Iglesias e Gómez Reino chaman a acadar en Galicia o cambio que xa se produciu no Goberno do Estado

Antón Gómez-Reino, con Pablo Iglesias e Yolanda Díaz © Podemos

Pablo Iglesias regresaba este sábado a un dos seus escenarios fetiche en Galicia, o Palexco da Coruña. Aquel no que en 2015 centos de persoas ficaron fóra no mitin que catapultou á candidatura da Marea Atlántica. E tamén o auditorio que encheu na campaña electoral das eleccións xerais do 10N. Desta volta o acto serviu para lanzar a candidatura á Xunta de Galicia en Común e de Antón Gómez-Reino e para lanzar igualmente a mensaxe de que o cambio político en Galicia é posible.

"Dicían que non era posible un goberno de coalición no Estado. E fixémolo. Dicían que non se podía subir o salario mínimo. E fixémolo. Agora din que non se pode derrotar a Feijóo. E tamén o faremos"

"Que non vos digan que 'non se pode'. Levan seis anos dicíndoo", dixo Iglesias nun momento do seu discurso. "Dicían que non era posible un goberno de coalición no Estado. E fixémolo. Dicían que non se podía subir o salario mínimo. E fixémolo. Agora din que non se pode derrotar a Feijóo. E tamén o faremos", subliñou Yolanda Díaz. Tanto eles dous como o propio Gómez-Reino repetiron unha e outra vez a mensaxe de que cómpre acadar en Galicia o mesmo cambio que xa se produciu no Goberno do Estado, a través dunha coalición de esquerdas.

As eleccións ao Parlamento galego do 5 de abril serán -xunto cos comicios vascos do mesmo día- a primeira cita na que se medirá o Goberno progresista. No mitin houbo constantes referencias ás medidas postas en marcha polo Executivo nas últimas semanas, dende a suba do salario mínimo, á supresión do despedimento por enfermidade, á declaración de emerxencia climática ou o imposto ás multinacionais tecnolóxicas.

Intervención de Yolanda Díaz no mitin © Podemos

"Non só demostramos que podiamos estar no goberno, senón que demostramos que gobernamos mellor"

"Imos derrogar a reforma laboral do Partido Popular. Sobre o traballo indecente créanse sociedades indecentes", dixo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Mentres, o vicepresidente Pablo Iglesias fixo énfase na capacidade de xestión da formación de esquerdas: "Non só demostramos que podiamos estar no goberno, senón que demostramos que gobernamos mellor". 

Ambos os dous destacaron ademais, coa mirada posta no 8M, a inminente aprobación da Lei de Liberdade Sexual que garantirá por lei que "só si é si". "As mulleres non necesitamos que nos protexan, o que necesitamos son leis e recursos públicos para que deixen de asasinarnos", subliñou Díaz.

"Feijóo estivo moi calado nos sete anos de Goberno de Rajoy", dixo Gómez-Reino

Na súa intervención, Antón Gómez-Reino atacou a Núñez Feijóo: "Fronte á fama de bo xestor de Feijóo, hai que lembrar que dende que goberna a débeda da Xunta multiplicouse por cinco". "Esta campaña vai de desmontar a maquinaria de propaganda do PP", dixo o candidato de Galicia en Común, que subliñou que "Feijóo estivo moi calado nos sete anos de Goberno de Rajoy".

Un silencio de Núñez Feijóo que tamén foi salientado por Pablo Iglesias: "Sempre dixen que Feijoo é un tío moi listo, o máis listo do Partido Popular. Tan listo que agora di que non é do PP. Pero unha cousa é ser listo é outra pensar que a xente é parva", dixo o líder de Unidas Podemos, que atacou o discurso de "estabilidade" lanzando polo candidato popular. "Estabilidade é que o 10% das camas de hospital de Galicia? Estabilidade é que Galicia perda poboación? Estabilidade é querer pechar o paridoiro de Verín, que se segue aberto é pola mobilización dos veciños e veciñas?", dixo Iglesias.

"Tamén lle dicían que non se podía á xente de Corcoesto, ou á xente que loitaba contra a mina de Touro, ou á veciñanza que conseguiu evitar o peche do paridoiro de Verín"

Pablo Iglesias atacou tamén a Núñez Feijóo a través da coñecida fotografía con Marcial Dorado: "Cando alguén pensa na foto máis famosa de Antón Gómez-Reino pensa na súa foto nas mobilizacións dos traballadores de Alcoa. Pero cando se pensa na foto máis famosa de Feijóo, pénsase na súa foto con Marcial Dorado". 

Gómez-Reino chamou á mobilización dos votantes de esquerdas, lembrando que "en Galicia hai unha maioría progresista", como quedou demostrado nas municipais do 2015 ou nas últimas convocatorias de eleccións xerais, nas que as forzas progresistas obtiveron unha vitoria moi clara. "Cando a xente de mobiliza, claro que se pode gañar", dixo, lembrando que "tamén lle dicían que non se podía á xente de Corcoesto, ou á xente que loitaba contra a mina de Touro, ou á veciñanza que conseguiu evitar o peche do paridoiro de Verín".

Antón Gómez-Reino, no mitin de Galicia en Común no Palexco © Podemos

Iglesias comprometeuse a que "cando botedes a Feijoo o 5 de abril, bañarémonos de novo no Tambre"

Ata o Palexco da Coruña achegáronse militantes e simpatizantes procedentes de toda Galicia. Tamén representantes de colectivos sociais, que durante o mitin deixaron oír as súas reivindicacións. Dende as entidades en defensa da memoria histórica, ata membros da plataforma de vítimas do Alvia, que lle entregaron a Pablo Iglesias unha petición para que impulse dende o Goberno unha investigación técnica independente sobre o accidente.

Como anécdota, durante a súa intervención Pablo Iglesias lembrou unha ocasión, hai anos, na que se bañou no río Tambre -en Ponte Maceira- con Antón Gómez-Reino. Iglesias comprometeuse este sábado a que "cando botedes a Feijoo o 5 de abril, bañarémonos de novo no Tambre".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.