Galicia, en risco de perder 2.000 millóns da UE por ser demasiado "rica"

Miranda e Pontón explican as iniciativas sobre os fondos da UE CC-BY-NC-SA BNG

"Xunta e Goberno Central reforzarán o traballo en Bruxelas para que Galicia teña fondos europeos máis alá de 2014". "A Xunta valora que a Comisión Europea garanta que Galicia seguirá recibindo axudas comunitarias máis alá de 2014". "Galicia ten posto en marcha numerosas iniciativas para lograr conseguir ese obxectivo de seguir a recibir fondos europeos (...) que xa teñen dado os seus froitos". Son algunhas das afirmacións lanzadas pola Xunta en diversas comunicacións oficiais ao longo dos últimos meses sobre o que é o principal obxectivo galego en Europa a curto prazo, lograr que no vindeiro período orzamentario da Unión Europea (2014-2020) continúen a chegar fondos estruturais malia non ser xa das coñecidas como "rexións obxectivo 1", isto é, daquelas que non acadan o 75% da renda media da UE. Dende o Goberno galego vénse dando por feito que os cartos europeos seguirán chegando ao país a través dunha nova figura, a das "rexións en transición". Pero ese optimismo semella non corresponderse completamente coa realidade ou, cando menos, esa é a alerta que lanza unha testemuña directa do que acontece nestas negociacións, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Para ser considerada un territorio de "transición" e recibir así dous terzos dos fondos que lle corresponderían como obxectivo 1 Galicia tería que ter estado entre o 75% e o 90% da renda media europea nun período moi concreto, o comprendido entre 2007 e 2009, isto é, antes do peor da crise. Pero nese período aínda de relativa bonanza os petos galegos engordaron un chisco máis, ata o 91,36% e pasaron a situarse entre os "ricos" do continente, detalla Miranda. "Non temos cabida como territorio en transición, como viña defendendo a Xunta", sinala a nacionalista, polo que, se nada muda na proposta que defende a Comisión Europea, só chegarían 1.150 millóns de euros dende Bruxelas, e non os 3.500 que corresponderían como territorio en transición.

A renda media galega foi do 91,36% no período analizado, antes da crise; para ser territorio en transición debera quedar no 90%

Malia a negativa situación de inicia a europarlamentaria do Bloque asegura que a partida non está aínda finalizada nin perdida. A presión dos gobernos, tamén do galego, pode cambiar as regras do xogo, pero para iso cómpre mudar a "pasividade" que, censura, está a amosar a Xunta en "todo o proceso". Dende o gabinete que dirixe Alberto Núñez Feijóo "céntrase todo en trasladar ideas ao Comité das Rexións", que só ten carácter consultivo, pero na comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europea, da que Miranda forma parte, "aínda non recibimos ningunha proposta do Goberno galego". Pola contra, si chegaron iniciativas de Executivos e Parlamentos como Flandres ou Escocia, que "levan ademais moitos meses facendo lobby en Bruxelas onde hai que facelo, na Comisión e no Consello", e non só no Comité da Rexións, explica.

Ademais de esixir unha actuación inmediata da Xunta Miranda anuncia que o BNG tentará, pola vía das emendas, lograr que Galicia poida ter os dous terzos dos fondos que lle corresponderían se fose territorio en transición, dado que os 1.150 millóns de "rexión rica" son "inasumibles na actual situación de crise". Estas achegas tentarán que o regulamento xeral que rexerá as axudas recolla "que os territorios elixibles que saian por primeira vez do obxectivo de converxencia" continúen a recibir, "polo menos, os dous terzos". Ademais, os nacionalistas apostarán por que a xestión dos cartos se realice dende a Xunta e non dende o Goberno central e que os obxectivos das subvencións sexan "flexibles". "Se somos considerados territorio rico" as axudas só poden ir a "investigación avanzada, eficiencia enerxética e apoio ás PEMES, nós estamos a favor, pero queremos tamén que se inclúan" os que é posible aplicar nos "territorios menos desenvolvidos", como inclusión social, loita contra a pobreza, transporte e, "sobre todo", creación de emprego, explica a eurodeputada.

Miranda lamenta que a Xunta realice xestións só no Comité da Rexións, que "só ten carácter consultivo"

Mentres o BNG elabora estas emendas -o prazo remata o 29 de maio- e abre tamén unha "consulta pública" para que "calquera entidade" lles traslade "cales sdeben ser as prioridades", Miranda lamenta que a Xunta se vaia limitar a "participar nunha xuntanza do Comité das Rexións, que non ten máis ca un valor simbólico". A negociación remata no verán e Ana Miranda insiste na necesidade de que a Xunta se poña mans á obra: é "un momento crucial", porque Galicia "pode ter 3.500 ou 1.500 millóns", resume.

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo
Miranda e Pontón explican as iniciativas sobre os fondos da UE CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.