Informar nas rúas de Santiago xa non será de balde

A secretaria xeral de Igualdade visita unha mesa de Caritas en Santiago, nunha imaxe de arquivo © Caritas

Falar é gratis? Depende. Se é nunha rúa de Santiago e por tras dunha mesa, en pouco tempo deixará de selo. Apenas unha semana despois da súa última controversia a respecto do uso dos espazos públicos, cos atrancos á manifestación de Queremos Galego finalmente derrubados pola Xustiza, o Concello compostelán abre o que, previsiblemente, se converterá nunha nova fronte de batalla cos movementos sociais e culturais da cidade. O equipo de goberno dirixido por Ángel Currás (PP) aprobou inicialmente o pasado luns o seu proxecto de "ocupación e uso da vía pública", unha ampla normativa que abrangue dende os espazos de carga e descarga ata as canalizacións de subministros pero tamén un punto máis rechamante: o cobramento por instalar mesas informativas nas rúas e prazas.

Segundo o concelleiro santiagués de Seguridade, Albino Vázquez, os novos preceptos non fan máis ca actualizar a anterior norma, "que quedara obsoleta", pero o seu avance amosa que vai bastante máis alá da ordenanza vixente dende 1998. Argumenta o consistorio que "non estaban reguladas" instalacións como caixeiros automáticos de entidades bancarias, "os puntos de descarga de vehículos eléctricos" e tampouco as "mesas informativas" que adoitan instalar diversas entidades sociais para espallar a súa actividade entre a cidadanía. Estas instalacións tan dispares terán un tratamento semellante na capital de Galicia e todas elas "pagarán a súa correspondente taxa", anuncia o goberno compostelán.

A ordenanza equipara as mesas informativas cos caixeiros automáticos e ambos "pagarán a súa correspondente taxa"

O edil conservador tamén anuncia outras novidades que, atendendo ao texto vixente, non son tales, como as vinculadas as "máquinas expendedoras". Segundo Albino Vázquez estas instalacións "non estaban reguladas" e, coa nova regulamentación, "por regra xeral quedarán prohibidas no espazo público, salvo en momentos excepcionais". Así e todo, unha ollada ao texto de 1998 permite saber que xa estaban vetadas. Nomeadamente, o seu artigo 121 xa sinalaba que  "como norma ou principio xeral, prohíbese a ocupación de bens de uso público, e en especial da vía pública, coa instalación de calquera tipo de máquina expendedoras". O que si é novidoso é a imposición de taxas polas devanditas mesas informativas, xa que a anterior norma se centraba, esencialmente, en aspectos vinculados ao tráfico, ordenación vial ou colocación de aparellos de obra, entre outros aspectos.

O que tamén se actualiza notablemente é o réxime sancionador. Se en 1998 as multas máis elevadas -derivadas de sancións de tráfico- chegaban ás 250.000 pesetas -uns 1.500 euros- agora as as moi graves oscilarán entre os 3.000 e os 6.000 euros, as graves estarán entre 500 e 3.000 e as leves poderán chegar aos 500 euros.

A secretaria xeral de Igualdade visita unha mesa de Caritas en Santiago, nunha imaxe de arquivo © Caritas
Albino Vázquez, edil de Seguridade de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.