Iglesias e Beiras acordan unha ''estratexia conxunta'' a prol do grupo de En Marea no Congreso

Beiras, Iglesias, Antón Sánchez e Bescansa, durante a xuntanza © Anova

O coportavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, e mais o coordinador nacional, Antón Sánchez, reuníronse este martes en Madrid co secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e coa secretaria de Análise Político e Social, Carolina Bescansa, na rolda de contactos que este partido mantén coas diferentes formacións que se integraron en coalicións xunto á formación morada.

Anova advirte da "completa sintonía" con Podemos nas "dúas patas" fundamentais: "plurinacionalidade e temática social"

Co obxectivo de analizar o resultado do 20D, artellar o funcionamento do grupo galego e a súa coordinación respecto de temas coincidentes, Anova e Podemos mantiveron unha primeira xuntanza "informal" na que se amosou a "completa sintonía" nas "dúas patas" nas que se asentou o acordo ao que chegaron para se presentar xuntos ás xerais, ao carón doutras formacións e dentro de En Marea: "a plurinacionalidade e a temática social". 

Segundo fontes de Anova, Podemos deixou claro que "non vai baixar da burra" respecto da súa "defensa da plurinacionalidade, do dereito a decidir e da conformación do grupo galego no Congreso, así como dos grupos catalán e valenciano". De feito, estas mesmas fontes aseguran que a formación morada, En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podem preparan xa unha "estratexia conxunta" de cara á conformación da Mesa do Congreso para defender o dereito á formación de cada un dos grupos e ante a posibilidade de que PP e PSOE se unan para impedilo. Sen dar máis detalles, as mesmas fontes advirten dunha posición firme e unitaria. 

Podemos, En Marea, En Comú e Compromís pactan unha "estratexia conxunta" para defender os seus grupos propios ante a posibilidade de que PP e PSOE o impidan

Será o vindeiro 13 de xaneiro cando se forme a Mesa, composta por un presidente e oito membros, divididos en catro vicepresidentes e catro secretarios. De non acadar ninguén a maioría absoluta na primeira votación, celébrase logo outra entre os candidatos máis apoiados, polo que será o grupo socialista quen terá na súa man acceder ás peticións de Podemos e as diferentes candidaturas de esquerda para obter o seu apoio ou unirse ao PP para impedir a formación dos grupos de En Marea, En Comú e Compromís.

Tanto Beiras como Pablo Iglesias teñen claro que a conformación da Mesa do Congreso será xa "clave" para determinar "por onde vai ir a lexislatura" ou mesmo se é ou non moi longa. "De pactar PP e PSOE, albiscarase xa unha gran coalición e iso supón unha clara mensaxe e advertencia aos grupos de esquerda", aclaran fontes de Anova, que agardan que sexan "outras vías" as que finalmente acaben por abordarse. 

"De pactar PP e PSOE na Mesa do Congreso, albiscarase a gran coalición e unha clara mensaxe aos grupos de esquerda"

Polo demais, fontes de Anova dixeron ter comprobado de novo nesta última xuntanza a "aposta decidida de Podemos pola plurinacionalidade e a defensa do dereito a decidir". "E non só en Catalunya, senón para o resto de nacións do Estado e para outras moitas cuestións", din tras aclarar que a formación morada está convencida de que esa defensa dun Estado plurinacional e diverso "conta cunha importante aceptación cidadá, non só nas nacionalidades históricas, senón tamén noutros moitos lugares, incluído Madrid". "Isto vai máis aló dun referendo, senón que ten tamén algo de pedagóxico entre sectores que acollen sen problema un intento por abordar a cuestión territorial como nunca antes o fixera unha formación estatal", insisten. 

Por outra banda, na xuntanza tratouse tamén o apoio de En Marea á Lei 25 de emerxencia social que Podemos pretende presentar xa no Congreso o vindeiro 13 de xaneiro, así como da necesidade de nomear "interlocutores claros" para cada unha das temáticas que se traten entre a formación morada e a coalición galega no funcionamento diario na Cámara Baixa. Ademais, fontes de Anova aclararon que nada se tratou aínda das futuras eleccións autonómicas en Galicia e da posibilidade de repetir a fórmula da coalición que se deu para as pasadas xerais. 

Beiras e Pablo Iglesias, durante a xuntanza © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.