"Hai unha esperanza para o federalismo baseada nunha alianza das clases traballadoras de todo o Estado"

Ferran Pedret © PSC

O deputado do PSC Ferran Pedret presentou en Ferrol o seu libro Nós os federalistas. Catalunya na encrucilladano marco das I Xornadas para conmemorar a Segunda Repúblicaorganizadas pola Agrupación Socialista de Ferrol. Pedret (1979) é avogado e conta cunha longa experiencia no activismo social. É un dos impulsores do colectivo Inflexió, fundado en Barcelona en 2009. Actualmente é responsable de Movementos Sociais do PSC. É tamén autor do libro Quan succeeix l'inesperat: el 15M i l'esquerra (Edicions Els Llums, 2011).

Nosaltres, els federalistes é unha obra "a contracorrente" escrito "para dar resposta a quen, tras a histórica manifestación do 11 de setembro, se apresuran a enterrar o federalismo" e constitúe unha "aberta incitación ao federalismo e á radicalidade democrática e, en consecuencia, é unha chamada á acción política".

A situación política en Catalunya segue moi revolta e dá a impresión de que as eleccións provocaron unha ingobernabilidade aínda maior. Como analizas o momento actual?

A situación política en Catalunya é moi complexa e pode dar a sensación dun certo caos. Temos un panorama por diante que non sei se cualificar de “ingobernable”, pero si dunha gobernabilidade moi complexa. O socio de Goberno de CiU, ERC, non quere asumir as dificultades que comporta un debate orzamentario nestes momentos polos recortes que implicaría, e polo tanto o día a día do país é moi complicado. E o debate independentista contribúe a que as posicións estean moi polarizadas, o que leva tamén a esa ingobernabilidade.

"O que nós dicimos é que esa consulta ten que ser acordada co Estado. E non porque alguén teña que dar un permiso extraordinario, senón porque para un proceso desta importancia todos os actores implicados deben recoñecerlle lexitimidade"

E en que situación se atopa o PSC? Atopa o seu lugar nesa guerra de bandeiras?

O socialismo catalán nace da fusión entre as clases traballadoras que teñen as súas raíces en Catalunya de toda a vida e as novas clases traballadoras que chegaron nos anos sesenta e setenta. E contribúe á unidade civil do pobo de Catalunya dunha forma importante. O debate sobre a independencia é un debate que o PSC non ten problema ningún en enfrontar, e enfróntao defendendo a súa opción, que é a construción dun estado federal plurinacional en España. O que xerou un gran debate foi a cuestión do dereito a decidir. O PSC non é independentista, pero defende no seu programa que se consulte os cidadáns e cidadás de Catalunya. Até o de agora este tema non se suscitara porque os cataláns que querían unha consulta non eran maioría. E agora si o son, aínda que despois na consulta voten unha cousa ou outra. O que nós dicimos é que esa consulta ten que ser acordada co Estado. E non porque alguén teña que dar un permiso extraordinario, senón porque para un proceso desta importancia todos os actores implicados deben recoñecerlle lexitimidade ao proceso.

Onde están os federalistas en España? Parece que ese discurso atopa poucos espazos neste ambiente de polarización

A miña intuición é que federalistas habelos hainos, e moitos máis dos que se recoñecen a si mesmos como federalistas. Hai moita xente que se recoñece nas ideas e valores do federalismo e ademais practícanos. Hai unha esperanza para o federalismo baseada nunha alianza das clases traballadoras de todo o Estado para producir unha dinámica que creo que é moi necesaria.

"O federalismo é unha forma de organización social, é como quereriamos que funcionase a sociedade: a libre unión de individuos para cooperar e para o progreso e o benestar común"

Explicouse ben o federalismo? Ás veces dá a impresión de que a súa defensa non atopa valores emocionais e fica nunha proposta puramente legalista

Para min e para a tradición dos movementos populares en Catalunya o federalismo vai moito máis alá dunha determinada arquitectura política ou de organización territorial. O federalismo é unha forma de organización social, é como quereriamos que funcionase a sociedade: a libre unión de individuos para cooperar e para o progreso e o benestar común. Bebemos do federalismo social de Prudhomme e de Pi i Margall e estamos convencidos de que por unha determinada idea da federación social e da construción do común é polo que se ergueron barricadas na Comuna de Paris ou nos barrios de Barcelona.

