Guillerme Vázquez: "Non se pode culpar a ninguén do mal resultado electoral dun mesmo"

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) fala devagar. Un mes despois dun duro correctivo electoral para a formación que encabeza, o portavoz nacional do BNG analiza o panorama coa calma de quen xa tomou a decisión de non recuncar no cargo unha vez que o proceso de "reflexión" interna culmine, antes do verán de 2013, nunha Asemblea Nacional. O líder nacionalista apela a "escoitar" as "múltiples ideas e propostas" tanto da militancia como da "xente que temos ao redor" do Bloque para algo que considera imprescindible: "corrixir o rumbo".

Que análise fai do resultado das eleccións?
Os resultados foron moi malos para o BNG e, respectándoos, foron demasiado bos para o PP en función do voto que tivo. A partir de aí traballaremos para seguir defendendo que soberanía, democracia e traballo son elementais para saír desta crise económica, social e política na que estamos.

Por que considerou conveniente anunciar de inmediato que non recuncará na portavocía?
Considereino así porque era o que pensaba en conciencia. Asumo como cabeza do BNG os resultados electorais e creo que cómpre iniciar un proceso de debate amplo, profundo e calmado para reorientarse. E unha vez rematado o proceso de debate outras persoas deben encabezar esta organización.

Deixará o liderado do Bloque despois de case catro anos. Que balance fai deste período?

"É o momento de pararse, reflexionar e reorientar o BNG para recuperar confianza social"

Eu collín o BNG nunha situación xa complicada. A partir de aí, non só tivemos un proceso difícil no plano interior, cunha situación de aspersión constante das diferenzas cara ao exterior que remata nunha asemblea nacional cun proceso de escisión. E todo isto nun proceso de crise profunda e rápida. Non era o mellor contexto e eu fago o que dende o meu punto de vista teño que facer, un balance positivo non pola miña xigantesca actuación, senón porque o fixen co maior traballo e honestidade posible e, dende logo, agradecendo sempre aos compañeiros e compañeiras que depositasen en min esa confianza. Pero é certo que foi un proceso difícil no plano interno e cun contexto que velozmente ía cambiando. Por iso este é un momento de pararse, reflexionar e reorientar o BNG para facer fronte a un temporal moi importante dendee o punto de vista económico, social, nacional... e recuperar confianza social.

Observaron fallos na campaña electoral ou realizan a análise dende unha perspectiva máis ampla?
Todos os expertos din que as campañas  non determinan especialmente un resultado, aínda que o poden condicionar para un lado ou para outro. Iso será mellor deixalo para a reflexión colectiva, pero o resultado electoral do BNG non se pode adxudicar estritamente a eses quince días.

Nas últimas semanas vostede falou de que non repartirán culpas...
Eu son dos que sempre acepta a realidade. Non vou negar que o BNG ten que facer a transmisión da súa política nun contexto concreto, non vou negar factores externos nin nada polo estilo. Sei que a imaxe dunha forza política, tamén a de calquera persoa, non só depende do que é senón do que digan de un que é. Iso non o imos poder cambiar. A reflexión temos que centrala no que temos que facer mellor nós, que cambios na nosa liña política ou na nosa actuación práctica temos que facer para responder á situación da Galiza de hoxe. Polo tanto, do resultado electoral de ningunha maneira podo culpabilizar a ninguén, non se pode culpar a ninguén do mal resultado dun.

Ata que punto cre que influíu no resultado do BNG a irrupción doutras forzas no ámbito do nacionalismo?

"A reflexión principal non é o que supuxo a irrupción doutras forzas, senón o que temos que facer nós para que a sociedade nos perciba como unha forza útil"

Os analistas determinarano con maior exactitude, pero é evidente que en calquera contexto a irrupción de novas forzas políticas sempre inflúe no resultado electoral dos demais. Pero a min o que me parece que move a reflexión principal non é tanto o que supuxo a irrupción doutras forzas, senón que é o que temos que facer nós para que a sociedade galega nos perciba como unha forza nacionalista útil non só para combater a política do PP, da troika, de Merkel, do propio Feijóo... Senón tamén para que acrediten que as alternativas para saír da crise nun sentido favorable ás clases populares pasan polas que formula o BNG. Temos que facer o traballo ben feito para que sexamos percibidos como forza útil para opoñernos a esta forza demoledora que aplica ese eixo do mal que son a UE, a CEOE, capital financeiro, banca...

Neste sentido cabe, a medio prazo, o entendemento do BNG con outras forzas nacionalistas?
Nós estamos sempre abertos a acordos. Dende o punto de vista de, ao mellor, coincidir en que unha das cuestións fulcrais é avanzar na capacidade de decidir para Galiza podemos confluír con moitísima xente. Iso vai dependender da vontade nosa e da dos demais. Non temos ningún apriorismo. Eu admito a actual situación con toda normalidade, só faltaría.

Nas últimas semanas vostede referiuse á que esta reflexión culminará cun “novo proxecto nacionalista”. Cabe entendelo en termos de refundación?

"Debemos transformar unha derrota electoral nunha oportunidade de ir nunha dirección mellor"

Eu dixen moitas veces que o BNG se refunda en cada asemblea. Non debemos quedar presos dos termos. Prefiro utilizar o termo “reorientar” o BNG para a nova situación. Xa sei que hai moito tópico, pero eu coñezo poucas forzas políticas non sei se tan democráticas, pero máis democráticas que o BNG, coñezo poucas. Ao final, a decisión que se adopte será a que colectivamente tomemos. O que cremos colectivamente é que debemos transformar, se a nosa capacidade dá para iso, unha derrota electoral nunha oportunidade de ir nunha dirección mellor, de mellor resposta á sociedade galega.

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.