Incendios, sector lácteo, caixas...: A oposición demándalle ao PP debate no Parlamento

Comparecencia parlamentaria do presidente da Xunta CC-BY-SA Conchi Paz

A crise case desesperada do sector lácteo, a crecente preocupación ante a posibilidade de sufrir unha importante vaga de lumes este verán, a situación de pobreza e exclusión na que viven centos de milleiros de galegos e galegas, a negativa evolución da economía galega, o desmantelamento dos servizos públicos na zona rural, ou a depuración de responsabilidades políticas na liquidación das caixas de aforro. Os partidos da oposición queren que estes e outros problemas relevantes e urxentes que está a sufrir Galicia se debatan no Parlamento e que o presidente da Xunta ofreza explicacións directas na cámara.

O PSdeG-PSOE vén de presentar unha solicitude formal para a celebración urxente dunha reunión da Deputación Permanente do Parlamento, para que se proceda á convocatoria dun Pleno extraordinario neste mes de xullo. Os socialistas queren que neste pleno compareza Alberto Núñez Feijoo "para dar conta da estratexia a desenvolver con respecto ao sector lácteo nos vindeiros meses", explicar a estratexia do Goberno galego "de loita contra a desigualdade", para debater "o desmantelamento dos servizos públicos no medio rural", e ofrecer información sobre "os medios dedicados á prevención e extinción de incendios forestais".

Perante esta negativa situación económica, os socialistas cren aínda máis "grave" a "mínima actividade" do Goberno galego e "dun presidente cada vez mais irrelevante”

O pasado venres o portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, sinalou que o presidente da Xunta mantén unha “actividade económica mínima e unha actividade política cada vez mais irrelevante” mentres a situación económica e social de Galicia vai “a peor”. Méndez Romeu lembrou que a taxa de actividade se sitúa en Galicia 6 puntos por debaixo da media española, e que o PIB crece en Galicia tres veces menos do que o fai no conxunto do Estado (a metade no último trimestre) e sinalou que, mesmo así, "sorprendemente a Xunta reduce a execución orzamentaria a niveis alarmantes" pois "nos catro primeiros meses do ano o goberno galego só executou o 10 por cento do investimento". Méndez Romeu engadiu que Galicia só foi capaz de captar o 0,24 por cento do investimento exterior de todo o Estado, fronte ao 1,4 por cento de 2013.

Perante esta negativa situación económica, os socialistas cren aínda máis "grave" a "mínima actividade" do Goberno galego e "dun presidente cada vez mais irrelevante”, sinalando por exemplo a súa "baixa actividade lexislativa", con dous proxectos de Lei nos seis primeiros meses do ano, "fronte ás 20 comprometidas por Feijóo o pasado ano".

O BNG tamén vai solicitar a reunión da Comisión Permanente do Parlamento para que Feijóo compareza a explique as medidas do Goberno autonómico en defensa do sector lácteo

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, anunciou este mesmo luns que o BNG tamén vai solicitar a reunión da Comisión Permanente do Parlamento galego para que Feijóo compareza a explique as medidas do executivo autonómico en defensa do sector lácteo. "A renuncia do Estado e da Xunta a regular o sector e a fixar prezos mínimos deixa aos produtores a expensas do que decidan as cadeas de distribución”, afirmou Vence. O BNG esíxelle á Xunta que lle demande ao Goberno central "medidas urxentes para frear este poder omnímodo e evitar as súas políticas de abuso”.

 

"Bloqueo" á comisión de investigación das caixas

AGE esixe a reapertura da comisión e, diante das últimas novidades, a comparecencia do ex supervisor do Banco de España

Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou este luns o PP de "bloquear" a comisión parlamentaria de investigación sobre as antigas caixas de aforro e esixiu a reapertura do órgano parlamentario e, diante das últimas novidades, a comparecencia do exsupervisor do Banco de España"para que aclare as súas afirmacións sobre o carácter político non amparado polos números de toda a operación". AGE responsabiliza directamente do"bloqueo" ao "interese de Alberto Núñez Feijóo por ocultar as súas responsabilidades directas na desfeita que desembocou na liquidación das entidades". “Queremos que Feijóo non eluda a explicación do seu papel nas decisións que conduciron á liquidación das caixas”, afirmou Antón Sánchez.

Antón Sánchez lembrou que quen foi supervisor do Banco de España na época da fusión, Pedro González, vén de declarar na Audiencia Nacional, que a entidade “non era favorábel á fusión” e que unicamente foi adiante polo “empeño” da Núñez Feijóo. Sánchez destacou que "o goberno galego non dubidou en disfrazar un documento da compañía KPMG como auditoría aínda que sabían que non se trataba, segundo a propia consultora indicaba, máis que dun diagnóstico acelerado sobre aspectos limitados, parciais e previamente fixados pola propia Xunta, sobre datos achegados pola Consellaría de Facenda, nunha carta de encargo”. Sánchez sinala que KPMG mesmo afirmaba que as conclusións do informe non era unha recomendación de fusión, "contra o que despois afirmou, nunha secuencia continua de embustes, o propio Feijóo".

“A ocultación de información e o bloqueo da comisión do Parlamento só amosan que Feijóo pretende gañar tempo e agochar a súa responsabilidade directa na desaparición das caixas”

AGE subliña que "esa carta de encargo é un documento chave do proceso que fixaba os documentos a estudar”. Porén, ese documento "desapareceu da comisión parlamentaria de investigación sobre o asunto". “É algo intolerábel”, destaca Antón Sánchez, que conclúe que “a ocultación de información e o bloqueo da comisión do Parlamento só amosan que Feijóo pretende gañar tempo e agochar a súa responsabilidade directa na desaparición das caixas”.

Pleno no Parlamento © Parlamento de Galicia
Comparecencia parlamentaria do presidente da Xunta CC-BY-SA Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.