Galicia en Común presenta un programa con 500 medidas para un "goberno de progreso" fronte ás "mentiras" de Feijóo

Os candidatos e candidatas de Galicia en Común, na presentación do programa © GeC-Anova-Mareas

Galicia en Común propón un "contrato de goberno" coa sociedade galega que cree unha "boa normalidade" en Galicia que se basee no potenciamento dos servizos públicos e na intervención económica para "cambiar en 180 graos o rumbo deste país" para "non volver á vella normalidade de recortes, privatización e corrupción" do PP, cuxas siglas Feijóo "tenta ocultar".

Gómez Reino cualifica a Feijóo de "prestidixitador das mentiras" e critica que prometa crear 15.000 empregos públicos "tras anos de destrución e precarización"

Na presentación do programa da coalición, cunhas medidas en todos os sectores, o candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino cualificou a Núñez Feijóo de "prestidixitador das mentiras" e criticou que o líder do PPdeG comprometa agora a creación de 15.000 empregos públicos "logo de anos de destrución e precarización sistemática".

Os candidatos e candidatas de Galicia en Común, na presentación do programa © GeC-Anova-Mareas

Gómez Reino denunciou que "o autor da privatización das residencias de maiores" inclúa agora no seu programa a a intención de reforzalas ou que logo de "abrir as portas" á privatización na sanidade ofreza agora protocolos para, segundo di, reforzala tamén. Así, prometeu un "goberno de progreso que poña a Xunta ao servizo da cidadanía".

Galicia e Común promete "unha lei propia que blinde orzamentariamente o dereito ao ensino público e gratuíto

Na explicación do programa de Galicia en Común, Martiño Noriega, candidato pola Coruña, asegurou que o recolle o compromiso de "empregar todas as competencias da Xunta para reforzar ou autogoberno e garantir que a administración pública traballe con transparencia e honestidade polo benestar e a liberdade da súa cidadanía." 

En canto ao ensino, a número dous pola Coruña, Luca Chao anunciou que o vindeiro goberno impulsará "unha lei propia que blinde orzamentariamente o dereito ao ensino público e gratuíto, cun plan para reducir os concertos, para a recuperación dos dereitos do profesorado e a diminución das ratios de alumnas por aula”.

Ademais, a número dous por Pontevedra, Iria Figueroa, lembrou que a precariedade “é un mal endémico” que se ceba especialmente coa mocidade. “É o momento dun goberno que non lles permita ás empresas explotar aos nosos mozos e mozas cunhas condicións laborais que dan auténtico pánico", sinalou.

Pola súa banda, o cabeza de lista por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, subliñou as medidas específicas do programa destinadas a recuperar a industria cultural do país. “Precisamos ampliar a dotación orzamentaria destinada ao sector da cultura en toda a súa dimensión, que representa máis do 2% do PIB galego con máis de 30.000 traballadores, para evitar a destrución de emprego e para reactivar un elemento estratéxico e fundamental para o noso país".

Por último, David Bruzos, número uno da candidatura por Ourense, destacou que o programa permitirá desenvolver a reactivación económica do país “respectando a protección dos seus recursos naturais, contribuíndo a protexer o planeta e a combater os efectos do cambio climático, equilibrando as diferenzas territoriais e atendendo ás necesidades específicas das zonas rurais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.