"Estamos vivindo o momento político máis aberto das últimas décadas, un momento no que todas as opcións están enriba da mesa"

En calquera caso semella ser aínda unha posición defendida por unha minoría...

Pode parecelo e até o momento había datos que o corroboraban, coma a maioría absoluta do PP. Pero enquisas recentes coma unha publicada por El Periódico hai uns meses amosaba que a metade dos españois podería apoiar unha reforma federal da constitución. Estamos vivindo o momento político máis aberto das últimas décadas, un momento no que todas as opcións están enriba da mesa. Unha das ideas con máis forza é a da rexeneración democrática. E o federalismo pode ser unha panca para esta rexeneración democrática e tamén para unha transformación social. Hai marxe para o federalismo en España, un federalismo que non encaixe a pluralidade senón que a articule como un factor enriquecedor.

"Creo que a cousa no PSOE está moi aberta. Un bo exemplo é o debate sobre a monarquía e a república. Hai uns anos seria impensable que o PSOE abrise este debate"

Pero as friccións entre PSC e PSOE son continuas, tamén nese tema...

Non nego que hai dificultades moi obvias e que se constatan a diario. Pero dáme a sensación de que é máis un choque de conceptos entre as direccións dos dous partidos que entre o que pensan as bases militantes dun e doutro. Creo que a cousa no PSOE está moi aberta. Un bo exemplo é o debate sobre a monarquía e a república. Hai uns anos seria impensable que o PSOE abrise este debate. Polo tanto, creo que é posible que evolucionen as posturas a maior velocidade do que antes parecía. Quen nos ía dicir hai uns meses que a dirección do PSOE estaría apostando por unha reforma federal da Constitución?

Que é Inflexió, o colectivo de esquerdas que creaches con outros activistas?

No 2009 un grupo de persoas, que nos coñecéramos a través das loitas sociais e provenientes de orixes moi distintas, constatamos que coincidiamos en moitas análises e tamén no fracaso da maior parte das estratexias que as distintas esquerdas intentaran para transformar o sistema. A partir de aí xurdiu a necesidade de atopar un espazo que servise de nodo, onde a xente se atopase e debatese. E un espazo tamén para chamar á mobilización e axitar. E iso fixemos: dende ocupacións dun ambulatorio afectado polos recortes esixindo que se abrise até protestas na sede do Banco Santander en Grácia. E sobre todo provocamos sinerxias e contactos entre persoas que viñan de sitios moi distintos.

"A única solución razoable é que o Estado permita realizar unha consulta. E nesa consulta o PSC chamaría a votar que non á independencia"

Que vai pasar no 2014? Vai haber consulta? Que fará o PSC?

Eu son dos que quero que se produza, sexa a través dun referendo, sexa a través dunha consulta. Pero o Goberno central está dicindo dunha forma moi rotunda que non está disposto a facer os cambios legais necesarios para que se poida producir. Se esa vai ser a posición do Goberno central a situación política en Catalunya será completamente insostible. Porque vai haber unha presión moi forte de ERC a CiU para celebrar a consulta sexa como sexa, aínda que non teña cobertura legal ou cun marco legal unicamente catalán, a través da lei de consultas. Pero iso vai producir un conflito institucional grande. Cun PP enrocado que propoña suspender a autonomía catalán ou inhabilitar o President teriamos un conflito moi difícil de resolver. A única solución razoable é que o Estado permita realizar unha consulta. E nesa consulta o PSC chamaría a votar que non á independencia, cunha defensa firme dunha reforma federal da Constitución.

Ferran Pedret © PSC
Capa do libro © Edicions els llums

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.