Galicia pon rumbo cara aos novos concellos

Casa do Concello CC-BY-SA Lameiro

Comezou. Dende as cero horas deste venres as forzas políticas xa piden, nalgúns casos entre a chuvia, o voto para a xornada electoral do vindeiro 24 de maio. Por diante quedan dúas semanas que, dado o panorama xeral, poden ser máis decisivas que noutras ocasións. O efervescente panorama político que se inaugurou tras as eleccións europeas do pasado ano fai prognosticar unha tensa noite electoral que dará lugar a corporacións municipais con composicións máis plurais que as actuais, moi especialmente nas grandes cidades, onde as maiorías absolutas van ser, a priori, un reto moito máis difícil do habitual.

A crise, a corrupción, os recortes e a emerxencia de novas forzas son o pano de fondo da campaña

A crise económica, os escándalos de presunta corrupción, os recortes ou a emerxencia de novas forzas políticas serán o pano de fondo dunha campaña electoral na que se porá a proba a resistencia dun PP que hai catro anos logrou uns resultados extraordinarios, por pouco habituais e por avultados. Así, no caso de Galicia na noite do 24-M moitas olladas estarán postas nos espazos urbanos, onde os conservadores lograron en 2011 fitos históricos como as maiorías absolutas da Coruña, Santiago e Ferrol.

Nos espazos urbanos, un dos focos da campaña, concorren ata 72 candidaturas

Froito desta efervescencia é, precisamente, o variado taboleiro electoral urbano. Ata setenta e dúas opcións terá diante de si o electorado das cidades para elixir na xornada electoral. Ás tres forzas políticas nas que se sustentaron a maior parte dos plenos urbanos nos últimos lustros, PP, PSdeG e BNG, únense agora plataformas municipais como a Marea Atlántica, Compostela Aberta, Lugonovo, a Marea de Vigo ou Ferrol en Común. Ademais, en cidades como Santiago, Pontevedra ou Vigo tamén estarán presentes as papeletas de Compromiso por Galicia.

Outra das incógnitas destas elección será o grao de implantación que acade Ciudadanos e, sobre todo, a capacidade da formación de Albert Rivera para condicionar a formación de gobernos. Cunhas candidaturas sustentadas esencialmente en ex membros do PP e de UPyD a formación preséntase como hipotética aliada natural dos conservadores alí onde non poidan acadar a maioría absoluta. Nesta liña, prestarase especial atención á representación que poidan lograr en cidades como A Coruña ou Compostela.

Primeiras mensaxes de PP, PSdeG e BNG

Feijóo proclama que os votos que non sexan para o PP servirán para "repetir a política de Zapatero"

Na cidade con máis candidaturas, Vigo, foi onde Feijóo lanzou as súas primeiras mensaxes da campaña. Para apoiar a súa ex conselleira de Facenda na carreira á alcaldía o presidente da Xunta proclamou que "votar aos populares merecerá a pena" para "seguir avanzando na dirección axeitada e evitar así retroceder". Os votos a calquera forza que non sexa o PP, asegura o líder conservador, suporán "inestabilidade" e "repetir cada día a política de Zapatero". Nesta primeira intervención Feijóo tamén botou man doutro dos seus clásicos, os ataques aos gobernos de coalición: a coalición dos seus candidatos é "cos veciños, cos galegos" mentres "outros partidos" fomentan a "subasta de cargos", acusa.

Besteiro chama a "votar contra a dereita en todas as súas formas"

Noutro dos grandes focos de atención da campaña, Compostela, foi onde comezou a campaña o líder socialista. Xa ante o lema de campaña do partido, Gobernar para a maioría, o líder do PSdeG presenta a súa formación como garantía para pilotar un cambio "real e seguro". O PP, augura, vai "perder todas a maiorías absolutas" porque "defraudou a todos os niveis" e neste contexto cómpre que a veciñanza de vilas e cidades "vote en contra da dereita en todas as súas formas". "Nestas municipais xogámonos moito máis que o goberno das vilas e cidades -advirte-; xogámonos iniciar o camiño do cambio en España e en Galicia fronte a un modelo da dereita que perpetúa os recortes, o empobrecemento e a fraude como forma de goberno".

Vence presenta o BNG como a "única forza nacionalista de esquerdas que lle planta cara ao PP en todo o país"

Máis ao norte, na Coruña, Xavier Vence pediu xunto a Xosé Manuel Carril o voto para as candidaturas BNG-Asembleas Abertas poñendo en primeiro termo a experiencia de goberno da formación frontista. "Queremos encher Galiza de Pontevedras, Tomiños, Bueus, Rianxos, Allarices, Carballos...", ilustra o líder do Bloque. Nos comicios do 24-M, di Vence, a formación que lidera é "a única alternativa nacionalista de esquerdas que lle planta cara ao PP en todo o país, que lle disputa o terreo ao PP en todo o territorio e non só nun puñado de cidades". "O cambio empeza nos concellos, é o primeiro chanzo para derrotar o PP", afirma o portavoz nacional do BNG.

Plataformas municipais

Tamén as diversas plataformas municipais que concorren a estas eleccións como 'mareas' ou baixo outras denominacións lanzaron nos primeiros minutos deste venres as primeiras mensaxes de campaña para pedir o voto. Dende Compostela Aberta o seu candidato á alcaldía, Martiño Noriega, iniciou a súa campaña abrindo simbolicamente as murallas da cidade vella da capital no Arco de Mazarelos. "Comezamos a campaña abrindo a morta dunha muralla" para "conseguir abrir o concello todo". Despois dunha xornada marcada na cidade pola enquisa do CIS Noriega pide o voto coa aspiración de encabezar a "lista máis votada". "Soñamos con alcanzar a maioría" e "gobernar para a maioría". "Estamos diante dunha oportunidade histórica" para "abrir unha xanela de esperanza", di.

Na Coruña o candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, lembrou todas as "mans que coseron o primeiro punto azul da Marea", cuxo traballo, afirma, converteu a plataforma na "principal alternativa ao PP" na cidade. "Todas estas mans e moitas máis son as que o 24 de maio, agora xa podemos dicilo, queremos que nos voten para que a Marea Atlántica lle devolva María Pita á xente". "Na Coruña comeza o cambio" e unha "primavera que vai ser longa". "Hai futuro e hai marea", proclama.

HABERÁ AMPLIACIÓN COAS IMAXES DOS ACTOS DE INICIO DE CAMPAÑA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.