Como cada véspera do Día Nacional de Galicia, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, reivindicou en Bonaval a Rosalía de Castro e Daniel Castelao, "dous símbolos e exemplos para todas as mozas e mozos que día a día loitamos polos dereitos colectivos que como nación nos pertencen".
Máis de 200 mozas e mozos participaron nun acto que contou coas intervencións políticas de Navia Rivas e Alberte Fernández, de Galiza Nova, e Olalla Rodil, deputada do BNG e integrante da dirección da organización xuvenil.
“A mocidade nacionalista ten o orgullo, e ao mesmo tempo o deber, de recoller o legado de Rosalía e Castelao"
Navia Rivas, integrante da Comisión Permanente e Dirección de Galiza Nova, destacou a importancia de recoller o legado de Rosalía e Castelao para levalo á práctica no traballo continuo e no activismo político, mentres que Alberte Fernández, secretario xeral, sinalou que “a mocidade nacionalista ten o orgullo, e ao mesmo tempo o deber, de recoller o legado" das dúas figuras homenaxeadas "na súa loita pola liberación nacional da Galiza”.
"Os grandes problemas da mocidade galega seguen a ser os mesmos que no tempo no que escribiron Rosalía e Castelao, e só o nacionalismo ten solución para eles”, engadiu Fernández, mentres que Rodil sinalou que ambas figuras inspiran a mocidade a pór en dúbida que Galiza non poida ser máis que unha autonomía compracente cos intereses do Estado español. "O seu legado convídanos a rachar co preconcibido e a preguntarnos se non hai máis capacidade de decisión que a limitada marxe que nos deixa a Constitución do 78 e a vontade dos poderes que emanan dela”, dixo antes da ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres e a ruada pola independencia polas rúas da zona vella de Compostela.
"Os grandes problemas da mocidade galega seguen a ser os mesmos que no tempo no que escribiron Rosalía e Castelao, e só o nacionalismo ten solución para eles”
Por outra banda, Anova celebrou tamén en Compostela as xornadas República e ruptura. Antón Sánchez, voceiro da formación nacionalista, foi o encargado de abrir unha xornada na que se debateu sobre Dous anos de primavera municipalista: Balance e desafíos da unidade popular. No acto interviron representantes da Marea de Vigo, Nós Proba, Vilalba Aberta, Ribeiro en Común ou o PAC de Lalín, ademais do alcalde de Teo, Rafa Sisto, e o de Sada, Benito Portela.
A partir das 19.30 era a quenda para Xosé Manuel Beiras, Anna Gabriel (CUP) e Marian Beitialarrangoitia (Sortu), que debaten sobre Unidade Popular e Procesos Constituíntes.