Galicia en campaña: Feijóo proclama que un goberno das mareas sería "peor que a crise económica"

Feijóo, durante a sesión de control do Parlamento © Xoán Crespo

Ningunha formación política designou polo momento candidatura á Presidencia da Xunta e as eleccións non teñen nin data. Pero Galicia xa está, de facto, en campaña. A acción do Goberno leva dende o inicio do ano a medio gas e nas súas xuntanzas semanais multiplícanse en fracas ordes do día os informes sen valor xurídico fronte aos acordos con tradución práctica -no último, 7 informes fronte a 4 acordos-. O Parlamento, pola súa banda, semella vivir os seus minutos do lixo e as sesións de control ao presidente tornaron en campo de probas da campaña sen candidaturas previa ás eleccións sen data, esas ás que Alberto Núñez Feijóo di descoñecer se concorrerá pero ante as que xa lanza unha advertencia en clave de temor que marca as liñas do campo: un eventual goberno das mareas sería "peor que a crise económica".

Nas últimas semanas o presidente e a súa contorna multiplicaron as especulacións a respecto do seu futuro. A última vincúlase a un eventual paso ao sector privado -o xornal Vozpópuli fala este mércores dunha suposta oferta da Fundación Amancio Ortega, negada pola entidade- que nos corredores do Parlamento segue a observarse como altamente improbable, pero menos que o seu paso á política estatal como sucesor dun Mariano Rajoy inmóbil no liderado do PP. Na actual oposición augúrase unha inminente escenificación do recunque presentado como "sacrificio" a prol dos intereses de Galicia. Pero o país "non precisa mártires", ilustra unha deputada.

Na oposición augúrase unha inminente escenificación do "sacrificio" de Feijóo recuncando como candidato

Repita ou non, o ton (pre) electoral apoderouse xa do discurso de Feijóo, cuestionado este mércores na sesión de control a respecto das súas políticas en materia de igualdade, dende a banda do PSdeG, e polo pau xudicial ao seu concurso eólico, dende BNG e AGE. Foi na resposta a Alternativa onde se trazou con máis nitidez o bosquexo da terceira versión do candidato Feijóo, caso de chegar. Antón Sánchez preguntaba polo número de megavatios instalados e apelaba á necesidade de abrir "unha nova etapa en Galiza" e o líder popular esgrimiu a "estabilidade" do PP fronte á "inestabilidade que nos proporciona a multimarca populista: AGE, Anova e Podemos", que "non leva o nome de Galicia".

O presidente esgrime a súa "estabilidade" fronte á "inestabilidade da multimarca populista"

"Sigan vostedes en confluencias", convidou Feijóo ao tamén coordinador nacional de Anova. "Nós -proclama- estamos mellor preparados" e "traballando por Galicia" mentres "para vostedes é máis importante un Twitter enxeñoso que un orzamento rigoroso". Ao cabo, teoriza, para o espazo das mareas o que importa é "o que diga Pablo Iglesias" e o PP é a única garantía de que o que impere sexa "o que diga o pobo de Galicia". Sánchez ve a Feijóo "atrancado nunha porta xiratoria" e, "mentres, atrancando o futuro do país". Feijóo ve a Sánchez non "a facer política", senón "a desprestixiar os sistemas democráticos". "Gobernamos mellor ca vostedes por terra, mar e aire", gábase Feijóo e por iso lanza unha advertencia: "só hai algo peor que a crise, é que algún día gobernasen vostedes Galicia".

A anulación do eólico, un "favor" ao BNG

No clima preelectoral non faltou, outravolta, un dos clásicos: as recorrentes mencións ao bipartito. O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, pediulle contas pola anulación do reparto eólico ditaminada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a mediados de febreiro. "Mal que lles pese, a xustiza di que a ilegalidade a cometeron vostedes" baseándose "na irresponsabilidade e sectarismo" do PP, reprocha o nacionalista. "Anulamos o concurso eólico porque era un compromiso electoral votado en urna", porque "nolo mandaron os galegos", di Feijóo, quen apoiándose en citas dun libro de Emilio Pérez Touriño conclúe que, ao cabo, aquela anulación foi "un dos mellores favores que o Goberno lle puido facer" ao Bloque. "Cales son os intereses do BNG co concurso eólico?", especula; "a quen está defendendo?", cuestiona a Jorquera, a quen ve exercendo "un papelón".

Feijóo asegura que o PP será "o primeiro" en ter candidato

Entre advertencias sobre o risco de destrución "do que fixeron todos os galegos nos últimos 37 anos" e reproches ao PSOE por permitir, como "a figura bíblica de Pilatos", a aprobación dos orzamentos do Concello de Santiago coa súa abstención, Feijóo lánzase a unha precampaña na que as enquisas internas non auguran, cando menos polo momento, a repetición da maioría absoluta. Cun ollo posto nas negociacións no Congreso dos Deputados mide os tempos para facer pública a decisión definitiva sobre concorrer ou non e sobre a data electoral mesma. "O que imos aspirar é a que o PP sexa o primeiro partido en ter candidato", asegura.

Feijóo, na sesión de control © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.