Inédita unidade política no inicio da investigación ás antigas caixas

Feijóo, con Gayoso e Varela, na sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Conchi Paz

Cara e cruz, dúas facianas políticas do mesmo grupo parlamentario en senllas salas do Parlamento separadas por uns poucos metros. A Cámara galega acolleu na tarde deste martes a xuntanza da comisión de investigación sobre as antigas caixas, por unha banda, e a da comisión de estudo sobre a corrupción, pola outra. Na primeira o PP abriu notablemente a man, ata o punto de lograr que o plan de traballo -nómina de comparecentes e documentación da que disporán os grupos- saíse aprobado por unanimidade. Na segunda os conservadores pechárona absolutamente, ata o punto de que o plan de traballo da comisión é o redactado polo propio PP, propiciando así que se aborde a cuestión da corrupción política sen que acuda a comparecer ningún responsable político en activo.

Dados os precedentes, os grupos da oposición chegaron á comisión das caixas coa máxima das cautelas. Francisco Jorquera, do BNG, amosou "disconformidade" coa aposta do PP por pasar "o rodil". Xosé Manuel Beiras, en representación da AGE, advertía de que o seu grupo non ía ser "convidado de pedra" dunha "comisión do PP". Abel Losada, polo PSdeG, insistía en que a "saúde democrática" de Galicia esixe que non se contribúa a "tapar" os "comportamentos reprobables" practicados en Caixa Galicia e Caixanova. Pero o voceiro popular, Pedro Puy, amosou que, por unha vez, o grupo maioritario mudara o guión, e que existía disposición ao acordo.

A oposición "agradece" o "esforzo" do PP por achegar posturas e os conservadores, a "actitude" do resto de grupos

Tras un receso no que os voceiros conversaron entre si para ultimar o pacto, o ton do debate relaxouse notablemente. "Se o esforzo de negociación que fixeron hoxe o fixesen nos días previos, aforraríame a miña primeira intervención", ilustrou Jorquera, quen non dubidou en "agradecer o esforzo do Grupo Popular" para "atender" tanto as solicitudes de documentación da oposición como as peticións de comparecentes. Tamén Beiras se amosou "satisfeito" porque o PP "facilite" qeu a comisión "comece con bo pé", porque isto implica que "poderemos dar confianza aos nosos representados" a respecto da "utilidade" deste órgano parlamentario. Tamén Losada considera que o acordado "mellora significativamente a proposta da Mesa, que era a do PP", enviando un "sinal político moi positivo" no inicio dos traballos.

O agradecemento da oposición foi respondido polo voceiro popular, que chegou a eloxiar a "actitude de BNG, AGE e PSdeG nesta negociación". O PP, asegura Puy, concorda con que "Galicia merece unha explicación para saber que pasou coa extinción do sistema de banca social" no país e por iso accedeu a incorporar á nómina de comparecentes nomes como os do ex presidente da CNMV Manuel Conte, os de José Manuel García Iglesias e Guillermo Brea, que xestionaron a obra social das malogradas caixas, ou a representantes das plataformas de persoas de afectados polas preferentes da Coruña e Santiago, ademais dun membro de ADICAE. Mesmo, "aínda que sexa un pouco atípico", os populares acceden a concederlle "ao profesor Beiras" que se "tome un pouco de tempo" para contactar con algúns dos economistas aos que AGE desexa incorporar á comisión.

Veto no estudo da corrupción

"Acaban de poñerlle a mordaza a esta comisión"

Mentres reinaba o acordo na comisión das caixas, a de prevención da corrupción vivía o enésimo desencontro entre o grupo que sustenta ao Goberno e a oposición. O PP, como xa avanzara, non aceptou que pasen por este órgano parlamentario responsables políticos en activo. Isto deixa fóra, por exemplo, a pretensión da oposición de que acudisen a comparecer, entre outros, o presidente da Xunta, os das deputacións ou diversos alcaldes. Tampouco aceptaron, por exemplo, a asistencia de xornalistas expertos na materia nin de determinados representantes do mundo académico. "Acaban de poñerlle a mordaza a esta comisión", reprochou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, que, igual que a representante do BNG, Tereixa Paz, lamenta que o traballo deste órgano comece cun "veto".

Tamén o socialista José Luis Méndez Romeu considerou que a esta comisión deberían de "ser convocados aqueles que, por razón do seu cargo, deben coñecer desta situación" e censurou que o grupo que o sustenta ao goberno non os aceptase baixo "ningún concepto". O representante do PP, Alberto Pazos, considera que a actitude da oposición se reduce, esencialmente, a "palabras grosas" e defende a aposta do seu grupo, cunha lista de comparecentes entre os que non se atopa ningún responsable político e na que apenas se introduciron modificacións a respecto da proposta inicial do PP.

Puy, na comisión das caixas CC-BY-SA Praza Pública
Voceiros da oposición, no debate das caixas CC-BY-SA Praza Pública
Voceiros da oposición, na comisión sobre corrupción CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.