proxecto nacional galego
Porén, ese pasado que é actuante en nós non garante a continuidade e as circunstancias actuais poñen en perigo a existencia futura da Galiza. Esa é a responsabilidade da cidadanía galega e moi concretamente do galeguismo. Galiza desaparecerá como ente político se non revalida a súa existencia e para iso o nacionalismo galego debe deixar de banda inmediatamente os rancores e a confusión nacida das rupturas recentes e reconfigurarse nun movemento amplo a prol da actualización do proxecto nacional galego.
Cómpre unha grande alianza de partidos e organizacións de todo tipo aberta aos particulares, unha asemblea galeguista que sexa capaz a redactar unha axenda socioeconómica que faga viábel esta sociedade en crise económica e, sobre todo, demográfica profunda. Ten que detallar unha proposta estratéxica para os próximos anos neste novo mundo e aí, á forza, debe ollar para o Brasil, Portugal e os países lusófonos como un referente estratéxico. As miserias das desputas por unha ou dúas letras non poden empecer o aproveitamento dunha posibilidade única, a nosa lingua. A Galiza debe presentarse nese campo de países e no mundo con humildade mais con determinación, ofrecendo o que ten e mirando polos nosos intereses e a nosa supervivencia social e cultural.
En relación coa nosa viabilidade económica e social está a política da lingua. Somos unha sociedade complexa lingüísticamente, debido ao noso atraso económico histórico apenas temos recibido inmigración, a diferenza do País Vasco ou Catalunya, mais o submetimento ás políticas españolistas do Estado condicionou as escollas lingüísticas das familias e dos individuos, hoxe a metade da poboación é castelán falante e monolingüe e a outra metade, os galego falantes, somos bilingües. A política lingüistica debe partir da realidade social existente, e recoñecendo os dereitos individuais de cada un, debe consistir nunha política normalizadora decidida que faga da nosa lingua propia a lingua normalizada do país.
A cultura de resistencia e as dificultades históricas para defender a nosa lingua fixo que hoxe o galego apareza para moitos cidadáns cargado de connotacións minorizadoras e aínda negativas
E tamén aí os galeguistas terán que partir dunha análise autocrítica previa, pois a cultura de resistencia e as dificultades históricas para defender a nosa lingua fixo que hoxe o galego apareza para moitos cidadáns cargado de connotacións minorizadoras e aínda negativas. O galego se quere deixar de ser unha lingua das clases submetidas e das xeracións maiores precisa unha constante actualización, tanto lingüistica como cultural.
Unida ao programa social e económico debe ir a redacción dunha carta institucional que recoñeza a Galiza como nación cos seus instrumentos para existir
E do mesmo xeito que lle hai que ofrecer á sociedade unha guía e unha axenda económica e social é preciso definir unhas metas políticas para o periodo que xa está aberto. Partindo da constatación de que queremos ser unha nación autogobernada nun momento no que España se transforma e nunha Europa e nun mundo que cambia absolutamente non podemos renunciar á soberanía, a tomar as decisións que consideremos para termos un país viábel e que afronte as nosas crónicas necesidades, como garantir o traballo na nosa terra para a nosa xente e que sexa capaz a acoller aos que cheguen necesitados. Unida ao programa social e económico debe ir a redacción dunha carta institucional que recoñeza a Galiza como nación cos seus instrumentos para existir.
A esquerda galeguista e o galeguismo en xeral cometeron graves erros na Transición, non souberon ver o momento que vivían e non foron quen a dar a resposta á situación histórica que precisaba o país
Se se acepta que este é un momento histórico tan grave como aberto e se se comprende a gravedade da nosa situación colectiva non hai motivos para non comezar a tarefa. A esquerda galeguista e o galeguismo en xeral cometeron graves erros na Transición, non souberon ver o momento que vivían e non foron quen a dar a resposta á situación histórica que precisaba o país, volver repetir o mesmo erro é simplemente irresponsábel.