Interior gábase da "transparencia" dos cárceres mentres impide que deputados os visiten

Cárcere de Teixeiro © Parroquia de Teixeiro

O pasado abril o Ministerio do Interior impedía que unha delegación de deputadas do PSdeG no Parlamento de Galicia visitase varios cárceres galegos para "coñecer directamente as queixas" da poboación reclusa e avaliar o estado xeral dos centros penitenciarios. Entre os argumentos esgrimidos por Institucións Penitenciarias para sustentar a prohibición figuraba estes centros xa "son visitados por deputados e senadores nacionais cando así o solicitan". A explicación sorprendeu no Congreso dos Deputados, a algúns de cuxos membros tamén se lles veñen aplicando vetos parecidos. Tras unha nova pregunta Interior presume de "transparencia" nos cárceres, pero teima no veto aos deputados.

A publicación da información a respecto da prohibición ás socialistas galegas foi recollida por Jon Iñarritu, deputado de Amaiur, formación que se dirixiu formalmente a Interior para considerar "estraña a afirmación de Institucións Penitenciarias" a respecto das supostas visitas de membros das Cortes ás prisións, toda vez que "deputados e senadores de Amaiur en numerosas ocasións solicitamos tanto visitar centros penitenciarios como a internos e en todos os casos se nos negou esa posibilidade, e mesmo algunha das nosas solicitudes ficou sen resposta". Asemade, indicou Iñarritu no seu escrito, o Ministerio prohibiulle ao Defensor do Pobo Andaluz visitar o cárcere de Córdoba para "interesarse pola situación dos internos que padecen enfermidade mental".

Amaiur dirixiuse a Interior tras o veto á visita de deputadas do PSdeG a cárceres galegos

Estes impedimentos, abonda Iñarritu, prodúcense nunha situación na que "os parlamentarios autonómicos e estatais non son os únicos que se atoparon ante situacións deste tipo". Así, por exemplo, lembra, "o 27 de xuño de 2013 varios europarlamentarios tentaron visitar sen éxito o centro penitenciario de Logroño e ao preso vasco Arnaldo Otegi". Naquela ocasión a dirección do cárcere "argumentou aos eurodeputados que non existía constancia de ningunha petición" e, despois "dunha hora facendo xestións, un mando da Garda Civil comunicoulles que non podían efectuar a visita e procedeu a identificalos", feito que "chocou sobremaneira aos membros do Parlamento Europeo".

Iñarritu lembra que a deputados e senadores da súa formación e ao Defensor do Pobo andaluz tamén lles impediron visitar cárceres

Ante todas estas prohibicións, sufridas tamén por "xuíces, fiscais, membros de organizacións internacionais" e mesmo do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa" Iñarritu reclamou que o Goberno de España aclarase as razóns polas que "dificulta ou impide" todas estas visitas. Esixiu, ademais, que o ministerio aclarase por que "faltou á verdade" ao "sinalar a varias parlamentarias galegas que os centros son visitados por deputados e senadores nacionais cando así o solicitan" e "cal é a razón pola que se impediu a visita da delegación do Parlamento de Galicia a cárceres de Galicia". "Non estima o Goberno que ten un problema de transparencia e de opacidade en relación aos centros penitenciarios, de retención e de detención?", cuestionou.

Os argumentos do Goberno

A resposta a estas preguntas chegou a finais do pasado xuño. No seu escrito Interior comeza especificando que só Catalunya ten transferidas as competencias en materia penitenciaria, mentres que "na Comunidade Autónoma de Galicia non se atopa transferida", polo que "os membros das Cámaras Autonómicas carecen de prerrogativas para fiscalizar unha actividade estatal". "Por análogo motivo -afirma- os defensores do pobo das comunidades autónomas" carecen, ao seu xuízo, de "facultades" para realizar este labor agás que o fagan "en coordinación e co apoio do Defensor do Pobo nacional".

"Pódese afirmar que a xestión da actividade penitenciaria goza da maior transparencia", di o Ministerio, que se volve negar a que deputadas e deputados visiten as prisións

"O control da actividade da Administración Penitenciaria realízase a través de diversas instancias", tanto por parte de "organismos encargados da defensa dos dereitos humanos" como pola banda da xudicatura e da fiscalía, sinala. Ademais, o Ministerio asegura que "existe un control por parte de deputados e senadores", se ben, ao contrario do respondido ás parlamentarias galegas, matiza que o fan "de conformidade co establecido nos Regulamentos das Cámaras".

Neste escenario Institucións Penitenciarias conclúe que "se pode afirmar que a xestión e o desenvolvemento da actividade penitenciaria goza da maior transparencia". A española, afirma, "é unha das lexilacións que máis controis contemplan no ámbito da Unión Europea, existindo unha grande inxerencia por parte das diversas institucións". Os deputados e deputadas, en calquera caso, seguirán tendo prohibido o acceso.

Cárcere de Teixeiro © Parroquia de Teixeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.