Xa hai candidatos oficiais e xa hai un primeiro favorito. Gonzalo Caballero adiantou os seus dous rivais na carreira polo liderado do PSdeG ao presentar 2.297 avais para oficializar a súa candidatura, foron case 500 máis que os 1.803 que presentou o voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, e os 1.790 que achegou o deputado coruñés Juan Díaz Villoslada, o preferido da xestora e a aposta de Ferraz.
Caballero presentou 2.297 avais, fronte aos 1.803 de Leiceaga e os 1.790 de Villoslada
Os tres aspirantes superaron, tal e como se contaba, o número mínimo de 1.051 avais para continuar na batalla por liderar o socialismo galego. Son xa candidatos oficiais de cara ás primarias do vindeiro 8 de outubro, aínda que non se descarta que haxa antes pactos entre algúns dos militantes e a carreira quede limitada a dúas persoas.
Foron, xa que logo, case 6.000 os militantes do PSdeG que avalaron algún dos tres aspirantes. Caballero, que se dixo sorprendido polo apoio, presentou os devanditos avais xunto ao ex-deputado Pablo López Vidal e a ex-presidenta do Parlamento, Dolores Villarino. Pola súa banda, Leiceaga insistiu en que chegará ao final do proceso malia non descartar pactos.
En canto a Villoslada, insistiu en que o trámite deste mércores é só iso, un proceso máis, e asegura estar convencido de que será o seu proxecto o que convencerá a maioría dos militantes. O vicevoceiro parlamentario foi acompañado por varios simpatizantes socialistas e cargos como a deputada Noela Blanco.