A área sanitaria da Mariña volve ser escenario dunha notable vaga de protestas por falta de profesionais. Nesta liña, nalgúns centros de saúde o propio persoal instalou carteis advertindo destas ausencias durante os meses de verán, nos que conflúen as vacacións do plantel coa maior demanda de servizos pola chegada de veraneantes.
Ante estas accións, o xerente da área -que abrangue a toda a provincia- decidiu instalar un sistema de censura previa sobre a cartelería que se instale nos centros. Como informou Praza.gal, Ramón Ares formalizou a orde de que "toda información que se pretenda difundir" requira a súa "autorización". E, asemade, impuxo "retirar todos aqueles carteis que non se axusten" ás súas indicacións. Esta directriz vén de recibir o aval explícito do presidente da Xunta.

Tras a reunión semanal do Goberno galego Alfonso Rueda foi cuestionado ao respecto e considerou "lóxico" o escrito remitido pola xerencia lucense do Sergas. Porque "nun centro público" os "carteis teñen que ver co servizo público que se presta" e non pode servir para "lanzar consignas de tipo político", que "é ao que se referían", razoa.
"Os carteis teñen que ver co servizo público que se presta" e non para "consignas de tipo político", di o presidente, quen afirma que os avisos sobre centros sen persoal médico como os colocados na Mariña "seguro" que son divulgados "por canles oficiais dende a Consellería"
"Todos os colectivos teñen dereito a expresar as súas reivindicacións", agrega Rueda. Pero "hai canles para facelo", resolveu sen especificar cales ve máis apropiadas no ámbito sanitario. Ao ser preguntado especificamente sobre se o seu apoio á censura de cartelaría inclúe as divulgadas polo persoal coas advertencias da carencia de médicos no verán, o presidente amósase "seguro" de que esa información se subministra "por canles oficiais dende a Consellería" de Sanidade.
Co novo sistema, cando menos na área de Lugo, "no caso de que por parte dos profesionais" se "estime conveniente difundir información aos usuarios" con "carteis ou outras notas e anuncios", teñen que remitilos antes á xerencia en correos electrónicos onde "indiquen a información que se pretenda trasladar", o "lugar de colocación" e a súa "vixencia". Tras esa comunicación "os órganos competentes da xerencia resolverán sobre a procedencia, contido e forma da referida información, dando as indicacións oportunas ao respecto".

Esta orde é semellante á ditada por Sanidade en 2020. Daquela, ante protestas especialmente intensas na área de Ourense polo peche da sala de partos e das urxencias pediátricas en Verín -decisión que a Xunta acabou rectificando-, emitira unha circular na que prohibira a colocación de anuncios ou carteis non expresamente autorizados pola "dirección de cada centro", ás que autorizou para retirar calquera anuncio ou cartaz "polo contido" ou por estar situado nun local que non considerasen apropiado.