García estréase no Parlamento negando que a Xunta aplique "medidas regresivas" para o galego

Valentín García co conselleiro Jesús Vázquez © Ana Varela

"Preguntámonos como unha persoa que di que o galego é o noso proxecto común, que se define como comprometido coa lingua, pode asumir unha responsabilidade política destas características". O voceiro do BNG en materia lingüística, Bieito Lobeira, lanzáballe este interrogante ao novo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, estudoso da promoción da lingua propia que mesmo chegou a dirixir a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e que agora asume, en clave continuísta, o legado de Anxo Lorenzo. García debutaba este mércores no Parlamento para dar explicacións, a instancias do Bloque, sobre o -precario- estado de saúde dos servizos lingüísticos municipais e fíxoo asumindo o fondo do seu antecesor, pero non as formas.

Fronte á aberta hostilidade que chegou a existir entre Lorenzo -actual secretario xeral de Cultura- e os deputados da oposición, García optou por un debate de luva branca, unha intervención na que mesmo reapareceu o termo "normalización", case vetado polo anterior responsable da secretaría, quen se inclinaba por empregar "dinamización" para referirse ao fin último do seu traballo no Goberno. Con todo, alén das formas, García deixa claro que non virará o temón. Mentres que Lobeira lamenta velo á fronte das "estratexias de eliminación", "regresivas" para o galego, o alto cargo de Educación reduce esas críticas a "unha óptica" do nacionalista "que eu non comparto e por iso ostento este cargo, non fai falta dicilo aquí", zanxou.

Servizos lingüísticos municipais

Á marxe do novo ton, García asegura ser conciente do carácter "fundamental" que teñen os servizos de normalización lingüística e inscribe nesa importancia o labor da Rede de Dinamización Lingüística, que el mesmo coordinou baixo a dirección de Lorenzo. Fronte as acusacións de recortes lanzadas polo BNG, o secretario xeral asegura que a intención do seu departamento é manter estes servizos e mesmo lograr que sexan "estables" no tempo. Así e todo, asegura que este tipo de departamentos locais padecen "un mal endémico", moitos deles son "servizos Guadiana", "que aparecen e desaparecen dependendo das subvencións". "O Goberno galego segue a apoiar os concellos na promoción da lingua galega, dándolle corpo ás responsabilidades derivadas" das leis mantén, se ben a continuación engade o que vén sendo marca de todos os discursos de altos cargos da Xunta. Cómpre ter en conta "como está a situación económica" dos concellos e moitos destes servizos só se poden manter "mentres lles sigamos metendo cartos a esgalla pola porta para adentro".

As explicacións de García non convenceron a Lobeira nin no referido á filosofía da Rede de Dinamización nin tampouco no que atinxe á imposibilidade de acceder ás subvencións por parte dalgúns concellos a causa de non teren presentado os números das súas arcas ante o Consello de Contas. "Pregaríalle que non ría de nós", subliñou o deputado, en cuxa opinión abonda con consultar as condicións dos subsidios para servizos lingüísticos municipais para comprobar que "o que lle interesa" á Xunta é impoñer "criterios" que "impidan acceder" ás axudas.

Neste contexto, o parlamentario do Bloque conclúe que a Rede de Dinamización está asentada nun mero "obxectivo propagandístico e limitador da política lingüística do PP", xa que nela se integran "concellos tan comprometidos coa lingua galega como A Coruña, con Carlos Negreira á fronte", ao que "só lle pedimos que cumpra a lei". "Se quere, comparamos o compromiso de Negreira co doutro concello, como Pontevedra", que non está na Rede, reta. "Se puede ser galleguista una vez al año, siempre y cuando las fiestas no sean demasiado gallegas", ironiza Lobeira. "Afortunadamente, con Isabel Pantoja e o novo equipo municipal [da Coruña] plural e diverso" isto xa non acontece. "Como imos ter festas galegas en Galiza? Témolas que ter sevillanas", conclúe.

García, con Anxo Lorenzo © Xunta
Bieito Lobeira, voceiro do BNG en materia lingüística CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.