Guillerme Vázquez: "A alternativa ao PP é o BNG e mañá seguirao sendo"

Xuntanza da Executiva Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Nós somos a alternativa non porque o diga eu, senón porque o demostramos na práctica". O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, resume deste xeito o roteiro co que traballará a nova Executiva Nacional da formación frontista, acabada de reestruturar tras os múltiples movementos internos posteriores á Asemblea do pasado xaneiro. Vázquez dirixiu este luns a primeira sesión da cúpula frontista descartando prestar atención de agora en diante ás cuestións internas. "O que me preocupa é o PP" e a súa xestión "nefasta para este país", con "milleiros de persoas ao paro" e un presidente "ausente". Estes, di o líder nacionalista, son motivos dabondo como para "decicarlle pouco" tempo aos asuntos internos e moito máis a "traballar".

Nesta liña, o portavoz nacional do Bloque anuncia a posta en marcha da maquinaria nacionalista para elaborar o programa electoral das vindeiras eleccións autonómicas, un labor que se inicia con independencia do momento que Alberto Núñez Feijóo elixa para convocalas. A formación nacionalista, di, non dispón "dunha bóla máxica" para coñecer a data electoral, pero iso non lle impide "facer o traballo que ten que facer, sendo conscientes de que a alternativa ao PP é o BNG e mañá vai seguir sendo o BNG", subliña. "Nós faremos o noso traballo e traballaremos intensamente para difundir a nosa alternativa" e transmitirlle á cidadanía que Galicia "está soportando o peor Goberno da súa historia".

Os nacionalistas impulsarán este labor desde unha Executiva Nacional que se reconfigura como consecuencia da marcha do Encontro Irmandiño e de Máis Galiza, se ben algúns dos que foran membros máis destacados do partido agora dirixido fóra do Bloque por Xoán Bascuas se integran na dirección frontista. Este é o caso, por exemplo, do ex portavoz parlamentario, Carlos Aymerich, ou da alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Ademais, chegan tamén á dirección nacionalista a que fora candidata á alcaldía de Ribeira, Dominga Brión, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, cuxa presenza é especialmente relevante xa que, dende a Asemblea de xaneiro, estivera encadrado entre os que apostaban por abandonar o Bloque. Non están na Executiva Nacional os históricos Camilo Nogueira e Xesús Veiga, aínda que, co corremento da lista, lles correspondería ter accedido ao órgano de dirección.

Este, explica Vázquez, é un equipo con "vocación de continuidade" que seguirá a amosar que o BNG "non se pon de perfil fronte aos problemas", senón que "toma partido", a comezar pola oposición "á contrarreforma laboral". "Seguimos convidando á sociedade galega a non resignarse, a pensar que é posíbel cambiar as cousas" e para iso, di, cómpre "empezar por mobilizarse" na folga xeral do día 29. Nesa xornada, lembra, o BNG participará "activamente" nunhas protestas que, agarda, deben facer "reflexionar ao PP" para "deixar  de actuar coa prepotencia" coa que o vén facendo. "Nós aspiramos" a que a reforma sexa, simplemente, "retirada", conclúe.

Executiva Nacional do BNG
Portavoz nacional: Guillerme Vázquez
Organización Montse Prado
Acción institucional no Parlamento Ana Pontón
Relacións co Congreso Francisco Jorquera
Acción Municipal Sandra González
Accións Políticas e Finanzas Miguel A. Fernández Lores
Comunicación Carme Adán
Acción Feminista Ana Luísa Bouza
Iniciativas Programáticas Carlos Aymerich
Imaxe e Publicacións Luís Seara
Comisións do Consello Nacional Dominga Brión
Iniciativas Municipais Félix Juncal
Acción Social Rafa Vilar
Formación Xurxo Rodríguez
Relacións Internacionais Francisco García

 

 

Xuntanza da Executiva Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.