Hervé Falciani, o fuxitivo que traballa cos gobernos e ao que España vén de deter

Hervé Falciani, entrevistado en 2013 por eldiario.es CC-BY-SA eldiario.es

Hervé Falciani foi detido pola Unidade de Fuxitivos da Policía. Estaba a piques de participar este mércores nun debate con xornalistas e expertos en paraísos fiscais na Universidade Pontificia de Comillas, en Madrid. O debate titulárano: Cando dicir a verdade é un acto heroico. Hervé Falciani leva fuxido da xustiza suíza desde 2008 por sacar do país unha listaxe de máis de 100.000 nomes de evasores de impostos que usaban a banca suíza para ocultar a súa fraude.

A detención de Falciani, segundo a Policía, obedece a unha petición de extradición emitida por Suíza. O peculiar deste caso é que a Audiencia Nacional xa tombou en 2013 unha petición previa de extradición polo roubo e difusión dos datos da entidade bancaria. Sen Falciani presente, o xuízo seguiu e ditouse en 2016 condena firme a cinco anos de cárcere. Suíza cursa daquela unha nova petición de extradición a España, en 2017. Interior asegura que a recibe o 19 de marzo de 2018 e iso desencadea o arresto deste mércores. Todo este proceso está a causar confusión na Audiencia Nacional.

Falciani, condenado por ladrón en Suíza, con todo non viviu nin moito menos como un fuxitivo en España. O francoitaliano chega ao porto de Barcelona en xullo de 2012 e é detido nun control policial: as alarmas na fronteira saltan inmediatamente pola orde de detención internacional cursada por Suíza, que reclama a súa extradición desde que en 2008 Falciani sacara da sede en Xenebra do HSBC o que sempre se coñecería xa como 'a lista Falciani'. Son nomes que pasaban cada día ante os seus ollos de supervisor informático do banco. Entre 2006 e 2008, día a día e en segredo, Falciani fai unha copia deses movementos fraudulentos segredos. Unha enorme base de datos descargada no seu portátil.

Falciani estivo traballando durante anos compartindo o seu coñecemento coa Axencia Tributaria e o Ministerio de Facenda co obxectivo de cazar aos centos de españois que aparecían na lista que sacou do HSBC

Despois de que se denegase a súa extradición e fose posto en liberdade en 2013, Falciani estivo traballando durante anos compartindo o seu coñecemento coa Axencia Tributaria e o Ministerio de Facenda co obxectivo de cazar aos centos de españois que aparecían na lista que Falciani sacou do HSBC. De feito, Falciani chegou a desenvolver un software para a Fiscalía Anticorrupción para cruzar bases de datos e facilitar a localización desas fraudes, tal e como explicou el mesmo nunha entrevista en Le Monde en 2014.

O agora detido estivo vivindo durante meses con escolta da Policía Nacional, que entre a protección e a marcaxe o acompañaban na súa total liberdade de movementos. Ou case total: eldiario.es tivo constancia en 2013 de como a última hora a escolta policial abortou "por seguridade" unha reunión de Falciani con activistas e representantes políticos, entre eles Alberto Garzón.

De feito, Falciani mesmo foi candidato nunhas eleccións en España. Presentouse como cabeza de lista do Partido X para as eleccións europeas de 2014, aínda que non obtivo representación como eurodeputado. Posteriormente, colaborou con Podemos e participou en eventos públicos con iniciativas políticas locais e organizacións sociais anticorrupción.

Non era a primeira vez que Falciani traballa coas autoridades. O 20 de marzo de 2008, a banca suíza denuncia que alguén está a tentar vender bases de datos de clientes de HSCBC en Líbano. Tras un nome falso, acompañado dunha muller e usando unha empresa fantasma, a xustiza suíza asegura que Falciani tentou sacar partido económico do seu incrible achado. O informático é detido e interrogado e, así e todo, queda libre.

Banqueiros, reis, futbolistas, narcos e señores da guerra

A 'listaxe Falciani' inclúe os nomes de 106.000 persoas físicas e xurídicas residentes en 203 países. As súas contas na filial suíza sumaban entre 2006 e 2007, anos aos que pertencía esa filtración, máis de 100.000 millóns de dólares

Ao día seguinte foxe a Francia, que acaba tornando no seu mellor aliado: as autoridades francesas nin deteñen nin extraditan a Falciani, senón que requisan os datos do segredo bancario para abrir investigacións xudiciais contra os evasores.

eldiario.es entrevistou a Hervé Falciani en varias ocasións; foi o primeiro medio en entrevistalo en España. En longas conversas, Falciani explicaba como funcionan as redes financeiras internacionais de diñeiro negro, deixando un retrato cru e escandaloso de evasión multimillonaria. En 2015, sete anos despois da súa fuga de Suíza, a listaxe cos seus nomes viu a luz.  A lista, publicada tras unha investigación coordinada por Le Monde  e o  Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ) na que participan 60 medios de todo o mundo, inclúe os nomes de 106.000 persoas físicas e xurídicas residentes en 203 países. As súas contas na filial suíza sumaban entre 2006 e 2007, anos aos que pertencía esa filtración, máis de 100.000 millóns de dólares, 78.000 millóns de euros.

Entre quen contaban con contas na filial helvética do banco figuran nomes como os de Emilio Botín, Mohamed V de Marrocos, Abdalá II de Xordania, o futbolista uruguaio Diego Forlán, o magnate da fórmula 1 Flavio Briatore, o piloto de motos Valentino Rossi, o peruano Javier Pérez de Cuéllar, quinto secretario xeral da ONU, os cantantes David Bowie e Tina Turner ou a modelo Elle MacPherson. A lista demostra que o segredo bancario suízo protexía tamén os fondos de traficantes de drogas e armas ou de señores da guerra.

En España puxéronse en marcha numerosas investigacións xudiciais e detencións grazas á información achegada por Falciani, na que aparecen uns 4.000 españois. As máis destacadas son contra a rede de branqueo de diñeiro do magnate chinés Gao Ping, e por outro, para o caso Pujol, coa presenza da familia do expresident catalán cunha conta aberta en 1994. Segundo un cálculo de El Confidencial, os españois da lista Falciani tiñan 1.800 millóns de euros opacos en Suíza. A cantidade de diñeiro que España recuperou da fraude fiscal está por riba dos 300 millóns de euros e a soa ameaza da existencia da lista multiplicou as regularizacións espontáneas e declaracións complementarias. En Arxentina, Francia, Suíza, os datos da súa lista pon contra as cordas a fortunas locais, ademais de á cúpula do HSBC en varios países.

Hervé Falciani, condenado por ladrón en Suíza, prestou os seus servizos ás autoridades españolas, como tamén fixo coas francesas ou as belgas, que o protexeron contra a orde de detención que agora se activa de novo entre as dúbidas xudiciais no seo da Audiencia Nacional.

Sede do HSBC en Londres CC-BY-SA Danesman1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.