Industria recúa e ergue o veto ás axudas a Santiago e Teo por enviar un informe en galego

O presidente do IDAE, Alberto Nadal, nun acto da Fundación FAES © FAES

Aos tres meses, o IDAE recúa. O Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, dependente do Ministerio de Industria do Goberno de España, vén de emendar o veto que impuxera aos concellos de Santiago e Teo para optaren a un programa de axudas de renovación do alumeado público por presentaren, xunto ás súas solicitudes, senllos informes das súas intervencións municipais redactados en lingua galega. Segundo confirmou este luns o alcalde da capital galega, Martiño Noriega, o consello de administración que preside Alberto Nadal "estima", agora si, a reclamación do seu goberno, permitindo así que o concello santiagués se reincorpore ao proceso.

O conflito entre estes gobernos municipais e o IDAE remóntase ao pasado mes de xullo. Daquela o goberno teense, primeiro, e xusto a continuación o de Santiago, revelaron que o ente os excluíra dunha convocatoria de préstamos para renovar o alumeado público -por importe de 3,27 e 1,5 millóns de euros, respectivamente- acusándoos de obviar as bases da convocatoria, que esixía achegar a solicitude en castelán, e facelo ademais por "resistencia". Ambos concellos salientaron que toda a documentación remitida fora elaborada en lingua castelá agás un único informe cuxa tradución, resaltaban, fora enviada traducida ao IDAE cando foron advertidos. Agora esa tradución si é admitida.

O IDAE excluíra ambos concellos dos préstamos aínda que achegaran unha tradución ao castelán do informe, que agora admite

Tras ignorar as primeiras alegacións dos dous concellos e no medio dun notable rebumbio mediático e político -A Mesa pedira explicacións formalmente e mesmo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerara o acontecido "un erro ou un disparate"-, este luns o Concello de Santiago recibiu a notificación sobre a reclamación presentada no propio mes de xullo. Desta volta, di Noriega, o IDAE "estima" a petición do consistorio e "permite que Santiago volva optar a recibir o préstamo" que, de ser concedido, permitirá "actuar en 2.500 puntos de luz" e devolver os fondos ao Estado nun período de dez anos, "cun ano de carencia e sen xuros".

Nas axudas a empresas privadas o organismo estatal si admite documentos "en calquera das linguas cooficiais do Estado"

O IDAE dá así parcialmente marcha atrás nun criterio que, alén de obstaculizar o uso normal do galego na Administración, supón empregar un criterio diferente para institucións públicas e empresas privadas. Non en van, como detallou Praza.gal, mentres impedía que concellos de Galicia achegasen papeis en galego o organismo estatal tramitaba outras liñas de axudas dirixidas a empresas privadas nas que tamén esixía realizar a solicitude en castelán, pero cunha excepción: "A documentación de carácter oficial que poida expedir unha administración pública (...) poderá estar en calquera das linguas cooficiais do Estado", indicaba.

Con este movemento a entidade dependente de Industria semella axustarse con máis precisión ás propias bases da convocatoria á que volven optar Santiago e Teo. Non en van, o IDAE sinalaba nesas regras que no caso de existir documentación con "defectos ou omisións subsanables" os concellos serían "requiridos" para ofrecer unha solución. No entanto, o criterio inicial neste caso foi aplicar o suposto previsto para cando un concello non entrega un documento. Isto é, ao estar redactado en galego, considerou inicialmente que os informes de intervención, simplemente, non existían.

Unha das rúas nas que o Concello de Santiago prevé renovar o alumeado co préstamo do IDAE © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.