Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, destacou este sábado nun acto sobre política social que “non todos os partidos pensan o mesmo” nese ámbito, xa que algúns “só ven os prezos” do mercado cando “o máis importante que hai é o dereito de todos os cidadáns a ter posibilidades de prosperar e de ter unha vida digna".
No foro celebrado en Pontevedra con representantes de diferentes entidades sociais, o líder do PSdeG explicou os compromisos dos socialistas no relativo aos sistemas públicos de pensións, educativo e sanitario, así como no referente á dependencia, á diversidade e á loita contra a pobreza infantil, nun "momento de elevados niveis de desigualdade".
"Somos a mellor garantía para o sistema público de pensións", reivindicou Caballero, que destacou tamén a educación como "mecanismo fundamental de igualdade e de xustiza social"
"Somos a mellor garantía para o sistema público de pensións", reivindicou Caballero, que destacou tamén a educación como "mecanismo fundamental de igualdade e de xustiza social" e tamén "de posibilidades de futuro para o país".
Así, destacou que o PSOE de Sánchez prevé "elevar o investimento na educación pública" ata o 5% do PIB e facer gratuítas as prazas de gardaría para nenos ata os tres anos.
Ademais, lembrou que, no ámbito sanitario, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resultou “nefasto”, tras deixar unha sanidade “con menos camas, con menos persoal, con problemas na pediatría, nas urxencias e nos PAC". Así, amosou a súa "preocupación" ao ver que o xefe do Executivo galego "non aprendeu nada" do sucedido na Estrada, onde un home faleceu nun centro de saúde sen asistencia médica.