Galicia, sitio distinto tamén para os debates electorais

Feijóo, Vázquez e Jorquera CC-BY-NC-SA PPdeG/PSdeG/BNG

Cinco cartas para unha nova excepción. É o número de misivas que PP, PSdeG e BNG levan intercambiado dende o luns 3 de setembro con diferentes enfoques pero con, a priori, a mesma intención: que os debates regresen a unha campaña galega. O que sobre o papel debera ser algo habitual nunha carreira electoral, o intercambio público de ideas entre candidaturas, é en Galicia toda unha rareza. Non en van, en tres décadas de autonomía tan só se produciu un encontro deste tipo nuns comicios ao Parlamento galego, entre Manuel Fraga e o socialista Antolín Sánchez Presedo. E dende aquela xa pasaron dezanove anos nos que se produciron intentos semellantes aos destes días pero que non chegaron a frutificar.

A primeira carta foi a remitida ao presidente da Xunta e candidato á reelección dende a sede do PSdeG. O aspirante socialista, Pachi Vázquez, propón debater e faino "sen condicións previas", mesmo lanza unha proposta de data, o 5 de outubro ás nove da noite. Na mesma xornada o conselleiro da Presidencia e xefe de campaña conservador, Alfonso Rueda, respondeu á proposta socialista con outra carta, non exenta de invectivas, na que aproveitou o esvarón na redacción do PSdeG -Vázquez denominaba nela a Feijóo "presidente en funcións"- pero na que tamén amosaba o seu "agrado" por "comprobar que acepta a proposta formulada" por Feijóo "sobre a celebración de debates a dous entre os candidatos das formacións políticas con representación parlamentaria".

O PP aposta polos debates "a dous", que o PSdeG acepta; o BNG "non está pechado a ningún formato" pero reclama un encontro "a tres"

É neste punto, o do número de participantes, no que embarrancaron as negociacións nas eleccións de 2009. Daquela tanto PSdeG como BNG defenderon un debate a tres bandas, posibilidade que Feijóo vetou de maneira incondicional. Desta volta as posturas semellan lixeiramente máis flexibles, máis aínda despois de que o Bloque puxese tamén outras dúas cartas sobre a mesa, neste caso asinadas pola súa secretaria de organización e directora de campaña, Montse Prado, e dirixidas a Rueda e ao seu homólogo socialista, Pablo García. Os nacionalistas, que ven nos debates "unha condición esencial para que a cidadanía se forme unha opinión ben fundada antes de emitir o seu voto", propoñen unha xuntanza tripartita "para acordarmos os termos en qeu se irán celebrar os debates entre os nosos respectivos candidatos (...) nos medios de titularidade pública". "Acudiremos a esta reunión sen establecermos de entrada ningún tipo de condición previa e con ánimo de estudarmos calquera fórmula que se formule, pondo sempre por diante a salvagarda do dereito dos cidadáns a veren os candidatos debater", di Prado.

Neste contexto chegou aínda unha nova carta, de novo dende as filas populares. Por descoñecemento ou omisión da misiva de Prado dende a sede do PP saíu unha mensaxe con destino aos nacionalistas. Nela Alfonso Rueda diríxese ao portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez -nun ton sensiblemente máis afable que o empregado con Pachi Vázquez- para "pregarlle" que lle "indique a persoa responsable por parte do BNG para negociar todos os detalles vinculados ao desenvolvemento destes debates", que o segundo de a bordo de Feijóo formula como encontros "a dous", "convencido de que" o BNG "está disposto a participar" neles. Así as cousas, abrirase unha negociación na que, non obstante, a formación frontista defenderá tamén a necesidade dun encontro a tres bandas. Así o afirma a súa secretaria de comunicación, Carme Adán: "Non estamos pechados a ningún formato", se ben "o coherente e democrático é que sexa un debate das tres forzas". Segundo o PP, ese esquema implica que Feijóo se enfrontaría a un "dous contra un".

O precedente de 2008

Touriño, Quintana e Feijóo debateron en 2008 antes dunhas eleccións ás que ningún se presentaba

Así e todo, se finalmente os populares aceptasen un encontro a tres que complementase os debates a dous non sería a primeira vez que Feijóo senta antes as cámaras cun líder socialista e outro nacionalista. Xa aconteceu en 2008, nun debate televisado que constituíu en si mesmo toda unha rareza política. Ao plató instalado pola TVG no claustro dun hotel compostelán acudiron, ademais de Feijóo -entón líder da oposición galega- o daquela presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o seu vicepresidente e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana. Os tres debateron sobre uns comicios aos que ningún dos tres se presentaba, xa que a convocatoria era de eleccións xerais.

Un ano máis tarde, cando a convocatoria electoral si era galega, Feijóo negouse en rotundo a repetir a imaxe de 2008. Emulaba así a Manuel Fraga, que sempre se opuxo a participar en debates agás no devandito de 1993, antes dunhas eleccións nas que Fraga obtivo unha folgada maioría absoluta e no que o gran ascenso foi para o BNG liderado por Xosé Manuel Beiras, precisamente a forza que fora excluída do encontro televisado.

 

Feijóo, Touriño e Quintana, antes do debate das xerais de 2008 CC-BY-SA Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.